Navegación

No se han creado páginas aún

3.2. O imprescindible

Tras este inicio incerto e temeroso, comecei a miña andaina pola materia a través do continuo apoio da documentación e o traballado nas diversas clases expositivas e interactivas.

Así, a través de diferentes artigos e fontes proporcionados pola mesma profesora, iniciei o meu proceso de exploración e indagación acerca dos diferentes aspectos relevantes que deles extraía, así como daqueles que máis curiosidade ou interese me suscitaban.

A partir de aí, fun seleccionando aquela información que máis me cativou e tras un proceso de ampliación da información, comprensión e posterior reflexión, fun elaborando e transcribindo ás diversas entradas que conforman o meu blog, as ideas máis enriquecedoras que os diferentes autores e autoras me aportaban, xunto cos meus propios pensamentos e posturas.


  Retos da figura docente


Mediante o artigo de Andy Hargreaves “Ensinar na sociedade do coñecemento”, comecei por analizar as infinitas responsabilidades que lle atinxen á figura docente. Por un lado teñen que preparar ás novas xeracións para que desenvolvan capacidades idóneas para a prosperidade económica (participación activa, flexibilidade, innovación ou compromiso) e por outro, tamén se pretende que sexan quen de evitar problemáticas coma o consumismo excesivo, perda do sentido da comunidade ou crecemento das desigualdades sociais.

Pero dun xeito paradóxico, a sociedade esíxelle a estes profesionais que cumpra esas responsabilidades, pero en cambio, esta profesión sofre continuos ataques e infravaloracións por parte desa mesma sociedade.

Ensinar na sociedade do coñecemento.

Ante esta situación, o profesorado debe afrontar tres posicións: Coma catalizadores, é dicir, o docente aparece como o verdadeiro precursor da sociedade do coñecemento. Tamén son contrapuntos, é dicir teñen que contrarrestar e evitar as ameazas e os riscos da cidadanía mediante a súa formación. E por último, son vítimas da sociedade do coñecemento xa que atópanse sometidos e atacados pola mesma sociedade.

Para sobrelevar esta desestimación e cumprir as súas responsabilidades coma tal, o profesorado ten que ser quen de desempeñar unha serie de elementos. Debido aos avances da sociedade, a actual demanda que o profesorado promova a creatividade do seu alumnado, que se atope actualizado nos modos de ensinanza e avances da sociedade o que implica que se comprometa coa súa formación continua e ao longo de toda a vida, tamén teñen que desenvolver unha capacidade para afrontar os continuos cambios e riscos aos que se someten e finalmente, debe ser quen de fomentar o traballa e a cooperación tanto cos seus colegas de profesión coma coa sociedade en xeral para promover unha calidade educativa.

Dende o meu punto de vista, o profesorado é ben certo que ten unha gran responsabilidade e na súa labor recae un gran peso, pero tamén o resto da sociedade (Goberno, Administracións, cidadáns, familias...) debería ser quen de facerse cargo e traballar de forma coordinada e colaborativa para loitar por un ensino de calidade e un sistema educativo axeitado no que o profesorado non sexa o que teña que asumir todas as cargas nin contrarrestar todos os perigos, e para iso, é fundamental que todos eles teñan uns mesmos intereses e obxectivos en materia educativa, cousa que non ocorre.

 

Continuando esta preparación desta maleta viaxeira, afondei nun termo que estivo sempre presente dende o inicio da materia e no que reparei imprescindible afondar: a vocación docente.

Vocación docente. Imprescindible?

Nela establecín a importancia da vocación á hora de desempeñar unha labor profesional, xa que de estar ausente o individuo non será quen de desempeñar as súas funcións dunha forma idónea nin se desenvolverá persoal nin profesionalmente.

Ante a miña propia experiencia, establezo unha distinción de tres grupos de docentes: Os que se amosan indiferentes e desinteresados co seu traballo ou ben polo desgaste ou polo sentimento de fracaso, os que a pesar de amosar interese carecían de vocación neste caso inclúo aqueles profesores especialistas frustrados como biólogos ou historiadores os cales atoparon na docencia unha mera saída profesional e non vocacional; e un terceiro grupo cos que grazas a súa vocación sempre presente transmitían unha ganas verdadeiras de ensinar e tamén de seguir desenvolvéndose profesionalmente . Así, soamente estes últimos son os que logran chegar ao seus alumnos grazas á súa adecuación de métodos e satisfacción real polo seu traballo.

A vocación é un aspecto imprescindible á hora de ensinar, ademais, gustaríame recalcar que tras todas as trabas que se lle poñen a esta figura e as continuas críticas por parte da sociedade, é a vocación docente a que facilita que o profesorado sexa quen de sobrepoñerse a todas as dificultades e logre continuar coa súa tarefa. É a verdadeira vocación dos educadores a cal lles axuda a loitar por un ensino de calidade e a non renderse ante estes malestares.

  

Continuando este camiño, e en relación ao anterior, abordamos ao longo da materia numerosos aspectos que afectan á figura docente nos tempos actuais e que derivan nunhas circunstancias de crise e malestar da profesión en cuestión. 

Así, en O profesor hoxe. resalto apoiándome no artigo de António Nóvoa aqueles elementos fundamentais que o docente actual ten que manexar para realizar a súa labor, sendo esta cada vez máis complexa. Estes piares son: a persoa (comprender ao alumnado e a si mesmos ‘autocoñecemento’), a coparticipación (traballo colectivo e cooperación docente) e a prudencia (saber que é o que merece a pena ensinar).

Por outra banda, en Grazas, profesorado. analizo unha visión positiva da labor destes profesionais, a través das ideas expostas por Jose Manuel Esteve no seu artigo “Nuestro sistema educativo no es un desastre” do que extraio a visión errónea e negativa que os medios de comunicación e os grupos que están no poder (goberno) establecen sobre a figura docente e mitigando o valor da súa labor. Pero analizando a realidade, os docentes dende sempre foron capaces de ensinar aos seus alumnos e que estes non fracasaran e remataran con satisfacción as súas ensinanzas por enriba de todas as restricións e trabas que aumentaban cada día e independentemente das circunstancias e recursos que lle rodeasen.

En definitiva, comparando estas dúas visións, reparo en que nunha época coma a actual, a escola en xeral e  a función docente en particular, ten que ser reconsiderada para así adaptarse ás novas demandas e necesidades da sociedade e do alumnado.

Pero hai que valorar tamén, que a pesar de que os docentes deben reformular as súas funcións, é preciso lembrar e facer reflexionar á sociedade de que a pesar de ser unha profesión tan caracterizada por estar pragada de incertezas, obstáculos e numerosos cambios, foron grandes os logros que o profesorado realizaron ao longo da nosa historia, e sen dúbida, supuxeron un piar para que o sistema educativo sacara adiante ás novas xeracións.

  Malestar docente

Seguindo coa análise e reformulación da figura docente, gustaríame agrupar outras entradas do meu blog xa que a súa elaboración é consecuencia da posta en práctica na aula de diferentes técnicas ou estratexias que me parece conveniente valorar. Tras a súa realización tentei elaborar un rexistro e trasladalo ao meu blog para así deixar constancia do seu desenvolvemento e das reflexións extraídas tras o mesmo.

 

Nunha sesión realizamos a coñecida Técnica do Acuario ou da Cáscara de cebola, que inclúo no meu blog en: De onde vén a crise da profesión docente? baseada no artigo de José Gimeno Sacristán, no que tratou como afecta a crise a esta figura, os diversos motivos da desestabilización do profesorado e a consideración e formación existente sobre el. Neste artigo, chamoume sobre todo a atención a idea de que o profesorado debe aprender a vivir en crise. considero que ao longo da historia esta figura pasou por numerosas dificultades e ataques constantes ao seu traballo e que se a pesar de todas esas trabas conseguiuse o éxito de moitos dos discentes foi grazas ese “aguante” e arduo traballo que realizan día a día. Conclúo polo tanto rememorando a miña derradeira reflexión nesta entrada coa idea de que “A docencia é a única profesión que crea ao resto de profesións”

 

Noutra clase, desenvolvemos o que a profesora denominou “experimento” que a pesar de non ser unha técnica propiamente dita, o seu desenvolvemento foi moi similar e enriquecedor.

Un experimento construtivista

A través dun pase de diapositivas pertencentes a unha exposición de António Nóvoa “Cien años más tarde. El regreso de los profesores” o grupo-clase tiña que ir pensando e meditando sobre aquelas imaxes á vez que ía aportando as ideas e opinións que lle suscitasen. Mediante este exercicio puidemos analizar as diferenzas da escola e da función docente entre os séculos XX e XXI. Vendo que as características de principios do XX: menos sociedade, pouca atención á infancia, pouca actividade, non atención á diferenza quedarían en contraposición ás do século XXI. Tras a realización deste experimento, reparo en que logrouse establecer un diálogo e debate intenso e enriquecedor na clase analizando os cambios que o profesorado sufriu ao longo da historia e comprendendo así moitas das súas características actuais.


E finalmente, puxemos en práctica unha Técnica de Seminario mediante a cal analizamos cinco artigos que trataban os diferentes tópicos da profesión docente: a identidade docente, o profesor novel, a relación teoría-práctica e o traballo do profesorado.

Así na elaboración desta entrada Técnica de Seminario: Os tópicos da profesión docente., traballamos en grupos analizando un artigo concreto e posteriormente expoñéndolles aos compañeiros e compañeiras as súas ideas principais e reflexións.

Grazas a realización desta práctica, establecín un compendio de ideas clave á hora de analizar a figura docente.

Por un lado, a identidade docente, constrúese o longo da vida profesional e persoal mediante a experiencia e a adaptación ao contexto. No tocante á aprendizaxe docente, o mundo no que vivimos é volátil, incerto, complexo e ambiguo e polo tanto a figura docente debe estar preparada para afrontar cambios inesperados e novas demandas e necesidades. En terceiro lugar, a elección de ser docente, na cal afectan diversas variables como a vocación (que pode ser tardía), os modelos a seguir por imitación ou polo gusto polos nenos. Outro sería a relación entre teoría-práctica, que supón unha crecente demanda de que exista unha vinculación real entre estes dous elementos.

E finalmente, a min tocoume o tópico do profesorado novel que analicei máis detidamente no blog: O profesorado novel: A importancia da cooperación.  Nel expliquei a notable influencia que o profesorado experto ten sobre os noveis xa que verán neles unha figura modélica que imitar e na cal apoiarse ante os temores e inseguridades presentes nesa etapa profesional. Con isto, establécese coma fundamental e necesaria que exista un bo clima caracterizado por unha coordinación e colaboración entre os colegas de profesión fomentando así o traballo en equipo e as boas relacións profesionais.

 

"La colaboración es una actitud, una capacidad a desarrollar hoy y mañana, un deber de todo profesional, una inexcusable característica del sentido profundo de ser profesor y profesora." (Montero, 2011)

 

En relación a este tema do profesorado principiante, compartín varios artigos. Un de Carlos Marcelo: "Los comienzos en la docencia: Un profesorado con buenos principios"

E outro titulado "El trabajo colaborativo del profesorado como oportunidad formativa" de Lourdes Montero:

O traballo colaborativo do profesorado como oportunidade formativa


Tras a posta en práctica destas diferentes técnicas e exercicios, valoro considerablemente a súa finalidade xa que todas elas permitíronnos ser ao alumnado os protagonistas da acción e a partir de todas as opinións e contribucións expostas por todos os compañeiros e compañeiras puiden ir construíndo o meu propio aprendizaxe e non quedando este limitado ás miñas propias consideracións e visións.

 

As ideas centrais do cometido neste apartado de “O imprescincible”do meu e-portafolios considero que veñen recollidas no documento de António Nóvoa "Para una formación de profesores construída dentro de la profesión" que con anterioridade tamén compartín nesta plataforma.

Para unha formación de profesores construída dentro da profesión.





Pero aínda queda espazo nesta maleta...