3. Paso 2. Un guiso precisa un bo caldo.

 

    Retomando o noso fío condutor gastronómico, en todo guiso ten que existir un caldo base que proporcione sabor e unidade ao resto de ingredientes. Esa base pode compararase aos modelos de orientación e asesoramento, que servirán de marco para tódalas intervencións que se realicen na institución escolar, o que se amplía no seguinte arquivo: http://stellae.usc.es/red/file/view/42001/modelos-de-orientacin-e-modelos-de-asesoramento

   Un modelo de orientación é unha referencia para a planificación da intervención orientadora, constituíndo unha guía con carácter instrumental e normativo. Unha das múltiples clasificacións coas que se pode traballar é a de Álvarez e Bisquerra (en Fernández Rey, 2011), baseada en tres criterios: os fundamentos teóricos (o modelo condutista ou humanista), o tipo de intervención (clínico, mediante programas) e o tipo de organización (que pode ser institucional ou particular).

    Por outra parte, Rodríguez Espinar (de igual maneira que con Caride e Trillo, 2011) propón outra clasificación que segue como criterio básico o tipo de intervención orientadora. Para isto propón catro categorías, que á vez inclúen seis modelos de intervención:

- Categoría de intervención directa e individualizada (dentro do modelo de couseling ou o clínico)

Categoría de intervención directa e grupal (incluída no modelo de servizos e o de programas)

Categoría de intervención indirecta e individual e/ou grupal (enmarcado no modelo de consulta).

Categoría de intervención a través de medios tecnolóxicos, (vinculado co modelo tecnolóxico).

   Outra clasificación dos modelos de orientación e coa que se traballou nas aulas ata o momento da creación do anterior é a que diferenza entre modelo de Counseling, o modelo de programas, o de servizos, o de consulta, o tecnolóxico, o clínico-psicométrico e o psicopedagóxico e o sociopsicopedagóxico.

   Dende esta perspectiva, o modelo de Counseling parte dun proceso psicolóxico de axuda a unha persoa, para identificar as súas habilidades para solucionar un problema. Ten polo tanto, un carácter terapéutico e remedial.

   En segundo lugar, o modelo de programas representa unha acción sistemática para recoñecer unhas necesidades específicas e acadar unhas metas antes establecidas. O seu carácter é de prevención, desenvolvemento e intervención social.

    Por outra banda, o modelo de servizos é o que adopta a Administración, dentro da que se atopan os Equipos de Orientación Específica ou os Departamentos de Orientación. Ten como finalidade básica orientar cara unha solución ou eliminación das determinadas situacións dun colectivo concreto. Baséase na realización dunha intervención directa, de carácter tanto terapéutico como remedial.

    O modelo de consulta baséase na relación entre consultor e consultante, para axudar a un terceiro, que é o cliente, para así afrontar as diversas problemáticas que este presente. Pretende, por tanto, dotar ao cliente das competencias necesarias para que de resposta de maneira autónoma ás súas necesidades.

    O modelo tecnolóxico ten como principal característica o uso das ferramentas das Tecnoloxías da Información e Comunicación como base de outras labores por parte dos orientadores

    Xa dende outra perspectiva, o modelo clínico-psicométrico xurde da tradición médica, diagnosticando o orientador unha carencia ou déficit e deseñando medidas de intervención en consecuencia.

    En sétimo lugar, pódese diferenciar tamén o modelo psicopedagóxico, que é o que segue o noso sistema educativo actual. Seguindo a postura de Fernández Rey (2011) esta defínese porque a función do orientador é indirecta, actúa por programas e cunha intervención interna e proactiva.

    O modelo sociopsicopedagóxico pode considerase como unha variante do anterior, aínda que a súa intervención non se limita só á escola, senón que tamén á comunidade escolar en xeral (docentes, familias, alumnado,..). Por tanto, os profesionais que traballen baixo este marco coordinarán as súas actuacións cos outros que incidan tamén no ámbito da comunidade.

    No documento descrito defínense tamén os modelos de asesoramento. Tal e como apuntan Grañeras e Parra (2008), o asesoramento xurde no ámbito dos servizos sociais como unha forma de substituír o modelo clínico, de intervención directa, por unha intervención indirecta coordinada por profesionais que interveñen coa poboación. Así, poden diferenciarse dúas modalidades de asesoramento: o asesoramento comprometido (que contribúe á emancipación sociocultural das persoas e grupos) e o asesoramento comunitario (que ten como finalidade incrementar a capacidade dunha comunidade para a toma de decisións). .

     Unha volta de torca máis aos modelos de asesoramento son os propostos por Iranzo (2012), distinguindo entre modelo de intervención, modelo de facilitación e modelo de colaboración.

   O modelo de intervención defínese porque nel o asesor adopta o papel de diagnosticador de doenzas, recetando remedios aos seus pacientes. Por tanto, os recursos existentes neste marco de intervención están destinados a unha finalidade remedial, e non preventiva.

     Pola contra, o modelo de facilitación concibe ao asesor como un recurso para o apoio e a aprendizaxe, dado que a profesora ou profesor  é o que debe asumir a iniciativa do cambio, recoñecéndoselle a súa valía a tales efectos. Así, trabállase a nivel de significados subxectivos, como a concepción da educación do docente ou o establecemento dunha interacción relevante e significativa.

    En terceiro lugar, o modelo de colaboración baséase nunha colaboración recíproca e aceptada de maneira voluntaria, cuxa finalidade está relacionada coa mellora da educación, a equidade, a xustiza ou a liberdade, polo que o seu desenvolvemento implica un equilibrio complexo entre intereses e posicións de carácter individual e colectivo.

  Da mesma maneira, no arquivo correspondente ao terceiro diario de clase (http://stellae.usc.es/red/file/view/42461/caderno-de-bitcora-dunha-psicopedagoga-en-formacin-iii) faise unha diferenciación entre modelos de orientación e asesoramento segundo a súa orixe, a súa práctica, o seu poder, o grao de comunicación e a meta.

     Non obstante, se o profesional do asesoramento non ten as ideas claras  sobre o marco no que se posiciona e a postura que adopta antes estes modelos, a multiplicidade de perspectivas existentes pode supoñer unha fonte de confusión á hora de desenvolver a súa práctica cotiá. De similar maneira se atopa o cociñeiro ante diversos estilos culinarios: pode preferir a alta cociña, a rexional ou a vexetariana. Pola contra, pode decantarse por un paradigma integrador, experimentando coa cociña fusión e escollendo para cada ocasión os ingredientes, sabores ou calidades máis adecuadas.  Para isto, Domingo (2010), presta unha serie de reflexións útiles para o desenvolvemento da práctica asesora: http://stellae.usc.es/red/file/view/44959/reflexins-sobre-comprender-y-redireccionar-las-prcticas-de-asesora-domingo-2010

    Neste artigo, o autor realiza unha reconceptualización do asesoramento, así como dos elementos dos que este debe constar para dar sentido ao paradigma de colaboración que propón. Por tanto, atopámonos ante unha alternativa no plano do asesoramento, que pasa por que a Administración cambie a súa maneira de intervención, introducindo a colaboración e a cohesión como fío condutor.

    Desta maneira, Domingo (2010) presenta unha serie de realidades, nas que me centrei como aspectos a considerar, e incluso a modificar, como son: a multiplicade de modelos, a formación das asesoras e asesores e as súas actitudes profesionais, o traballo en equipo do profesorado, os recursos existentes e as estratexias para o cambio. Na aula analizamos o documento deste autor mediante a técnica do acuario, cuxo desenvolvemento se pode consultar no arquivo correspondente ao cuarto diario de clase: http://stellae.usc.es/red/file/view/44405/caderno-de-bitcora-dunha-psicopedagoga-en-formacin-iv-reflexin-sobre-a-tcnica-do-acuario

    Como xa se acaba de explicar, as características da práctica psicopedagóxica facilitan a multiplicades de modelos que a enmarcan (Grau, en Bonals e Sánchez Cano, 2007), ante o que a resposta non debe ser unha contraposición excluínte dos mesmos, senón unha combinación na súa utilización, triangulando ferramentas ou estratexias diferentes (propias de diferentes modelos) dependendo das necesidades concretas de cada caso.

    Ademais, unha formación inicial, novel e permanente, así como unha actitude positiva, serán os cementos do traballo en equipo dos profesores e profesoras, indispensable para a función asesora. Esta función apoiarase nos recursos existentes, que se deben reconceptualizar e utilizar dunha maneira que permita o seu maior aproveitamento.


image


    Hai que ter presente que a maiores de tódolos coñecementos teóricos de como levar a bo porto a tarefa do asesoramento, deben terse presentes outras estratexias e modos de actuar, máis relacionado con habilidades de relación interpersoal. Estes serán un elemento unificador, que ligarán ao resto de ingredientes. Desta maneira, Echeita e Rodríguez (2005), sinalan que “o terreo no que se xoga ese traballo non é outro precisamente que o da comunicación entre dous ou varios suxeitos que procuran unha definición intersubxectiva, común, respecto á tarefa ou demanda educativa que lles preocupa”.  Por tanto, se o ámbito da comunicación, tanto verbal como non verbal, non funciona, faise imposible acadar un contexto de colaboración que implique á totalidade dos profesionais dun centro.