4. Desenvolvemento do e-portafolios

Como todo portafolios que posúe un fío condutor clave, este sen dúbida tamén o atesoura. Non é que apostase por un fío argumental concreto dende o comezo nesta rede social, senón que, este constituíuse grazas ó meu interese de cara ós valores da sociedade e a relación establecida coa formación e o desenvolvemento profesional do profesorado. Como ollamos a través das diversas seccións do entorno virtual, implicitamente sempre se pode ver a temática dos valores, pero porque? Como xa comentei, considero que os valores e a educación son o alicerce desta sociedade, neles baséanse as actuacións de todas as persoas nunha comunidade. Así é que, os profesores como profesionais que se encargan de educar (xunto coas familias e, en menor medida, xunto coa sociedade en xeral) ó seu alumnado, correspóndelle a dura tarefa de ensinar, e canto non, educar, polo que, como verificamos ó longo dalgunha entrada ó blog, esta labor, non é sinxela. Ademais, os valores que posúan os profesores van influír directamente no xeito de desenvolver as súas sesións de clase, no como, na súa metodoloxía imperante, dende o meu punto de vista. Como vin desenvolvemento nalgunha que outra entrada ó blog, a falta de compromiso ou responsabilidade que posúe algún que outro profesor son parte dese sistema de valores que cadaquén leva a cabo de xeito implícito.

image

          Con isto, e dende a miña maneira de ollar, se os responsables das políticas educativas realmente desenvolvesen un valores sans de cara á comunidade, non primando os intereses individuais e velando polo ben da sociedade, considero que as reformas educativas impostas serían beneficiosas para a educación e, en particular, para a figura do profesor.

           A través do exposto, que mellor maneira de consolidar o explicado amosándovos aqueles termos que presidían a miña nube de tags? Deste xeito, as primeiras palabras que posúo nesta nube son: tecnoloxía, profesorado, educación, valores, reflexión, formación, sociedade, tecnoloxía educativa, aprendizaxes, autonomía, metodoloxía, alumnado, formación permanente e transformación. Ben é certo que termos como tecnoloxía ou tecnoloxía educativa non gardan unha relación totalmente dependente do que ven sendo a formación e o desenvolvemento profesional do profesorado, pero como é lóxico estes proceden das entradas publicadas o ano pasado na materia de “Tecnoloxía Educativa”. Se nos retemos a observar estas primeiras palabras, tómase constancia de que o profesorado, a educación e os valores son os termos nos que rondaban as miñas explicacións, tal como presentei nos parágrafos anteriores, os valores constitúen ese aspecto subxectivo oculto en nós e que deixamos ver mediante as nosas actuacións, creo que aí tamén radica que algunhas prácticas educativas dos profesores sexan máis educativas e pedagóxicas que outras, procurando realmente estes profesores as aprendizaxes significativas dos alumnos, como fin último e obxectivo que todo profesor debe perseguir.

            Os tweets, os arquivos, as entradas, os favoritos ou o grupo foron configurando a estrutura deste e-portafolio. Nos arquivos publicaba todos aqueles documentos de diversos autores que ía atopando pola rede sobre algún aspecto en concreto que desenvolvía na miña reflexión e que presentaba nas entradas ó blog. Consideraba que eran de interese para os meus compañeiros, por iso os compartía e tamén establecía unha especie de síntese para que constatasen se os coñecementos presentes no documentos lles atraerían. Algúns dos arquivos son fotografías que emprego para darlle “vitalidade” ás miñas entradas ó blog de forma que todo aquel que lera o que amosaba nelas, atopase un documento que integraba elementos textuais pero tamén audiovisuais. Así necesariamente tiña que subir neste apartado de arquivos as fotografías, por que senón non se me poderían ver nas entradas que ía confeccionando ó non dispoñer estas dun link para poder unilas ó blog.

image

        Nos tweets publiquei principalmente citas de autores. A explicación é sinxela, ó indagar sobre calquera temática que tivera relación coa formación e o desenvolvemento profesional do profesorado atopábame con autores que realmente nos ofrecían citas importantes, no senso de comprimir multitude de información nunha mesma frase e ó mesmo tempo que nos chamara a reflexionar o que alí estaba contido. Como moitas destas citas non as incluín nas entradas elaboradas, considerei relevante compartilas cos meus compañeiros mediante este apartado de tweets. Algúns destes son: "Educar para comprender las matemáticas o cualquier disciplina es una cosa, educar para la comprensión humana es otra" Edgar Morin, "El porvenir está en las manos del maestro de escuela" Víctor Hugo, ou "El profesor mediocre dice, el bueno explica. El profesor superior demuestra, el excelente inspira" William A. Ward. Como se comproba, todos eles asentados baixo ese fío condutor do e-portafolios que explicaba anteriormente.

           A través dos favoritos ía subindo aquelas páxinas webs, revistas electrónicas ou metabuscadores que empregaba de xeito habitual para realizar algunha procura sobre algún aspecto en concreto desta materia e que logo expoñía mediante as entradas ó blog.

image

       Doutra banda, o grupo foi unha sección deste e-portafolios que inauguramos este ano académico con esta materia de “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado”. Considero que, despois das entradas ó blog, foi o apartado no que máis me enriquecín, sobre todo nas discusións que íamos compoñendo e nas que se deixaban ver os diversos puntos de vista sobre unha mesma cuestión que posuímos persoas, aparentemente, con xuízos semellantes. Tomei constancia de elementos dos que eu mediante unha autoformación ou unha autoreflexión nunca me retería a pensar, sen dúbida o grupo foi unha magnífica aposta de cara a medrar en coñecementos e perspectivas.

            Finalmente, o blog foi aquela parte á que máis tempo destinei, xa que o construía en función das indagacións que ía realizando sobre algunha cuestión, das experiencias e das reflexións efectuadas. En xeral, coido que todas as entradas elaboradas son completas e complexas, no sentido de esforzarme nelas á hora de afondar e profundizar no seu contido. Moitas veces non só me servía un autor para contrastar as miñas hipóteses de traballo, polo que procuraba máis referencias para dar resposta ós interrogantes que se me ían cruzando no camiño. Por isto dende o meu punto de vista creo que as miñas entradas son complexas, levan aparellada unha carga de traballo importante, na que sempre ligaba os contidos propios da materia ós meus intereses, somerxéndome de igual maneira no meu fío argumental. En liñas xerais, non podo máis que distinguir entre aquelas entradas realizadas en base ós meus intereses en elementos particulares da formación e desenvolvemento profesional do profesorado e, aqueloutras elaboradas en función do que a profesora, Lourdes Montero, nos ía explicando nas sesións de clase ou mesmo aquelas tarefas que nos encomendaba de modo obrigatorio para realizar, tanto en grupos de traballo como individualmente.

            A continuación, encamiñareime a presentar estas entradas de xeito cronolóxico (dende as iniciais ata as finais) de modo que se observe a evolución que vou tendo no decorrer deste cuadrimestre.