0.- INTRODUCIÓN

0.- INTRODUCIÓN

Última actualización de en María Vázquez de la Iglesia

Xa estamos ao remate deste cuadrimestre e ao final deste ano!

Parece que non pasou tempo ningún dende que un mércores a mediados de setembro estabamos todas e todos impacientes na aula agardando a que chegara a mestra, xa que a maioría non a coñeciamos de materias anteriores. Dende ese momento comezaron todos os mércores unhas clases que non eran como as demais. Nelas tiñamos que poñer un carteliño co noso nome para que a mestra soubese como nos chamábamos e sobre todo, a metodoloxía a empregar era totalmente diferente. Onde quedaba o tipo de clase maxistral? Onde quedaba o feito de coller e coller apuntes sen parar para realizar un exame final? Estas clases non consistiron en enumerar e tratar unha serie de contidos conceptuais os cales habería que aprender de memoria, senón máis ben de que todos participásemos de diferentes maneiras, a través de debates, técnicas como a do acuario, etc, para así ir construíndo o noso coñecemento de maneira conxunta “learning by doing”.

Cando Lourdes nos indicou a maneira na que íamos ter que recoller todas as nosas publicacións e en si, a forma de avaliarnos principalmente, xurdiron en min sentimentos de inseguridade, nerviosismo, incerteza, entre outros, polo feito de non traballares anteriormente na construción dun portafolio deste tipo, a través dun rede social.

A miña resposta ante este novo reto foi afrontalo de fronte, poñendo todas as ganas por aprender e sen tirar a toalla en ningún momento, trazos da personalidade que me caracterizan. En primeiro lugar entendendo o termo como:

 “Una recopilación de evidencias (documentos diversos, viñetas, artículos, prensa, publicidad, programas, trabajos, artículos, páginas web, notas de campo, diarios, relatos,…), considerados de interés para ser guardados por los significados con ellas construidos”. (Montero, 2002).

                                                         image

 

Nesta imaxe queda recollido de maneira gráfica todo o que podemos incluír dentro dun portafolio como poden ser vídeos, comentarios e reflexións persoais, etc.

Todo traballo ten unha vantaxes e uns inconvenientes, cales son os deste?

VANTAXES

INCONVENIENTES

Permite avaliar as capacidades do alumno/a no marco dunha materia.

Nivel de alfabetización tecnolóxico inadecuado.

Permite observar habilidades e logros, como pensan, cuestionan, analizan, sintetizan, producen ou crean.

Esquecemento doutros recursos e medios.

Fomenta a aprendizaxe cooperativa.

Proporciona unha falta de seguridade e certeza ao inicio do traballo.

Potencia o desenvolvemento por competencias.

Require tempo de dedicación previa por parte da profesora.

Implica un grao de responsabilidade por parte do alumnado.

Necesita elementos esenciais como internet.

Require moito tempo de indagación e reflexión.

Necesidade dunha boa lectura compresiva, síntese e reflexión crítica por parte do alumnado.

Fomenta a autonomía.

 

Ofrece un sinxelo almacenamento.

 


CLASE MÉRCORES 25 DE SETEMBRO 2013

VANTAXES E INCONVINTES DUN E-PORTAFOLIOS

 

Esta incerteza inicial fixo que nun primeiro momento nos arquivos que subía dubidara algo por se estaban ben enfocados, pero así que foi pasando o tempo, fun comprobando que cada día que pasaba tiña maiores coñecementos sobre a materia e era capaz de relacionala con lecturas de documentos que non traballamos na clase, senón máis ben foron lidos por ampliación das miñas ideas.

Por todo isto, neste porfafolio podedes atopar tantos actividades de carácter máis obrigatorio orientadas pola mestra, así como outras reflexións propias de lecturas e vídeos voluntarios e complementarios que se poden relacionar cos contidos traballados e é o que pretendo transmitir neste traballo, unha cohesión entre todos os arquivos e escritos do blog.

Debo salientar que nos arquivos subidos, non me limitei a copiar literalmente o que podía ir lendo nos documentos, senón máis ben a valorar e opinar esas ideas e relacionalas co traballado na aula.

A pesares de que empreguei tanto a ferramenta do blog como dos arquivos, é verdade que sobresaen máis os arquivos por parecerme esta máis doada de empregar. O blog principalmente utiliceino para comentar o diario de clase e ir sinalando que engadía un novo arquivo situando o nome, o enlace directo para poder lelo así como un breve comentario do que trataba.

Como fío condutor deste traballo pensei na construción dunha ponte. As razóns que me levan a establecer este símil son varias:

En primeiro lugar sinalar que cada vez que vou a miña casa e vexo o avance da ponte de Noia penso nas ganas de poder ir dunha beira a outra e percorrer ese camiño e así non ter que atravesar todo Noia cos seus atascos. A súa vez cada fin de semana pensaba en construír unha nova publicación sobre a materia para subir á rede polo que para min era como un símil xa que cada arquivo que subía era como cada nova viga ou pedra que se ía poñendo na ponte, ambas as cales nos permiten chegar á meta, por unha banda a outra beira da ría e por outra, achegarme ao coñecemento de asesoramento curricular. 

                      image           image

Como idea xeral na materia de Asesoramento Curricular, nós, os alumnos e alumnas, somos os coches que imos pasar por esa ponte, as nosas publicacións son cada unha das vigas, piares e pedras que leva a ponte e Lourdes sería esa persoa que guía onde é máis aconsellable que vai cada un deses materiais.

Como segunda razón sinalar que para a construción dunha ponte é necesaria a colaboración de diferentes profesionais, algo que tamén é imprescindible dentro dun centro educativo, a busca dese traballo colaborativo para realizar entre todos proxectos e do cal teño falado en moitos arquivos.

Así, dentro dun centro educativo o profesorado sería todos os coches que acabarán pasando por esa ponte, para a cal deben ir colocando as súas propias pedras e piares, que son todas as publicacións, as indagacións, as investigacións, etc sobre diferentes temáticas para así entre todos construír dita ponte e poder chegar a outra beira, onde está a tan ansiada educación de calidade. E cal sería a función do asesor/a? Pois é o responsable de guiar a colocación desas pedras, de asesorar onde é mellor pousalas e buscar as relacións entre os diferentes materiais. Na construción real dunha ponte sería o enxeñeiro/a de obras públicas.

O proceso que seguirei neste portafolio consiste en varios puntos importantes a ter en conta na construción dunha ponte:

En primeiro lugar cando se quere construír unha ponte é fundamental ter unhas ideas básicas sobre a construción e as pontes, simil no asesoramento. A continuación cando xa temos a seguridade de construír dita ponte é imprescindible saber que tipo de ponte queremos construír, xa que dependerá do contexto onde se quere facer principalmente.

Despois disto xa pasamos a elección dos materiais que imos empregar, xa que son diferentes si se trata dunha ponte por riba da terra que por riba do mar.

Para que esta ponte se leve a cabo de maneira satisfactoria é preciso contar cun equipo de construción, dentro do cal forman parte del todos os profesionais con maior relevancia o enxeñeiro de obras públicas, o cal ten a función de coordinar e orientar o longo de todo o proceso.

Outro piar fundamental son os planos xa que neles están as bases de  como vai ser esa ponte. A través de ditos planos decídense que medidas tomar, cantos carrís vai ter, que anchura, que altura, como vai ser a mediana, etc

Esquema:

1. Idea da construción

2. Que ponte queremos?

3. Que materiais imos empregar?

4. Equipo de construción

            4.1. Implicación, compromiso e colaboración

            4.2. O enxeñeiro de obras públicas

5. Os planos

6. As medidas elixidas

            6.1. Anchura

            6.2. Altura

            6.3. Lonxitude

A continuación irei explicando con maior detalle cada un destes piares básicos para que ao finalizar estea construída esa ponte tan desexada.