2. Paso 1. Escollemos a materia prima.

   

    En tódolos ámbitos do coñecemento é preciso ter presente o que xa se sabe para encamiñar o que se quere aprender. No caso da cociña, non será o mesmo iniciar a alguén neste arte que ensinarlle novas técnicas que perfeccionen as destrezas xa adquiridas. Por tanto, pódese aplicar ao mesmo ao ámbito do asesoramento curricular. Isto implica coñecer as calidades do produto para potenciar o seu sabor e propiedades, cousa que se realizará a diferente nivel segundo nos sexa máis ou menos familiar. Este produto é a labor asesora.

    Na tarefa de grupo na que nos preguntábamos que entendiamos por asesorar (http://stellae.usc.es/red/file/view/40407/tarefa-1-que-entendemos-por-asesorar), a compañeira Silvia Muñiz e máis eu partiamos dunha serie de ideas clave.

   Para comezar, o Dicionario de psicoloxía de educación da Xunta de Galicia (2001), recolle que o asesoramento é unha actividade de axuda, orientación ou consello a outra persoa no desenvolvemento das súas funcións, podendo darse o asesoramento como orientación, o asesoramento como información e o asesoramento como consello ou ditame técnico.

    Ademais, se ampliamos as nosas miras, o asesoramento pódese atopar tamén en ámbitos como o xurídico, o financieiro, a xestión do ocio, e mesmo, na intimidade dunha familia ou parella. No ámbito que nos ocupa, o da educación, o asesoramento académico e profesional refírese a unha actividade docente ordinaria que supón unha comunicación entre dous axentes (cociñeiro e aprendiz), para garantir unha actuación persoal valiosa, á que teñen dereito todos os alumnos.

    Por isto mesmo, un asesor, de acordo coa Guía do Asesor do Ministerio de educación, presenta unha serie de características ou predisposicións relacionadas coa súa tarefa, que, chegados a este punto da  materia, se poden considerar como elementos integrantes da colaboración: a cooperación, o acompañamento e a motivación; a implicación e indagación, a obtención de información e a súa avaliación e a axuda nas dificultades a unha persoa ou colectivo asesorado.

    Desta maneira, entendemos como asesorar ao grupo de traballo un proceso flexible que permite o intercambio de información entre o grupo e a figura do asesor, para que este último poida colaborar co desenvolvemento dun proxecto mediante a aportación dos seus coñecementos. O asesoramento pode ser en si mesmo unha profesión, pero en ocasións, sobre todo no referido á institución escolar, é unha función que adoita estar incluída no desempeño profesional do orientador, posto que non existe outra figura que se aproxime máis tanto en formación como en situación no sistema educativo aos procesos de asesoramento.

    Por outra parte, recóllense no diario de aula as propias percepcións sobre o desempeño da tarefa: http://stellae.usc.es/red/file/view/40921/caderno-de-bitcora-dunha-psicopedagoga-en-formacin-iipdf

    Ademais dos coñecementos grupais, pódense destacar tamén os propios coñecementos previos sobre o asesoramento, que se presentaron neste arquivo: http://stellae.usc.es/red/file/view/40413/tarefa-0--coecementos-previos-sobre-asesoramento. No mesmo reitérase a afirmación de que o asesoramento se vincula coa figura docente, a pesares de que esta tarefa non aparece incluída como unha competencia do docente na propia formación inicial como previa. Non obstante, a licenciatura de Psicopedagoxía amplía a visión da educación, tocando o asesoramento en materias como “Diagnóstico en educación” (dende o punto de vista do diagnosticador) ou “Modelos de orientación e intervención psicopedagóxica” (partindo dun paradigma educacional-construtivista, no que o asesor debe ser o aglutinante de tódolos axentes interviñentes na escola).

    Volvendo á alegoría culinaria, xa se puxo de manifesto que unha receita e un currículo supoñen unha previsión duns feitos futuros. A esta previsión pódese sumar o microrrelato escrito sobre como se imaxina o primeiro día de traballo no ámbito que estamos a describir: http://stellae.usc.es/red/file/view/45656/microconto-sobre-o-primeiro-da-de-traballo. Facendo uso unha vez máis dunha metáfora, describo brevemente unha situación figurada, na que a asesora chega e atopa un problema de comunicación que impide o bo desempeño da súa labor, o que terá que poñer remedio con esforzo, constancia e boa praxe.

 

image

   

    A partires de aí, e unha vez coñecido o produto e decididos a cociñar, débese realizar a elección do que se quere elaborar: neste caso escolleuse un guiso, seleccionado en base ás nosas necesidades, pero se estas foran outras, ben podería tratarse dunha empanada ou unha torta. Da mesma maneira que hai que diferenciar entre diversas receitas, faise obrigado diferenciar entre prácticas como a orientación e o asesoramento. Neste arquivo aclaro as diferenzas entre ambos termos, tendo sempre en conta que unha pode englobar a outra, a pesares de que posúen unha serie de características peculiares e de necesaria mención. http://stellae.usc.es/red/file/view/41229/orientar-o-mesmo-que-asesorar

    Por último, deixo o enlace do arquivo correspondente ao diario de clase no que se debateu sobre este tema completa a información sobre o mesmo: http://stellae.usc.es/red/file/view/40909/caderno-de-bitcora-dunha-psicopedagoga-en-formacin-i