2. MONTÓNS DE PEZAS LEGO: ¿De onde vimos?

De entre o grande montón de pezas de LEGO coas que me atopo, a miña cabeza non para de pensar en por cal delas debo comezar a miña tarefa de construción polo que, sen saber moi ben como, a miña mente remóntase a miña infancia. Nesa época da miña vida, eu xogaba con esas pezas e, o que facía, era recordar as construcións feitas no pasado para, a partir delas, crear a construción nova.

                                   

Pois, algo semellante a isto foi o que me aconteceu co termo Asesoramento que, xa o tiña visto en outras materias pero que precisaba recordar e, para iso, tiven acudir aos coñecementos previos ao respecto co fin de comezar unha nova construción a partires dos mesmos.

Así, a primeira das tarefas desenvoltas nesta materia de Asesoramento Curricular a Centros e Profesores foi a de facer unha bagaxe por estes coñecementos anteriores ao respecto do que sabía do Asesoramento por outras materias para, saber de onde partimos e, escribir a ruta de, a onde queremos chegar.

¿De onde vimos? ¿Que sabemos do ASESORAMENTO por outras materias?

Nese arquivo, o que fixen foi unha recapilación do que vin sobre o Asesoramento en outra materias, tal como foi o caso da materia de Modelos de Orientación e Intervención Psicopedagóxica, onde traballamos, en profundidade, a definición do termo Asesoramento  "esforzo sistemático e constante orientado ao cambio nas condicións de aprendizaxe e outras condicións internas nunha ou máis escolas co fin de acadar, máis eficazmente, as metas educativas", a función do asesor, os axentes do asesoramento (inspectores, orientadores e, asesores), os roles que poden adoptar os axentes do asesoramento (rol de especialista e rol de xeralista), os tipos de apoio ou asesoramento (apoio como intervención e apoio como elaboración), as estratexias de apoio ou asesoramento (estratexias de contido e estratexias de proceso) e os enfoques cos que os axentes de asesoramento e apoio soen traballar (enfoque directivo, enfoque colaborativo e enfoque educacional).

Polo tanto, pouco a pouco, entre o montón de pezas que tiña para elixir, fun quen de ir abrindo camiño e de ir organizando as pezas que había na miña cabeza tentando de darlle significado. Pero, aínda así, a peza de partida da construción aínda estaba sen acabar de elixir pois, a pesar de que agora xa vou tendo grupos máis pequenos de pezas en vez do grande montón inicial, a relación que manteñen as pezas entre elas, a posición que ocupan... pode ser moi variada e precisa dun traballo de investigación e de meditación ao respecto.