1. INTRODUCIÓN

1. INTRODUCIÓN

Última actualización de en alba lopez alonso

    1. INTRODUCIÓN: ROMPECABEZAS

A materia de Asesoramento Curricular a Centros e Profesores pertence ao 5º curso da licenciatura de Psicopedagoxía e consideroa de gran relevancia para esta formación pero, non podo negar que os primeiros días de clase me sentín bastante perdida, confusa, sen saber moi ben se sería capaz de construír o que Lourdes nos pedía, empregando unha metodoloxía novidosa para min: a través de contínuas entradas nun blog deberíamos construír un e-portfolio.

Aquelas palabras da primeira clase enchéronme de "medo", incertidume e preocupación ante o descoñecemento da metodoloxía e a miña pesimista actitude tecnolóxica polo que o primeiro que fixen foi informarme sobre o que debía facer.

Documentacion sobre os portafolios

O lema que Lourdes puxo a esta materia era Learning by doing, algo que eu asociaba coa construción dun rompecabezas que require traballar de forma constante, explorando, reflexionando, etc. é dicir, aprenderás a facelo, facendoo.

Para min a materia de Asesoramento Curricular a Centros e Profesores era perfectamente comparable coa elaboración dun rompecabezas; nas primeiras sesións de clase non me sentía capaz de poder sacala adiante, pouco a pouco conseguín realizar entradas e buscarlles un sentido pero, de súpeto semellaba que todo o que lograba facer por un lado, se me desfacía polo outro. Cada vez que facía unha nova entrada no grupo de investigación Stellae, chea de sentido para min, non sempre lle atopaba relación directa coa anterior, de forma que a miña sensación era a de estar camiñando cara atrás, ó igual que acontece cando constrúes un rompecabezas, pois a medida que consegues elaborar unha cara parece que non eres quen de avanzar sen desfacer outra.

 

 

rompecabezas

 

 

Pouco a pouco, a medida que transcorrían as sesións de clase creo que fun quen de "collerlle o truco" e lograr asentar e organizar os coñecementos.

A continuación pretendo describir os pasos seguidos para a construción do rompecabezas.

Primeiramente explicarei o que entendo por asesoramento, por ser este o punto de partida da materia, analizando as ideas previas, pois en base a estas sigo construíndo as miñas aprendizaxes (enchendo a miña mochila de coñecementos).

O seguinte bloque de contidos que tratarei, versará sobre a e os diferentes modelos de ambos.

Como todos sabemos, a colaboración é un aspecto moi importante en cada unha das nosas accións se queremos conseguir resultados exitosos. Tanto na elaboración dun rompecabezas como á hora de desenvolver o noso traballo como asesores, este debe ser un punto forte polo que merece a dedicación dun bloque de contidos neste e-portfolio.

O mesmo acontece coa atención á diversidade; cada un de nós presenta unhas características e unhas necesidades dignas de ser atendidas. Todos somos diferentes e debemos aproveitar esas diferenzas para aprender uns dos outros sacando o máximo partido delas.

Para rematar aportarei unha pequena conclusión sobre a consecución do rompecabezas construído e unha autoavaliación do proceso. De tal modo que o índice ó que responde o presente traballo será o seguinte:

1. INTRODUCIÓN: ROMPECABEZAS

2. ASESORAMENTO: EXPLORACIÓN DO ROMPECABEZAS.

3. ASESORAMENTO VS ORIENTACIÓN E TIPOS: ROMPECABEZAS VS PUZZLE.

4. COLABORACIÓN: TRABALLO EN EQUIPO.

5. ATENCIÓN Á DIVERSIDADE: DIVERSIDADE DE ROMPECABEZAS.

6. CONCLUSIÓN E AUTOAVALIACIÓN: ROMPECABEZAS CONSTRUÍDO.

7. BIBLIOGRAFÍA E WEBGRAFÍA.