8. INDAGAR E INVESTIGAR: DISTINTAS VIAXES : ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

8. INDAGAR E INVESTIGAR. DISTINTAS VIAXES ---> ATENCIÓN Á DIVERSIDADE.

Unha vez establecido ese clima de confianza e de colaboración o seguinte que fixemos foi recorrer e camiñar polas distintas paraxes de New York, coñecer o representativo para o cal foi preciso que todas puxésemos en común que era o que queriamos visitar, con que finalidade. Tiñamos que, programar  o noso planing de viaxes durante esas tres semanas entre as catro, compaxinando os distintos horarios de clase e as preferencias de cada unha.

No asesoramento, a través dun traballo conxunto, temos que indagar e construír as ferramentas necesarias para a atención á diversidade: as adaptacións curriculares, os programas de diversificación curricular e os programas de cualificación profesional inicial, entre outros.

Primeiramente considero necesario sinalar un arquivo correspondente coas notas de campo da sesión do 13 de Novembro no cal falamos do currículo. Foi unha sesión na que afondamos en moitos contidos que me fixeron refrescar toda a información que eu tiña sobre o currículo así como a técnica das 3 P que levamos a cabo en Psicopedagogas en Acción Diario Mércores 13 de Novembro de 2013http://stellae.usc.es/red/file/view/47788/tcnica-das-3-p

As notas de campo da sesión na que afondamos de cheo xa na atención á diversidade é a seguinte:  Diario Mércores 4 de Decembro de 2013  Resaltar ademais o primeiro arquivo que subin como tarefa previa que nos encomendara Lourdes Montero para esta clase, afondar no estudo de casos e nas adaptacións curriculares e os Programas de diversificación curricular, documento que despois reestruturei.  Estudo de casos, Adaptación Curricular Significativa e Programas de Diversificación Curricular

 

Que significa á atención a diversidade?

 imagePor todos nós é sabido que a diversidade é unha realidade social. Cada un de nós ten trazos que nos fai únicos ben sexa por singularidades biolóxicas, psicolóxicas, sociais e culturais tal e como nos di a Lei Orgánica 2/2006 do 3 de Maio de Educación. Así pois, dende os centros educativos debemos dar resposta a esta diversidade, as particularidades de cada alumno/a.

 O decreto 229/2011 do 7 de Decembro que regula a atención a diversidade na comunidade autónoma de Galicia, concibe a atención educativa á diversidade como o conxunto de medidas e accións deseñadas coa finalidade de adecuar a resposta educativa ás diferentes características, potencialidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións e intereses e situacións so­ciais e culturais de todo o alumnado. Tamén nos di que estas medidas e accións implican a toda a comunida­de educativa e deben concretarse en propostas curriculares e organizativas que teñan en conta a pluralidade de todas e cada unha das alumnas e alumnos.

 O obxectivo educativo ten que ser pois conseguir que todas as persoas acaden o máximo desenvol­vemento persoal e social posible.

 

Como se conciben actualmente as necesidades?

Cómpre sinalar que este concepto variou moito ao longo dos anos, pasando de considerarse unha intervención máis de tipo clínico a unha pedagóxica centrada nas axudas que os individuos necesitan para poder acadar un desenvolvemento integral.

A Lei Orgánica 2 do 3 de Maio de 2006 de Educación aporta un novo enfoque destacando aparte dunha educación de calidade, a necesidade de que esta chegue a todos os mozos, sen exclusión, baseándose nos principios de CALIDADE e EQUIDADE. Ademais, no título II, no capítulo 1 introduce un novo termo, NEAE: alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo que, seguindo o Decreto 229/2011 que regula a atención a diversidade é aquel que requira, de forma temporal ou permanente apoios ou provisións educativas diferentes ás ordinarias por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas de aprendizaxe, por altas capacidades intelectuais, por incorporarse tardiamente ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar.

 

Como podemos responder a esta diversidade? Que medidas existen na nosa Comunidade Autónoma?

No artigo 7 do Decreto 229/2011 enténdese por medidas de atención á diversidade aquelas actuacións, estratexias e/ou programas destinados a proporcionar unha resposta axusta­da ás necesidades educativas do alumnado. Tamén se di que estas medidas se clasificarán en ordinarias e extraordinarias e estarán recollidas no Plan Xeral de Atención á Diversidade e nas concre­cións anuais de dito plan.

 Logo, no artigo 8 e 9 establécense as medidas ordinarias e extraordinarias respectivamente.

 

Que diferenza hai entre ambas?

O artigo 8 dinos que as medidas ordinarias son aquelas que non supoñen a modificación ou alteración significativa dos obxectivos, contidos e criterios de avaliación mentres que as medidas extraordinarias si (artigo 9) e estas últimas, ademais, necesitan da aprobación da inspección para ser levadas a cabo?

 

Que medidas ordinarias podemos adoptar?

Entre outras, podemos adoptar as seguintes medidas:

  • Adecuación da estrutura organizativa do centro (horarios, agrupamentos, espazos) e da organización e xestión da aula ás características do alumnado.
  • Desdobramentos de grupos.
  • Reforzo educativo e apoio do profesorado con dispoñibilidade horaria.
  • Programas de enriquecemento curricular.
  • Programas de reforzo nas áreas instrumentais básicas.
  • Programas de recuperación.
  • Programas de habilidades sociais.

 

Que medidas extraordinarias podemos adoptar?

Entre outras:

  • Agrupamentos flexibles.
  • Apoio do profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica e/ou en Audición e Lin­guaxe.
  • Flexibilización da duración do período de escolarización.
  • Adaptacións curriculares.
  • Programas de diversificación curricular.
  • Programas de cualificación profesional inicial.

O arquivo no que falo sobre a atención a diversidade é o seguinte: Atención á Diversidade

 

 

Ademais neste eixo considero necesario resaltar un arquivo no que intento dar resposta a cuestión que facer cando prevemos que un alumno vai necesitar medidas de atención a diversidade? No cal dou resposta a esta cuestión a través de pequenos pasos:  Que facer cando prevemos que un alumno/a vai necesitar medidas de atención á diversidade?

  1. Como se identifican e valoran as NEAE do alumnado? Cal é o proceso?
  2. Unha vez identificadas e valoradas as NEAE, que facemos?
  3. Decisións de escolarización.
  4. Cal é o proceso de escolarización?
  5. Cales son as modalidades de escolarización?
  6. Unha vez establecidas as decisións de escolarización, que temos que facer? Establecer un plan de actuación a tres niveis: centro, aula e alumno/a.
  7. Avaliar o proceso educativo
  8. E a avaliación do alumnado, como debe ser?
  9. Avaliación tan só do alumno/a?
  10. Unha vez avaliado, ¿que criterios de promoción seguir?

 

 Afondando nas MEDIDAS EXTRAORDINARIAS,…

Cales son as características das Adaptacións Curriculares?

O arquivo no que afondei nesta cuestión é o seguinte: Adaptacións Curriculares

 

A continuación, a través dun cadro aparecen as características fundamentais:

 

 

 

 

 

CONCEPTO

A Orde do 6 de Outubro de 1995 que regula as AC das ensinanzas de réxime xeral na nosa CCAA considera que as adaptacións curriculares son medidas extraordinarias que supoñen a modificación dun ou máis elementos prescriptivos do currículo, como son os obxectivos, contidos e criterios de avaliación, para atender as NEE do alumno.

Esta orde tamén establece que se decidirá a elaboración da ACS, unha vez esgotadas outras medidas ordinarias de intervención educativas e que se elaborarán e levarán a cabo, excepto en casos excepcionais, nun contexto ordinario

 

DESTINATARIOS

Alumnado de Educación Primaria ou Educación Secundaria Obrigatoria con Necesidades Específicas de Apoio Educativo

 

 

 

RESPONSABLES

A decisión de realizar adaptacións curriculares significativas tomaraa o equipo educativo, coordinado polo titor.

Os responsables da confección e aplicación da adaptación curricular son o profesor titor e os profesores e profesionais que traballan co alumno co asesoramento dos departamentos de orientación.

COMO SE ELABORA

  1. O equipo de profesores que detecte que un alumno/a posúe dificultades deberá solicitar que se lle realice unha avaliación psicopedagóxica (Orde do 31 de Outubro de 1996)
  2. Logo os centros realizarán unha reunión coordinada polo xefe de estudos a que asistirá o titor, o profesor da área de obxecto de AC e os profesionais que participaron na avaliación diagnóstica na cal, se decidirá a pertinencia ou non da AC así como aqueles elementos do currículo que deben ser modificados.
  3. Por último a AC e a avaliación psicopedagóxica é enviada a Inspección xa que é esta quen a ten que autorizar e esta reflectirase tanto no expediente académico como no libro de escolaridade e no informe aos pais.

 

 

 

ESTRUTURA A SEGUIR

1. Datos persoais do alumno ou alumna.

2. Datos físicos e de saúde.

4. Datos do contorno sociofamiliar.

3. Datos psicosociais.

5. Datos do contorno escolar.

7. Profesionais participantes.

6. Datos pedagóxicos.

DURACIÓN

As adaptacións curriculares significativas deberán formularse cunha duración mínima dun ciclo escolar en EP e dun curso en ESO

AVALIACIÓN

Os criterios de avaliación establecidos nas adaptacións serán o referente fundamental para valorar o grao de adquisición das competencias básicas.

 

 

 

 

 

PROMOCIÓN

Accederase ao ciclo ou etapa seguinte sempre que se considere que o alumnado alcanzou o desenvolvemento correspondente das competencias básicas e un axeitado grao de madureza.

Accederase, así mesmo, sempre que as aprendizaxes non alcanzadas non lle impidan seguir con aproveitamento o novo ciclo ou etapa e non se esgotasen as permanencias previstas na etapa.

A escolarización deste alumnado poderá prolongarse un ano máis, sempre que favoreza a súa integración socioeducativa (Educación Primaria), ou que favoreza a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

 

 

 

  LEXISLACIÓN QUE A REGULA

- Decreto 229/2011 do 7 de Decembro que regula a atención a diversidade na CCAA de Galicia

- Orde do 23 de Novembro de 2007 pola que se regula a avaliación de Educación Primaria na nosa Comunidade Autónoma

- Orde do 31 de Outubro de 1996 que regula a avaliación psicopedagóxica na CCAA de Galicia

- Orde do 6 de Outubro de 1995 xa que esta é a que regula na nosa Comunidade Autónoma as Adaptacións Curriculares das ensinanzas de réxime xeral.

 Dentro das adaptacións curriculares subin dous arquivos (Parte 1 e 2) cun exemplo sobre esta medida extraordinaria de atención a diversidade que podedes atopar a continuación con tan so un click:  EXEMPLO ADAPTACIÓN CURRICULAR PARTE 1 EXEMPLO ADAPTACION CURRICULAR PARTE 2

Cales son as características dos Programas de Diversificación Curricular?

Profundei nesta pregunta no arquivo que aparece a continuación:  Programas de Diversificación Curricular

 

Como rasgos distintos dos Programas de Diversificación Curricular amoso este cadro resumo que aparece de seguida:

 

  

 CONCEPTO

Os programas de diversificación curricular constitúen unha das medidas de atención á diversidade. Estes posibilitan unha organización dos contidos, actividades e materias do currículo diferente á establecida con carácter xeral, así como unha metodoloxía específica que lle permita ao alumnado que acceda a estes programas adquirir as competencias básicas, alcanzar os obxectivos xerais da etapa e, polo tanto, obter o título de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria. 

 

 

 

 

 

DESTINATARIOS

Os programas de diversificación curricular están destinados ao alumnado que cumpra as seguintes condicións ( artigo 4):

a) Ter dificultades xeneralizadas de aprendizaxe, ter sido obxecto doutras medidas de atención á diversidade, sen que estas resultasen suficientes para a recuperación das dificultades de aprendizaxe detectadas e atoparse nunha situación de risco evidente de non alcanzar as competencias básicas e os obxectivos da etapa cursando o currículo ordinario.

b) Existir expectativas razoables de que coa incorporación ao programa poderán alcanzar as competencias básicas e os obxectivos da etapa e, en consecuencia, obter o título de graduado en Educación Secundaria.

 

 

 

CONDICIÓNS DE ACCESO

Poderán incorporarse a estes programas o alumnado que se atope nalgunha das seguintes situacións:

a) Ter cursado o segundo curso da Educación Secundaria Obrigatoria, non estar en condicións de promocionar ao curso seguinte e que repetisen xa unha vez na etapa.

b) Tras cursar o terceiro curso, non estar en condicións de promocionar.

c) Tras repetir o terceiro curso, non superalo.

d) Ter cursado o cuarto curso da Educación Secundaria Obrigatoria sen superalo e ter repetido xa unha vez na etapa.

 

 

  

 ESTRUTURA

a) Un ámbito específico de carácter lingüístico social

b) Un ámbito científico-técnico

c) As materias do terceiro curso.

d) As materias do cuarto curso.

e) A materia de tecnoloxía.

f) Unha materia optativa elixida entre aquelas que oferte o centro para os cursos terceiro e cuarto.

g) A materia de relixión.

Cómpre sinalar que as materias de música, educación plástica e visual, educación física e relixión, así como a optativa, serán cursadas co grupo de referencia.

 

 

DURACIÓN

Con carácter xeral, a duración será de dous anos.

 Poderán establecerse programas dun ano de duración para aqueles alumnos/as que cursasen 4º ESO sen acadar o título, ou que, tras repetir 3º, non acadasen os obxectivos.

 

 

 

 

 

 

AVALIACIÓN

- Os referentes fundamentais para avaliar as aprendizaxes do alumnado serán as competencias básicas e os obxectivos xerais da Educación Secundaria Obrigatoria, así como os criterios de avaliación específicos establecidos para cada ámbito do programa e para as materias que curse cada alumno/a.

- O alumnado que curse este programa acadará o título de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria sempre e cando supere todos os ámbitos e materias que integran o programa.

- Tamén o conseguirán aqueles que tendo superados os ámbitos, teñan avaliación negativa nunha ou dúas materias, e de maneira excepcional en tres, sempre que a xuízo do equipo docente alcanzase ao finalizar o programa as competencias básicas e os obxectivos da etapa.

-  En relación con aqueles alumnos que finalicen o programa de maneira non satisfactoria, non conseguindo o título de graduado en ESO, sempre e cando cumpran os requisitos de idade, poderán permanecer un a no máis no programa. 

- Nesta orde tamén nos di que aqueles alumnos/as que accedan a un programa de diversificación curricular sen acadar os obxectivos dalgunha materia dos cursos anteriores, terán que realizar as actividades de reforzo e de apoio que lle permitan recuperalos ao longo do desenvolvemento do programa, sendo a avaliación competencia do profesorado que imparte clase nel, coa colaboración dos departamentos implicados.

 LEXISLACIÓN QUE A REGULA

Orde do 30 de xullo de 2007 pola que se regulan os Programas de Diversificación Curricular na Educación Secundaria Obrigatoria.

 Podedes atopar un exemplo destes programas de diversificación curricular a continuación:  EXEMPLO DE PROGRAMA DE DIVERSIFICACIÓN CURRICULAR

 

Cales son as características dos Programas de Cualificación Profesional Inicial?

A resposta a esta pregunta podédela atopar no seguinte arquivo:  Programas de Cualificación Profesional Inicial

 

De modo xeral as características son as que aparecen a continuación:

 

  

  

 

 CONCEPTO

Debemos ter en conta que, na actualidade, existe alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria que posúe dificultades ou desfases na súa aprendizaxe. Este feito pode poñer en risco o alcance das competencias básicas e dos obxectivos previstos e, como consecuencia, a obtención da titulación correspondente.  Porén, tal e como nos di a orde, a pesar de tales dificultades, este alumnado posúe capacidades que é preciso potenciar a través de medidas educativas específicas para poder finalizar a súa escolarización en condicións de desenvolvemento persoal e inclusión social satisfactorias, sen as que probablemente teña que afrontar unha situación laboral de precariedade debido á falta de cualificación e de titulación. Para este alumnado establécense os programas de cualificación profesional inicial.

 

 

 

 

 

DESTINATARIOS

Os programas de cualificación profesional inicial están destinados a (artigo 4):

Alumnado escolarizado con dificultades de aprendizaxe que acepte o marco escolar e valore continuar a súa formación nun ámbito profesionalizador, ou ben que se encontre en grave risco de abandono escolar.

Alumnado desescolarizado por abandono do sistema educativo ou por proceder doutros países, que desexe acceder ao mercado laboral coa acreditación dunha cualificación profesional de nivel 1.

Alumnado con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de minusvalidez ou trastornos graves de conduta que cursasen a escolarización básica en centros ordinarios ou en centros de educación especial, co fin de facilitar a súa inserción laboral.

 CONDICIÓNS DE ACCESO

 Ter entre 15 e 21 anos cumpridos dentro do ano do inicio do programa.

Non cursar con anterioridade ningún outro programa de cualificación profesional inicial.

 

 ESTRUTURA

a) Módulos obrigatorios

- Módulos específicos profesionais.

- Módulos formativos de carácter xeral.

b) Módulos voluntarios.

DURACIÓN

Dous cursos académicos.

 

 AVALIACIÓN

Tómanse como referencia os criterios de avaliación de cada un dos módulos que constitúen o programa.

Carácter continuo.

Realizarase tanto unha avaliación inicial (non implica unha cualificación para os alumnos/as) como avaliacións parciais, finais e finais extraordinarias.

 LEXISLACIÓN QUE A REGULA

Orde do 13 de xullo de 2011 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

 Gustaríame sinalar neste punto unha carta dun alumno/a ao seu mestre/a proporcionándolle as claves de cómo tratalo xa que me pareceu moi significativa. Isto podédelo atopar no seguinte arquivo: CARTA DUN ALUMNO/A AO SEU MESTRE/A

 

 image

 

Las personas al igual que las aves son diferentes en su vuelo pero iguales en su derecho a volar.

Non limitemos a ninguén por ser diferente, por custarlle máis aprender. Ofrezámoslle os recursos que necesiten, fixémonos nas súas potencialidades e fagamos que o noso alumnado desenvolva ao máximo todas as súas capacidades para que poida acadar aprendizaxes significativas e funcionais, integrais.

Non debemos esquecer que, para poder aprender, TODOS, nalgún momento das nosas etapas educativas e do noso proceso de ensinanza-aprendizaxe, necesitamos a axuda de alguén.

De aí esta foto, todos pertenciamos a diferentes razas, culturas, eramos diversos e estabamos rodeada de xente diversa e iso non significou que fose contraproducente ou que limitase o meu coñecemento e os meus obxectivos, ao contrario foi un feito enriquecedor.

Por que fixarse nas diferenzas se o diferente é o que enriquece a sociedade?