4. Paso 3. Os outros ingredientes: elección e proporción

 

    O próximo paso que vamos a seguir na creación do noso guiso será a elección dos ingredientes restantes: peixe, verduras,  legumes,..., tendo presente que aínda que nesta ocasión escollamos un guiso de carne, debemos preparar o seguinte de peixe, para compensar e non excedernos. Deste xeito, a elección dos ingredientes dunha receita estará supeditada ás necesidades nutricionais concretas de cada colectivo, porque non supón a mesma situación estar a dieta que precisar un forte aporte calórico para utilizar nun esforzo físico.

    Como na variedade está o gusto, podemos poñer como exemplo da base que supoñen como ingrediente os modelos de asesoramento a través de programas. De acordo con Álvarez Rojo (1998, en Grau, á súa vez en Bonals e Sánchez Cano, 2007), un programa é unha oferta educativa ou orientadora referida a un cambio do desenvolvemento persoal ou social dos destinatarios aos que se dirixe.

    Algunha das súas características  definitorias pasan polo seguinte:

- O asesoramento a través de programa ten unha finalidade grupal.

- É de carácter preventivo.

- A planificación estará previamente acordada co centro no que se desenvolva o programa.

- Conta cunha serie de fases:

  • Detección e análise.
  • Planificación ou deseño do programa.
  • Implementación.
  • Avaliación.

   O asesoramento por programas conta cunha serie de variantes ou tipos, segundo o proxecto de centro co cal se vinculan, os bloques temático cos que conta, os seus ámbitos de actuación, o seu alcance ou os destinatarios, entre outros.

   No seu momento, compartín na rede un arquivo sobre o asesoramento mediante programas, no que se pode consultar de maneira ampliada información e consideración sobre os mesmos: http://stellae.usc.es/red/file/view/43274/o-asesoramento-a-travs-de-programas-definicin-caractersticas-e-tipos


image    


    O seguinte paso que debemos considerar é a elección da proporción dos ingredientes. De forma lóxica, neste momento debemos saber xa de que queremos facer o noso guiso, aínda que este potaxe sen dúbida contará con máis dun ingrediente. Estes produtos deben ser utilizados na súa xusta medida e proporción, para conseguir así as finalidades nutricionais do mesmo. Para isto, é preciso un coñecemento en profundidade destes e a súas propiedades, para evitar efectos indesexables, como unha mala dixestión ou un desequilibrio nutricional. Estes ingredientes dos que se está a tratar aparecen exemplificados nos tipos de cultura de traballo no ensino, o individualismo, a balcanización, as culturas cooperativas, a colexialidade artificial e o mosaico móbil.

    Hargreaves (2000) define o individualismo como a cultura na que os docentes planifican e ensinan illados na aula, valorando a súa autonomía para facer xuízos sobre as súas alumnas e alumnos. O individualismo está moi valorado nestes estruturas, debido a que proporciona unha protección e discreción ante posibles interferencias externas. Esta maneira de traballar atopa a súa orixe máis primitiva no deseño arquitectónico das escolas decimonónicas, no que as aulas estaban separadas de tal maneira que impedían a comunicación, baixo o precepto de que os docentes eran considerados como capaces de proporcionar todo aquilo que necesitaran ao seu alumnado.

    A cultura balcanizada é o resulto da segregación en grupos ou departamentos, que teñen como características básicas a súa pouca permeabilidade, a permanencia duradeira nun subgrupo, a identificación persoal co subgrupo e o carácter político destes.

    En terceiro lugar, a cultura cooperativa preséntase como alternativa ás anteriores, dotando dunha serie de recursos ou fundamentos á actividade docente que permitan unha verdadeira colaboración, como o apoio moral, a redución da sobrecarga (que pasa a ser compartida), a asertividade política, o aumento da capacidade de reflexión, oportunidades para aprender,...

    Á cultura cooperativa contraponse a colexialidade oficial, que substitúe os procesos espontáneos e imprevisibles que teñen lugar nun contexto de colaboración por unha serie de situacións seguras (Baudillar, 1983 e Eco, 1990, en Hargreaves, 2000), caracterizadas por aquelas colaboracións obrigadas que esixe a planificación cooperativa.

    Por último, o autor define tamén o mosaico móbil, que supón unhas organizacións cun carácter máis flexible e adaptable ao cambio, con poucos niveis de xerarquía  e cuns límites pouco precisos entre funcións e unidade. Esta forma de cultura parece ser a máis adecuada para a época histórica na que nos atopamos, construíndo este mosaico e forma positiva, onde as estruturas internas poidan ser consideradas de maneira independente e interrelacionada.

    Deixo unha vez máis o enlace do arquivo no que tratei isto no seu día, onde se pode ver unha información cun carácter máis amplo: http://stellae.usc.es/red/file/view/45553/as-culturas-de-traballo-no-ensino

    Estas culturas foron comentadas na sesión de clase correspondente ao día seis de novembro, na que se incidiu na colaboración como unha condición indispensable na institución escolar e se destacou que a colaboración consiste en traballar CON alguén, non en intervir EN ou SOBRE algo (aspecto do que tamén se fai eco Iranzo en 2012). Para ampliar a definición das tipoloxías culturais descritas por Hargreaves (1996) pódese consultar o arquivo correspondente ao diario de clase deste día: http://stellae.usc.es/red/file/view/45446/caderno-de-bitcora-dunha-psicopedagoga-en-formacin-v