3.3 Chegamos á copa: CONCLUSIÓNS e AUTOAVALIACIÓN

Neste apartado quero compartir as miñas conclusións finais e miña autoevaluación tras o paso do cuadrimestre e do desenvolvemento da materia Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado.

Por un lado gustaríame elaborar unha reflexión propia da miña experiencia sobre a realización do e-portafolios e tamén, presentar a miña opinión sobre o desenvolvemento das clases expositivas e interactivas nesta materia.

Para comezar, gustaríame facer alusión a un aspecto que expliquei na miña entrada de peche do blog como é o seguinte:

 

Pechando outra etapa no Stellae

 

images.jpg

 

“Aínda así, considero que quedan aspectos por mellorar, xa que prácticas como estas deberían de realizarse en máis de dúas materias ao longo da formación académica como futuros pedagogos, posto que estamos enormemente acostumados a memorización, ao traballo individual e aillado, á elaboración de traballos sobre temáticas xa establecidas.

Porén, nesta materia, en certa medida, se nos ofrece a oportunidade de traballar sobre aspectos que consideremos de interese formativo ou que creamos oportunos para compartir cos nosos compañeiros e, é nese momento no que nos acobardamos e sentimos medo, posto que xorde unha certa frustración sobre o qué traballar e o que non e quizais, o feito de descoñecer o camiño que vas emprender tamén xera certa inseguridade.”

 

Polo tanto, como xa dixen é unha metodoloxía diferente e moitas veces nos amosamos pouco receptivos aos cambios. Podo dicir que me custou emprender rumbo e que amosei unha certa pasividade ao comezo do curso, xa que sentía frustración ao non saber por onde camiñar, cara a onde dirixir o meu traballo e o meu aprendizaxe.

 

Coido que este é un aspecto a mellorar no sistema educativo da sociedade actual, o feito de poñer trabas na autonomía do alumnado vese reflectido ao longo da súa traxectoria, o que non quere dicir que con boas prácticas docentes non se poda remediar (de aí unha vez máis a necesidade dun profesorado innovador ou catalizador como cita Andy Hargreaves). 

 

En relación con isto, outro aspecto no que atopo dificultade á hora de elaborar o meu e-portafolio é o feito de crear o meu propio discurso, posto que estamos afeitos a ler textos e memorizalos (ou tratar de facelo polo menos), pero non tanto a ser críticos e reflexivos coa información que se nos proporciona. Polo tanto, considero clave o papel do profesorado neste senso, xa que poderían desenvolver outra metodoloxía e actividades nas aulas a prol de resolver esta problemática.

 

Aínda así, a pesar do atasco inicial coa materia, considero que unha vez arranquei o meu proceso todo foi máis doado e que con prácticas e actividades nesta liña, pódese fomentar unha actitude crítica e reflexiva nos educandos.

 

Doutra banda, considero interesante reflexionar sobre a oportunidade de creación dun blog grupal como tivemos nesta materia. Considero que resultou moi gratificante e enriquecedor posto que o traballo en grupo permitiunos traballar e afondar nos contidos e establecer comparacións nos nosos puntos de vista, o que nos permitiu ampliar os nosos coñecementos e visión acerca dunha determinada temática.

 

Finalmente dicir que o crecemento segue continuando, que a pesar de chegar á copa da árbore (ao fin da materia), o camiño polo aprendizaxe nunca remata e como xa dixen na miña entrada de peche do blog “Estou contenta e satisfeita co camiño percorrido e sen dúbida, as redes sociais educativas son unha gran opción para o cambio e para a transformación dunha ensinanza tradicional e rudimentaria que non se adapta ás características da sociedade actual nin ás necesidades do alumnado.

De modo que, podo dicir que queda moito por aprender no senso da formación do profesorado pero, tamén me espera unha longa andaina na miña formación como pedagoga, tan longa como a miña vida.

Chegamos á copa: CONCLUSIÓNS e AUTOAVALIACIÓN