5. Autoavaliación do proceso

Antes de entrar de xeito profundo na miña autoavaliación nesta materia a través da actividade realizada neste e-portafolios, debo amosar dúas entradas ó blog que nos dan conta do que me supuxo a materia de “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado”, así como tamén do que constituíu para min o traballo en equipo (indicar que me gustaría amosarvos as entradas elaboradas en grupo pero non atopo a opción para facelo):

Que me supuxo a materia "Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado?

Que me supuxo a materia “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado”? Esta cuestión lévanos consecuentemente a unha reflexión sobre todo o desenvolto nas sesións de clase tanto interactivas como expositivas da materia, así como toda a labor realizada nesta rede social do grupo de investigación “Stellae”, a todos aqueles aspectos que na liña da formación e o desenvolvemento profesional do profesorado desglosamos, todos aqueles coñecementos, todas aquelas experiencias, todas aquelas concepcións...

            O primeiro día de clase a profesora desta materia, Lourdes Montero, explicounos como a nosa metodoloxía de traballo na materia ía a ser semellante á empregada na materia do ano pasado “Tecnoloxía Educativa”. Neste intre xa comecei a reparar no que isto ía significar para min, en todas as aprendizaxes significativas que desenvolvería, nas tarefas de indagación que levaría a cabo. Ben é certo que quedamos bastante satisfeitos da labor realizada na materia do ano pasado, polo que, posuíndo unha experiencia pasada positiva, supuxen que nesta nova materia a satisfacción sería dun maior grao, e así foi.

image

            Esquecéndonos das meras clases expositivas ás que estabamos acostumados, asistimos a poucas e contadas sesións deste tipo, nas que a profesora non só nos expoñía un tema en concreto de modo teórico, senón que infería dúbidas sobre algunhas das nosas realidades actuais, plantexaba cuestións das que descoñecíamos a resposta, interrogantes como: realmente sucede isto na realidade? Pensades que isto é así?

            Deste modo, constatamos como mediante estas cuestións cadaquén regresaba á casa dándolle voltas sobre o que ocorría ou non na nosa realidade, pero careciamos de datos que fundamentasen as nosas opinións e perspectivas da realidade, é aí onde indagábamos a través dos diversos recursos da rede ou impresos sobre estas preguntas. É aí, onde establecíamos reais aprendizaxes significativas, froito do noso interese, da nosa reflexión, da toma de constancia dos mesmos. Deste xeito, coido que é importante sinalar a figura da nosa profesora da materia, que desenvolveu o rol de profesor dun modo totalmente idóneo, xa que como ben verificamos mediante este camiño pola materia de “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado”, para ser un bo docente na realidade de cambios constantes na que estamos mergullados, este debe ser un guía, un mediador entre os coñecementos e o alumnado, debe orientar no proceso de ensino e aprendizaxe, desvelar ese camiño polo que acadar os coñecementos, o alumno será quen o constrúa en base á súa motivación ou interese de cara a unha determinada temática. Así, non existirán dous alumnos iguais, cada un posuirá coñecementos diversos, afondando naqueles aspectos que cadaquén considere, deixamos xa no pasado aquel profesor que exercía de transmisor dos coñecementos, os alumnos non desenvolvían un papel activo nas aulas, eran axentes pasivos do coñecemento, adicados só a memorización dos mesmos, e non á construción propia dos mesmos como sucede na nosa actualidade.

            Desta maneira, estes elementos construídos por nós mesmos eran publicados na rede social do grupo de investigación “Stellae” a través das diferentes seccións: mediante as entradas ó blog, os arquivos, os tweets, as discusións do grupo ou o blog do mesmo, deixando do mesmo modo ver que favoritos tíñamos en relación a esta materia de estudo. Indicar neste senso que, a nosa rutina cotiá en cada materia é realizar un exame ó fin da mesma, estudando todos aqueles coñecementos que fomos adquirindo no decorrer de cada materia. A este respecto hai que subliñar que en “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado” dáselle importancia máis que ó resultado acadado nun exame final (contando desta maneira só cunha avaliación final sen ter en conta o proceso) ó proceso que fomos conformando no camiño, con que nos atopamos, en que profundizamos, de que maneira aprendemos, non desenvolvemos unha simple comprensión ou memorización de contidos, senón que indagamos nos mesmos, establecemos reflexións sobre eles, conxugamos as nosas experiencias cos contidos, constituíndo sinerxias.

image

            Doutra banda, é de destacar tamén a participación nosa nas sesións de clase, a profesora brindábanos a posibilidade de implicarnos naqueles coñecementos que se ían descubrindo, non só nas sesións de clase interactivas permanecíamos como axentes activos, senón tamén nas propias sesións de clase expositivas nas que tamén se puxeron en marcha técnicas “experimentais” e innovadoras nas que os protagonistas da accións éramos nós, non o profesor, tal como estamos habituados. Así, en moitas ocasións estas sesións empregábanse indistintamente, se no horario estaba planificado desenvolver unha sesión expositiva podíamos desenvolver unha sesión interactiva, é aquí a flexibilidade no proceso.

            Nesta liña, na rede social do grupo de investigación inauguramos unha nova sección que o ano pasado coa materia “Tecnoloxía Educativa” non descubrimos: o grupo. Neste apartado, levantamos un grupo no cal traballamos conxuntamente compoñentes da materia que íamos elaborando e que criamos conveniente pola súa relevancia na materia profundizar, así esta elaboración, por así dicilo, “formal”, era publicada nas entradas ó blog do grupo. Pero, sen dúbida, o que desexo subliñar desta sección é a discusión, elemento totalmente enriquecedor. Pola importancia que lle brindo a este grupo considero principal elaborar unha entrada ó blog tratando este tema en concreto.

            Co modo de desenvolvemento desta materia (metodoloxía) tomamos constancia expresa da mesma, ademais coido que, todos aqueles que nun futuro nos adiquemos ó mundo da formación, esta rede social supuxo que entrásemos de cheo en contacto coas novas tecnoloxías, que traballásemos en, nas e por elas, feito que hai que ter en conta á hora de ocuparnos en calquera eido da nosa realidade no que estamos inmersos nunha realidade na que sen tecnoloxías non avanzaríamos nin evolucionariamos.

            Estou orgullosa con todas as tarefas realizadas, podo dicir que aprendín e aprehendín un lote de coñecementos. Ademais ó posuír a experiencia de manexar a rede social do ano pasado coido que progresei moito, no sentido de controlar a aplicación ó completo, conformando un blog con entradas completamente globais, construíndo unha clara relación entre as outras seccións da rede: tweets, arquivos, o grupo e os favoritos. No tocante a este punto, esclarecer que o meu esforzo foi maior nesta materia que en “Tecnoloxía Educativa”,  xa que tiven unha carga de traballo maior ó dispoñer dun tempo máis escaso en relación ó ano pasado no que se nos prestou máis tempo para conformar este e-portafolios no seu conxunto. Ademais tamén me gustaría dispoñer de máis tempo, de cara a producir unha inmersión en todos aqueles aspectos que se nos ían presentando nas sesións de clase, e que daban lugar a moitos interrogantes.

image

            Finalmente e a modo de conclusión desta entrada, debemos esclarecer que o interese de cadaquén fixo que construíramos camiños diferentes, de aí a riqueza do traballo en equipo, das aprendizaxes colaborativas. A metodoloxía na materia “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado” foi totalmente educativa, no senso de ser pedagóxica (aprender a raíz dos nosos intereses), ó igual que deberían ser todas as materias desta nosa titulación, tentando tornar as realidades educativas tan desastrosas que se producen en moitos centros educativos: prácticas educativas baseadas na repetición dos coñecementos por exemplo.

 

 

 

 

Que me supuxo o traballo en equipo nesta materia?

Como xa espuxen na derradeira entrada publicada considero conveniente reflexionar sobre o que me supuxo ser integrante do grupo de traballo “Pedagogas en acción” na rede social do grupo de investigación “Stellae”.

            Os comezos son duros, e aínda que ó inicio se nos facía complicado comezar ó non saber en base a que elaborar entradas o noso blog grupal, pronto fomos confeccionando algunha que outra. Porén, non reparamos no sentido da sección de “discusión de grupo” ata que a nosa profesora da materia, Lourdes Montero, nos comentou de modo xeral como estaba a ser a nosa labor no e-portafolios. Foi neste intre no que nos demos conta desta apartado, e foi cando comezamos a establecer discusións cando tomei constancia da importancia do mesmo.

image

            Neste senso, debo dicir que, de todos os apartados que destaco do e-portafolios pola súa riqueza de cara a axudar á miña aprendizaxe, fomentando o desenvolvemento de aprendizaxes totalmente significativas, foron as diversas entradas ó blog que, como xa comentei na derradeira entrada publicada supuxeron unha reflexión interna sobre os aqueles aspectos que adquiría en función das miñas indagacións, aquilo que se desenvolvía nas sesións de clase, e as miñas experiencias no terreo da educación.

            Doutra banda, estas discusións en grupo, tamén supuxeron que reflexionase sobre o que cada unha de nós presentaba a modo de desencadenante da discusión. Todas demos inicio a algunha discusión, polo que todas establecemos un detonante en base á nosa perspectiva dunha situación concreta. Coido que son de vital importancia estas discusións xa que non só reflexionabamos sobre este detonante que nos era exposto, senón que tiñamos que ler o que as nosas compañeiras nos amosaban, poñernos no seu lugar, comprender o que nos explicaban, mirar a situación dende os seus ollos. Na maioría das ocasións, case todas estabamos de acordo as unhas coas outras, pero había aspectos nos que nos atopábamos disconformes co que algunhas expoñían, deste modo, estas situacións segundo o meu modo de ver eran moi enriquecedoras, xa que nos nutríamos doutras ópticas, isto facía que nos replanteásemos o que nos defendíamos, o que daba lugar a que obtiveramos máis argumentos sobre o que preservaramos, ou pola contra se desen tantas dúbidas que comezásemos a valorar outras perspectivas existentes.

            Por todo isto, a discusión en grupo nesta rede social é de subliñar, estamos acostumadas a discutir en persoa ou cara a cara sobre aspectos relativos á educación, pero cando expoñemos os nosos puntos de vista en persoa quédanse en meros xuízos ou opinións, que non podemos fundamentar nese intre porque non posuímos un libro á man sobre o tema en particular para indagar se realmente existe unha teoría sobre o que pensamos. Así, na rede social podíamos acudir a outras fontes para contrastar o que nós reflexionabamos sobre un elemento ou outro, servíndonos de recursos (vídeos ou citas, por exemplo) para afirmar o que dábamos a coñecer.

image

            De xeito persoal, tamén me serviu para tomar constancia de que estamos en 4º curso do grao de Pedagoxía, case cun pé xa no mundo laboral, así máis ben, concibín as discusións como discusións entre profesionais da educación, non como meras compañeiras dun grupo-clase que só expresan unhas determinadas opinións. O vocabulario empregado, o modo de proceder nas explicacións, levoume a reflexionar sobre as prácticas que realizarán unhas compañeiras e que prácticas desenvolverán outras, cun telón de fondo clave: a pedagoxía, pero unha pedagoxía ollada e interpretada dende diferentes miradas.

            Sen máis, deixo constancia a través destas verbas da importancia do traballo en equipo, das aprendizaxes colaborativas, dese cooperar entre compañeiros, enriquecernos mediante as diversas visións ante un mesmo aspecto, discutilo, comprender, aprender dos demais, relacionarnos, interiorizando todos os elementos a través da reflexión, conxugando ópticas diferentes.

 

            Logo de establecer estas reflexións acerca da miña actividade en grupo e tamén de maneira individual ó longo desta materia, é importante que desenvolva unha autoavaliación, de xeito que advirta que aspectos desenvolvín de modo positivo e que carencias puiden ter, co fin de melloralas e optimizalas en futuras ocasións.

                Primeiramente debo sinalar que o meu proceso de aprendizaxe levado a cabo durante este cuadrimestre foi significativo, xa que asistín ás sesións de clase, profundicei nalgúns contidos que se expoñían nas mesmas, establecín pesquisas en función dos mesmos, a información e os coñecementos que obtiña comprendíaos de modo que quedaban aprendidos ó fixar relacións con experiencias propias anteriores. Así, tomaba constancia dos coñecementos conformados e construía os meus, sempre motivada por aqueles aspectos que se trataban nas sesións de clase e que máis me interesaban. Debo indicar do mesmo modo que, utilicei diversas fontes bibliográficas, tal como se constata mediante a miña bibliografía e webgrafía empregada nas entradas ó blog, nos documentos publicados nos arquivos, ou naquelas fontes  (revistas ou páxinas webs, por exemplo) que ía presentando en favoritos.

                Todas as mostras que expoñía, tal como as citas de autores nas entradas ó blog, nos tweets, ou incluso aqueles documentos sobre investigacións, temas concretos, que subía ó apartado de arquivos, constituíron aquelas evidencias polas que levantaba as miñas reflexións, mostras polas que desenvolvía as miñas diferentes entradas ó blog. Desta forma considero que construín significados mediante as mesmas, comprendín o sentido das aportacións dos diversos autores e, ó mesmo tempo, creei coñecementos propios segundo as miñas cavilacións.

                   Co propósito de facer das miñas entradas o máis vistosas, e sobre todo completas posibles tentei integrar co texto exemplificacións sobre o que ía desenvolvendo. É dicir, en moitos casos, acompañaba o texto con vídeos que atopaba na rede sobre a materia de estudo que estivera tratando, cadros e táboas sobre porcentaxes ou íncides, o emprego de noticias de xornais para achegarnos á realidade do que acontece na formación e o desenvolvemento profesional do profesorado, viñetas e imaxes que deixaban ver o que pretendía explicar mediante o texto, informes de investigación, proxectos ou mesmo leis e decretos, como o do Tratamento Integrado de Linguas (TIL).

image

                 No que respecta ó tempo adicado para a elaboración do presente e-portafolios, dicir que ó comezo realizaba cada semana unha entrada ó blog, pero unha entrada que elaboraba e reelaboraba durante toda a semana, engadindo cada día aspectos que ía desglosando a diario, o resultado eran entradas totalmente globais, que concernían a diversos aspectos da realidade da formación e o desenvolvemento profesional do profesorado. Máis tarde, coa avaliación "superficial" desenvolta pola profesora da materia nunha das sesións interactivas de clase, fixo que intensificara máis a miña labor no e-portafolios, por iso, a partires disto comecei a publicar entradas e arquivos na rede social cada 2 e 3 días, de modo que as miñas entradas xa eran máis concretas, no sentido de desenvolveren elementos máis precisos, e non tanto reflexionando sobre aspectos de maneira global e integral. Considero que a miña tarefa neste entorno virtual foi continua e constante, polo que fixo que me enriquecera enormemente, non só por descubrir novos coñecementos relativos ó profesorado, senón por que a miña redacción e exposición de reflexións e xuízos tamén se optimizaron.

                Subliñar que, inconscientemente fun conformando mediante as diversas seccións da rede social un fío condutor, os valores do profesorado. Supoño que, baseo as moitas das problemáticas da nosa sociedade á carencia duns valores sans, polo cal, neste senso tamén establecín os valores como elemento vital a ter en conta no desenvolvemento das prácticas docentes, así como á hora da súa formación é totalmente importante.

              No tocante á metacognición, e mediante todo o amosado nos parágrafos anteriores, coido que instaurei as habilidades metacognitivas precisas ó ligar os coñecementos previos sobre o profesorado en xeral, e a súa formación e desenvolvemento, en particular, con todos aqueles contidos novos que ía obtendo a través das sesións de clase e as pesquisas que realizada mediante a Internet. Estes contidos construídos e vinculados de modo directo reflectinos neste e-portafolios, vinculándoos da mesma maneira a outras áreas do coñecemento (tal como explico a continuación), constituíndo e incorporando razoamentos de forma integral.

                  Así, co decorrer das entradas ó blog, así como cos arquivos subidos á plataforma do grupo de investigación "Stellae", traballei contidos referidos a diversas materias do plan de estudos da titulación de Pedagoxía, desta maneira podo indicar: "Socioloxía da Educación" (mediante todo o que expoño arredor da temática de valores), "Didáctica" (mediante a importancia da metodoloxía empregada polo profesor nas aulas), "Diseño e Implementación de Plans e Programas de Formación" (a organización na aula para favorecer o proceso de ensino-aprendizaxe), "Pedagoxía Social" (os modelos, enfoques ou paradigmas inmersos na cultura escolar, e máis concretamente no rol do profesor), "Historia da Educación" (cunha ollada ó pasado, ás prácticas docentes do século pasado), "Educación e Sociedade en Galicia" (a importancia da socioloxía, os valores, as escolas do pasado), "Documentación e Información Educativa" (a través das bases de datos e bibliografía empregada para levar a cabo as miñas entradas), "Técnicas de Educación e Formación en Grupo" (tendo especial relevancia o proceso de comprensión e escoita das perspectivas e visións dos membros dun grupo) ou "Educación Comparada" (ó establecer as comparacións entre un sistema educativo dun país e o de outro, tal como realizo na entrada <O profesorado finés fronte ó español>), foron materias nas que a través do e-portafolios incorporei algún contido por medio das evidencias que ía atopando pola rede ou acudindo a materiais precisos destas asignaturas.