1. Introdución. Aprendemos a cociñar. Como se fai o asesoramento?


    Stenhouse enunciou en 1984 que o desenvolvemento do curriculum será tratado coma unha investigación educativa. Quen o desenvolva será un investigador e non un reformador, partirá dun problema, non dunha solución, e non procurará ter razón, senón ser competente. Isto posibilita a seguinte definición de currículo:

 

Un currículo é unha tentativa para comunicar os principios e trazos esenciais dun propósito educativo, de forma tal que permaneza aberto a discusión crítica e poida ser trasladado efectivamente á práctica.


    Esta declaración de intencións vai seguida dunha comparación, ao meu entender, moi adecuada: o currículo é como unha receita de cociña. De igual maneira que o primeiro, unha receita supón unha proposición por escrito dun plan futuro, que é pensado como unha posibilidade aberta e flexible, debido a que só a praxe mediante a cal se desenvolvan determinará o resultado final. Ademais, dentro de certos límites, tanto o currículo como a receita pode variarse de acordo co gusto persoal.

   Tendo presente esta analoxía, debemos prestar atención a un feito: poucas cousas se aprenden soas. Precisamos logo dun cociñeiro máis experto que nos axude a interpretar a receita, as súas cantidades, a orde de elaboración, o punto de cocción adecuado,... É neste punto onde a labor do asesoramento curricular e culinario comeza, proporcionando unhas pautas iniciais e acompañando ao aprendiz de cociñeiro para evitar que este guiso se nos indixeste, facendo progresivamente estas axudas máis intermitentes e superficiais. 


image