Navegación

No se han creado páginas aún

9.2.2.- A LOMCE e o primeiro ciclo de educación infantil

Ao ser mestre de educación infantil do primeiro ciclo, véxome na obriga de afondar nesta lei para ver que me atopo sobre este ciclo. Pois resulta que despois de mergullarme o único que atopo é que non se fai mención a el por ningunha parte.


Nunha primeira reflexión penso que unha vez máis se menosprecia a esta etapa educativa, non podemos esquecer que nos primeiros anos de vida é cando se producen máis cambios nunha persoa e cando se establecen as bases da mesma (aprender a andar, a comer, a falar,...), en cambio seguimos baixo o mesmo parauguas asistencial e de desprestixio de cara a este ciclo educcativo e os seus profesionais.

Isto non é de estrañar pois existe unha tradición histórica deste ciclo, no que a súa única función é a de satisfacer as necesidades fisiolóxicas dos nenos e nenas, e que estes estean ben atendidos, é dicir un carácter puramente asistencial. Esta é unha herdanza moi difícil de modificar contra a cal os profesionais deste ciclo educativo estamos a loitar.

Seguimos observando como por exemplo as escolas infantís de 0 a 3 anos, son coñecidas como garderías, que coa significatividade da linguaxe, parece que mais que educar, gardamos un rato aos nenos/as. É certo que estes centros teñen un carácter educativo-asistencial importante para conciliar a vida familiar e laboral, agora ben, sexamos conscientes (familias, profesionais e a sociedade en xeral) da importancia destas idades e fagamos esa asistencialidade educativa.


Os nenos e nenas están cheos de potenciailidades, e as persoas responsables do seu cargo (familia e persoal das escolas) teñen que ser un apoio que facilite o seu desenvolvemento persoal: físico, afectivo e cognitivo. Por tanto, os adultos son guías, apoios,... pero os protagonistas principais do seu propio aprendizaxe son os nenos/as.

Outro claro exemplo do valor que se lle da a Educación Infantil do primeiro ciclo, é o tratamento que lle da a propia Universidade e o seu profesorado. Na miña formación en educación infantil as únicas nocións referentes aos primeiros tramos de idade, foron en “Psicoloxía da educación do desenvolvemento en idade escolar”, na que a visión inicial dos tres primeiros anos de vida dun neno/a foi só un breve retazo, o resto da formación centrouse no traballo no segundo ciclo.

Cando dende a propia Universidade non se dá unha visión máis fonda do traballo no tramo educativo 0-3, é moi normal que os profesionais que traballamos no ciclo 0-3, teñamos un gran descoñecemento de como enfocar ese traballo cos nenos e nenas, e haxa situacións aínda moi desaxustadas, como por exemplo: actividades excesivamente dirixidas para os nenos/as, tendencia a que os cativos/as permanezan sentados moito tempo, a contaminación do traballo por fichas (non son adecuadas: polo tamaño, pola descontextualización e pola esixencia e resultadismo que as acompaña),...


Agora ben, que a formación non fose boa neste ámbito, non pode servir como xustificación para non facer o traballo doutra maneira. É moi importante que os profesionais deste ciclo educativo, sexan persoas preocupadas polo seu traballo, cunha competencia profesional que vai máis alá do bo trato á infancia, na que a busca de información, a reciclaxe de coñecementos, a reflexión nos equipos de traballo... axude a mellorar as prácticas educativas que se desenvolven na escola e a trocar a visión puramente asistencial da sociedade en xeral.

 

Dito todo isto, nunha segunda reflexión, despois der repousar o enfado inicial, e de repensar mellor o feito de que a educación infantil do Primeiro Ciclo non apareza recollida na LOMCE, creo que temos que estar aliviados con que este Ciclo non sexa tratado, pois tan só teño que recordar ao ministro Wert, dicindo que esta etapa non se pode considerar educativa. Medo me dan as modificacións que este goberno podería facer, polo que polo menos non damos pasos atrás, e mantemos o que temos, a nivel educativo.. Con isto non quero dicir, que non haxa que pelexar por que se lle recoñeza ao primeiro ciclo e aos seus profesionais como unha etapa educativa de vital importancia.