Ana Castro Liñares

Maestra de educación primaria,cursando actualmente 5º curso de la licenciatura de Psicopedagogía.

1.Introdución

1.Introdución

Última actualización de en Ana Castro Liñares

 

                                                                            image

Para comezar, quero destacar que esta é unha nova aventura para min xa que nunca anteriormente levara a cabo un portafolio e pesar de que nun comezo me asustara ante o que se debía facer e en ocasións estivese perdida,  espero que o resultado final sexa satisfactorio e que nel se reflicta todo o meu traballo ó longo do cuadrimestre na materia “Asesoramento curricular a centros e profesores”.

No actual contexto formativo-didáctivo priorízase tanto o establecemento dun sistema de ensino para favorecer a formación integral dos estudantes co fin de conseguir a óptima superación das necesidades da esixente realidade social e laboral que demanda novos perfís competenciales e coñecementos permanentes actualizados ó longo do ciclo vital (Barret e Wilkernson, 2004), como a reformulación de metodoloxías aplicadas nas aulas, centrando o seu énfase no proceso de aprendizaxe e dotando de maior protagonismo ós estudantes (Barberá, Gewerc  e Rodríguez, 2009).

Baixo este prisma socio-educativo-laboral, o portafolio facilita a visualización dos aprendizaxes máis relevantes dos estudantes. Neste sentido, Barrios (2002) indica que o portafolio,  empregado como unha estratexia didáctica, permite visualizar o progreso ou desenvolvemento do alumnado a través de rexistros acumulados e os comentarios acerca das aproximacións sucesivas no logro dos aprendizaxes, facilitando ó mesmo tempo a autoevaluación. Desta forma, serve como motivación ó estudante, como axuda para mellorar o seu aprendizaxe e crear un hábito de revisión. (Paulson, Paulson e Meyer, 1991; Tierney, Cartes e Desai, 1991)

De igual maneira, o portafolio supón un proceso educativo en si mesmo e a súa realización é unha fase do aprendizaxe continuo. Igualmente, como apunta Klenowski (2005), é un medio polo que os estudantes poden amosar evidencias do seu proceso de aprendizaxe continuo e contribuír así o crecemento metacognitivo.

Deste modo, por medio desta ferramenta de traballo onde recopilei numerosas evidencias que, dende a miña opinión, eran merecentes de compartir e reflexionar sobre elas, reflicto o meu propio proceso reflexivo de aprendizaxe.

Como se mencionou dende un comezo da materia, é necesario un fío condutor que lle dea coherencia ós diferentes arquivos subidos polo que neste caso, tal como reflicto no título do traballo, baséase na “maxia do asesoramento”. Isto é debido a que navegando pola rede, atopeime cunha metáfora moi interesante sobre o  asesoramento que se refire ó asesor educativo como “o mago sen maxia”, o que me chamou gratamente a atención e me fixo reflexionar por ser este unha figura á que en moitas ocasións se lle require grandes competencia e saberes, debendo xestionar todos os procesos de maneira “máxica” aportando en todo  momento a solución correcta e requirida pola institución. Isto recóllese no  libro “O mago sen maxia: como cambiar a situación paradóxica do psicólogo na escola”da coñecida psiquiatra italiana Mara Selvini Palazzi xunto cun nutrido grupo de colaboradores publicado pola editorial Paidós no ano 1987, sendo a súa versión orixinal no 1976.

O mago sen maxia

Polo tanto, o asesor como figura á que se lle solicita a “receita máxica” ante diferentes adversidades que poidan xurdir nun centro educativo é unha realidade máis que constatable nos nosos días ó aludir a un profesional que se atopa na escola como se fose un “mago” que debe resolver as dificultades presentadas. Obviamente, en numerosas ocasións non se conta cos recursos para a correcta solución mais, dende a miña opinión, considero que a función de asesoramento, tal como recollo no título do portafolio, ten un compoñente máxico ó ser capaz de resolver infortunios dunha maneira ou outra conseguindo sempre o avance. 

Por todo isto, farei unha comparación do proceso previo, a posta no escenario dun espectáculo de maxia e a súa posterior valoración e reflexión cos arquivos que fun subindo a rede e cos que recollo trazos relevantes do asesoramento educativo. A estrutura a seguir é a seguinte:

  • Preparación da función
    • Coñecementos previos
    • Conceptos clave
    • Recursos
  • O espectáculo
    • A colaboración
    • A diversidade
    • A realidade presente
  • Reflexión da representación
  • Conclusión
  • Bibliografía