Navegación

No se han creado páginas aún

B.1. Fío condutor

B.1. Fío condutor

Última actualización de en Silvia Seren Sampedro

Como xa comentei no apartado da introdución, á hora de elaborar as páxinas finais suxíresenos que estas tivesen un determinado fío condutor, é dicir, que se estruturen ó redor de algo, que haxa algo que as una a todas. Pois ben, no meu caso quero empregar como fío ou nexo o tema das historias previas e da identidade. Deste xeito, o meu e-portafolio vai xirar entorno a tres cuestions moi importantes:

 

De onde veño, onde estou, cara onde vou?DE ONDE VEÑO?

ONDE ESTOU?

A ONDE VOU?

 

“Hay más maneras de contar una historia de las que nos imaginamos en nuestra narración cotidiana de historias, y hay más maneras de vivir de lo que hacen pensar cada una de las narraciones que contamos y en las que creemos, aún cuando cada una de ellas parezca la única posible” (Bauman, 2001)

 

 

Quero recoller aquí unha das miñas primeiras entradas e tamén unha das que ten un maior significado ten para min, xa que nela realizo un traballo de retrospreción no relativo ás miñas experiencias vividas ó longo da miña etapa como alumna dende Educación Infantil (no meu caso en Spielgruppe e Kindergarten, xa que estiven vivindo en Suíza), Educación Primaria, Educación Secundaria, Bacharelato e ata a actualidade, na Universidade.

Penso que as nosas historias previas determinan en gran medida o que somos e o que pensamos actualmente sobre algo, por exemplo a través deste traballo poiden decatarme de como eran os profesores que me deron clase, algo sobre o que antes nunca me parara a reflexionar.

Historias previas: A miña experiencia persoal

            Nunha das clases interactivas da materia de Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado realizamos unha actividade na que se nos plantexaba que rememorásemos as nosas experiencias previas como alumno e valorásemos ó profesorado que nos impartira clase. Esta actividade realizámola de maneira grupal poñendo en común o que nos pensábamos sobre o profesorado de Infantil, Primaria, Secundaria e da Universidade.

            A actividade realizada polo meu grupo pódese consultar no grupo chamado “Acción Pedagóxica”. Sen embargo, e ó igual que xa fixeron outros compañeiros nos seus blogs, a min tamén me gustaría recoller a miña experiencia persoal e os meus recordos sobre os diferentes profesionais que pasaron pola miña vida académica.

            Moito do que aquí expreso garda relación co traballo da “Autobiografía Escolar” que realicei o ano pasado para a materia de Organización de Centros Educativos,  xa que nela tamén recollín todo o que me foi pasando durante os diferentes cursos desde a Educación Infantil ata a Universidade.

Educación Infantil

            A etapa de Educación Infantil paseina en Suíza. Ata os 4 anos a miña mestra foi  miña nai. Ela ensinoume a ler y escribir certas palabras en castelán. Tamén contaba con  libros de Educación Infantil que me enviaba por correo a miña madriña (profesora de Educación Primaria), ademais de fichas con moito vocabulario, debuxos para colorear, etc.  

             Con case 4 anos, entrei no Spielgruppe que estaba máis preto da miña casa. O Spielgruppe correspóndese en España con Educación Infantil de 4 anos. No pobo onde vivía había varios centros repartidos por diferentes lugares, permitindo agrupar a un grupo axeitado de nenos (non máis de 15) sen que os seus pais se tivesen que desprazar moito para levalos e traelos. Había diferentes horarios para que os pais levasen ós nenos no que mellor lles fose. Eu ía durante a tarde, aproximadamente de 15.00 a 19.00h.

            Recordo que eran varias profesoras as que estaban con nós, pero non me lembro de moito máis. Do que si lembro é de que eran moi boas e tiñan especial atención comigo. Digo isto porque, por exemplo, se me falaban o alemán moi rápido e eu non as entendía, tentaban falalo máis a modo e incluso algunhas delas sabían un pouco de español e mo traducían para que as entendese. Ademais, miña nai comentoume que a ela tamén lle falaban un pouco en español, cando me ía levar ou recoller ou cando se realizaba unha reunión de pais.

             Entre os 5 e 6 anos cambiei de centro e entrei no Kindergarten. O Kindergarten é unha institución educativa para os nenos de preescolar baseado nas ideas pedagóxicas de Friedrich Fröebel e tamén de María Montessori. O seu obxectivo principal era que fose un sistema de ensino baseado no xogo e na importancia da actividade do neno nos seus procesos cognitivos de aprendizaxe. Desta maneira introduciuse o concepto de “traballo libre” (en alemán Freiarbeit) na Pedagoxía, e estableceuse o xogo como a forma óptima de desenvolvemento do neno durante a infancia. Pretendía que os nenos fosen educados mediante o xogo e desta maneira farían cousas que de ningunha maneira farían de forma imposta ou autoritaria. Entre as actividades principais estaban: bailar, cantar, xardinería, pintura, etc.

            O Kindergarten onde eu estiven era un centro grande, situado nun lugar tranquilo. Contaba con diferentes aulas adaptadas (mesas e cadeiras para nenos) con moitos materiais didácticos, tendo nos exteriores unha gran extensión de terreo completamente pechado, no cal había un parque con columpios, areeiro, árbores e invernadoiros. Eramos aproximadamente 17 alumnos e unha profesora. Ser un grupo reducido posibilitaba que todos recibísemos unha boa atención.

            A miña profesora de Kindergarten chamábase Ruth e recordo dela que era unha persoa moi boa e cariñosa, que trataba ben ós nenos, que explicaba moi ben e tiña unha boa relación cos pais e nais dos rapaces. Tamén sabía falar un pouco de español, aspecto positivo que a min me axudaba cando non entendía algo ou cando meus pais tiñan reunión con ela.

            Creaba un bo clima na clase e facíase entender perfectamente a pesares de que moitos eramos de fóra (había un neno de Francia, un de Rumanía, unha nena da India, un da República de Macedonia e eu de España). Ademais tiña moita paciencia e nunca berraba. Podo dicir que gardo moi bo recordo dela e desa etapa.

Educación Primaria

            Comecei unha nova etapa nun C.E.I.P. do Concello de Sanxenxo, a cal me significou un cambio bastante grande, xa que por un lado, cheguei co curso xa empezado (entrei en Decembro e non en Setembro), non coñecía a ninguén, e tampouco sabía falar galego e a maioría dos meus compañeiros si o falaban.

            En 1º de Primaria tiven dúas profesoras, dunha delas non me lembro moito, só que me daba matemáticas e coñecemento do medio, mentres que a outra me daba o resto de asignaturas a excepción de relixión, inglés e educación física. Esta profesora sabía que eu viñera de Suíza e que o cambio nun principio me afectou bastante, pero pola súa parte non notei ningún tipo de afectividade comigo. O que si notei foi que tiña un claro favoritismo cara a certos compañeiros que ían máis adiantados có resto. De feito, facía concursos de lectura e dáballe os premios sempre a eles. Penso que a situación tiña que ser moi obvia para que eu me decatase dela só 6 anos. De feito, lémbrome perfectamente diso. Ademais a profesora como non me coñecía dende preescolar, tiña comigo unha actitude máis fría e distante.

            Os profesores de relixión, inglés e educación física foron os mesmos dende 1º ata 6º de primaria. Coa profesora de relixión tiña unha boa relación, igual que coa profesora de inglés, da que recordo que tiña uns métodos moi didácticos para que aprendésemos o idioma, como por exemplo a través de cancións, de debuxos ou incluso fixemos representacións de cómo teríamos que actuar nun supermercado ou nunha tenda. Por último, o profesor de Educación Física tiña un carácter moi peculiar, é dicir, un día estaba de boas e outro de malas, pero en calquera caso a min sempre me tratou ben. O que máis destaco das súas clases é que case sempre mesturaba o exercicio físico con xogos, co cal as clases facíasme moi entretidas.

            Por outra banda, o profesor de 2º de Primaria era un home maior. A súa metodoloxía tradicional de ensino consistía basicamente en explicar o que aparecía no libro para profesores, mandarnos exercicios e logo ir saíndo dun en un a corrixilos.

            Tiña moi pouca paciencia con nós e cando se enfadaba collía a súa regra de madeira facía como que lle ía a pegar con ela a aquel que se portase mal. Ademais tiña unha obsesión de apuntar o nome do que falase, no encerado, para castigalo e deixalo sen recreo. Recordo que me teño quedado sen recreo moitas veces de maneira inxusta, pero esa era a súa maneira de castigo.

            De 3º e 4º de Primaria lémbrome das dúas profesoras que me deron clase:

            Unha era nova no centro e nós eramos un dos seus primeiros cursos nos cales exercía de mestra. Tiña principalmente formación como mestra de música pero tamén daba lingua galega e lingua castelá. Era moi boa connosco e se tiñas calquera dúbida ou non entendías algo, volvíao a explicar sen ningún tipo de problema.

            A outra profesora era a directora do colexio e dábame coñecemento do medio e matemáticas. A pesares de ter a tarefa de dirixir o centro e estar moi ocupada, nunca faltou ás súas clases, e aínda que daba as asignaturas que normalmente lle resultan máis complicadas a todos os rapaces ela seguía unha metodoloxía activa e participativa, conseguindo que aprendésemos moito.

            En de Primaria a profesora que nos daba todas as asignaturas a excepción das xa mencionadas anteriormente (educación física, relixión e inglés). Chamabámoslle Doña Julia e tamén quería que a tratásemos de vostede. Teño que recoñecer que a fama que tiña non era moi boa, todos falaban mal dela, tanto pola súa aparente seriedade, a súa esixencia nas clases, os seus castigos, o trato de respecto que quería que tivésemos con ela, etc.

            Unha vez comezado o curso, fun decatándome de que os comentarios que escoitara sobre ela, non eran de todo certos. Por un lado, ela esixía respecto pero tamén nos trataba con respecto a nós. Os castigos só eran para aqueles que realmente se portaban mal, e en ningún caso nos castigou a toda a clase pola culpa duns en concreto (cousa que o profesor de 2º de Primaria si que facía). Pouco a pouco fomos collendo confianza con ela e ela con nós e podo afirmar que foi unha das mellores profesoras que tiven durante a miña historia escolar. A súa metodoloxía non era en ningún caso innovadora, senón máis ben era bastante tradicional. Pero a pesares disto, era unha profesora que explicaba moi ben, que me motivaba como ninguén antes fixera e a partires deste curso foi que empecei a centrarme máis no estudo e ver que era necesario para o meu futuro.

            En de Primaria tiven dúas profesoras, unha era de novo a directora do colexio e coa outra non tiñamos un trato de antes nin nos coñecíamos moito pero era unha persoa con moitos anos de experiencia, coa que deseguido collín confianza.

            Considero que ambas son moi boas profesoras e non só se limitaban a darnos a materias senón que nos foron orientando sempre cara os problemas da vida, falándonos de temas como a violencia de xénero, a menstruación, as drogas, etc. temas dos que antes ningún profesor nos falara. Para nos eran case como unhas segundas nais.

Educación Secundaria

            Esta vez tocoume cambiar de centro e fun pa un instituto público. A relación cos profesores non se pode dicir que fora nin boa nin mala, senón que simplemente era diferente ó tipo de relación que eu estaba acostumada a ter cos meus profesores en primaria. A maioría deles eran máis distantes e non se preocupaban por se realmente entendíamos as cousas ou non. En moitos casos só se limitaban a chegar á aula, dar o que tiñan programado para a súa materia nese día e listo.

Durante esta etapa tiven profesores/as moi variados dos que destacarei os seguintes:

            - Un dos que máis me axudou foi o titor de 1º da ESO, que de feito foi o que nos coñeceu dende o primeiro día de curso, e foi vendo a nosa evolución durante o mesmo. A clase semanal de titoría era realmente eficaz porque nela podiámoslle comentar os problemas que tiñamos e intentar buscarlle solución. Na actualidade sigo mantendo contacto con este profesor.

            - Recordo a unha profesora de Sociais que era bastante boa pero, pasábao moi mal nas clases porque os alumnos facían escándalo e non lle atendían. Quedámonos sen clase moitos días que faltaba e finalmente tivo que coller a baixa por depresión.

            - Tiven un profesor de Lingua Castelá en 2º da ESO que era moi esixente e serio. Gustáballe que estiveramos sentados de maneira individual e por orde de lista. Asombrosamente todos estabamos en orde nas súas clases, ata os alumnos máis rebeldes. Eu penso que isto pode ser debido a que estes rapaces nunca antes un profesor se dirixira a eles con tanto respecto e os animara a participar nas clases (poñéndolles positivos se o facían) ou dedicándolles boas palabras diante de toda a clase.

            - Dos profesores de Matemáticas non gardo moi bos recordos pero para min o que peor mo fixo pasar foi un de 2º da ESO. Tratábase dun home maior, próximo a xubilarse, e que tiña unha metodoloxía de ensinanza tradicional. O único que facía era clase tras clase sacarnos ó encerado para corrixir os exercizos do día anterior. Nunca daba clase expositiva e a única explicación que recibíamos era, cando durante a corrección dun exercicio xurdían dúbidas, pero de todos xeitos se non entendíamos esa explicación comezábanos a berrar e a dicirnos insultos como que eramos “niños bobos o tontos”.

Bacharelato 

            Nesta etapa continuei no mesmo instituto ademais, ós profesores practicamente os coñecía a todos, ben porque me deran clase, ben porque os vira polo instituto e polo tanto tiña unha boa relación con eles.

            Cos que mellor me levaba era cos dous que tiven de filosofía (en 1º e en 2º), coa de historia e co de economía. Teño bos recordos e considero que todos no seu conxunto me aportaron moito para poder chegar a onde estou. Estes profesores facíannos pensar, reflexionar e dábannos a oportunidade de debater nas clases as nosas inquedanzas, sempre apoiándonos e animándonos, sobre todo de cara o tan temido selectivo.

Universidade

            En xeral, notei un cambio nesta etapa con respecto ás anteriores, xa que os profesores son moito máis distantes, porque con moitos só tiven un trimestre escaso e a relación foi exclusivamente de temas relacionados coa asignatura.

            Durante todos estes cursos e tendo profesores con caracteres tan diferentes, con uns sentínme máis identificada ca con outros polo tanto o meu interés pola materia dependeu moito diso. Podo dicir que cos que máis conectei foron cos que mellor me transmitiron a súa paixón pola materia que me trataban de ensinar.

 

                       profesor/alumnos

 

            Polo tanto, despois desta recapitulación da miña historia persoal, o que respecta á relación co profesorado resúmese en que tiven momentos bos e malos pero aínda así, estoulle moi agradecida a todo o profesorado que me deu clase, xa que para ben ou para mal, todos me aportaron algo, e isto indudablemente, forma parte da miña experiencia persoal como alumna.  

            Á súa vez, estas vivencias penso que son moi valiosas xa que as podo empregar para comprender temas relevantes que se van a tratar na materia que estou cursando, e tamén estou segura que me serviran para entender moitas cousas que antes véndoas só dende a perspectiva de alumna, se me pasaron por alto.