3.COLABORACIÓN ENTRE AMIGOS E PROFESIONAIS: TRABALLO COLABORATIVO.

     Despois de presentar aos protagonistas deste conto e aos seus amigos, gustaríame explicar un pouco a relación de amizade que existe entre eles, así como algúns aspectos a salientar debido ás diferenzas que existen entre eles, a causa das súas características e posibilidades físicas e psíquicas.

     Como vemos, este grupo de amigos está formado por diversidade de animais distintos, xa que Ase e Ori son rinocerontes, Leonardo é un león, Fofi un elefante, Rafaela unha xirafa, Tuki un tucano, Paqui unha cebra e Braulio un mono. Por isto, cada un deles teñen certas características propias, que os diferenzan dos demais, e o que lle da certas posibilidades e limitacións a cada un deles. Deste modo, Ase, Ori e Fofi son animais pesados, que se desprazan polo solo, coas súas catro patas, contando Fofi cunha enorme trompa, o que lle permite coller certos obxectos ou cousas, así como empregala a modo de ducha para refrescar aos seus amigos nos días calurosos. Rafaela tamén se despraza polo solo coas súas catro patas, ao igual que Paqui, pero ademais conta con un pescozo larguísimo, o que lle permite acceder a lugares aos que os seus amigos non poden. Por outra banda, Tuki é unha ave, polo que se pode desprazar polo aire, e conta coa vantaxe de voar, a diferenza dos seus compañeiros. Leonardo desprázase tamén polo solo coas súas catro patas, e é dun animal moi sixiloso, vantaxe que o axuda á hora de xogar ao escondite ou aos ladróns, por exemplo. Por último, Braulio pode desprazarse polas ramas das árbores, ou trepar polas paredes, o que tamén é para el unha vantaxe en moitos aspectos.

      Como podemos apreciar, este grupo de amigos é moi peculiar, e mostran características moi diversas entre eles, polo que, colaborando entre eles, poden facer a súa vida máis fácil, e contar todos con máis vantaxes e posibilidades. Por exemplo, Ase e Ori, que son moi intelixentes, poden axudar aos seus amigos a facer os deberes cando presenten dificultades ou dúbidas. Rafaela encárgase a maioría das veces de alcanzar mazás ou laranxas nas árbores de camiño ao colexio, coa axuda de Braulio, xa que os demais animais non chegan a estes sitios tan altos. Ademais, Tuki é bastante envexado polos seus amigos, xa que ao poder voar case nunca chega tarde ao colexio, pero sen embargo, cando se cansa conta coa axuda dos seus amigos para pousarse nas súas costas e así desprazarse e descansar.

     Polo tanto, este grupo de compañeiros e amigos déronse conta de que, entre todos, e contando cada un coa axuda dos outros, podían facer máis cousas, contar con máis posibilidades e axudarse mutuamente, compensando uns cos outros as súas necesidades e limitacións, facéndose así a vida máis fácil. Desta maneira, axúdanse entre eles no que poden, o que lle é positivo no seu día a día; para poder alimentarse, ducharse ou refrescarse (xa que Fofi coa súa trompa pode duchar ou refrescar aos seus compañeiros, xa que a Tuki lle da un pouco de medo meterse nunha poza de auga, por exemplo), ou mesmo nas tarefas do colexio, xa que a Tuki por exemplo se lle dan moi ben as matemáticas, namentres Ase destaca en Lingua, a Braulio lle encanta a historia...

     Isto do que estamos a falar chámase colaboración, e refírese a todo aquel proceso onde se involucre o traballo de varias persoas en conxunto tanto para conseguir un resultado moi difícil de acadar de forma individual como para axudar a conseguir algo a quen por si mesmo non podería.

     Desta maneira, ao igual que acontece con este grupo de amigos, a colaboración tamén é precisa e moi positiva en moitas profesións; a colaboración cos compañeiros de traballo. No mundo educativo, a colaboración é en moitos casos imprescindible e satisfactoria, así como o é tamén no campo do asesoramento e no campo da orientación, xa que pode que as funcións que lle corresponden a algún profesional se solapen coas de outros, ou pode que coa axuda e contribución de outros compañeiros se poda desempeñar mellor a función de propia contribuíndo aos demais con coñecementos, formación, ideas, información...

      Así, debido á importancia do traballo colaborativo, traballei diferentes textos que versan sobre esta temática. En primeiro lugar vou facer referencia ao texto de Eulalia Bassedas, no que a autora expón e desenvolve unha serie de cuestións, como son as referentes aos profesionais que podemos atopar no interior dun colexio así como na escola comunitaria (e que precisan de colaboración entre eles para desenvolver correctamente o seu traballo), estratexias favorecedoras do traballo colaborativo e as estructuras organizativas que o facilitan, entre outras cuestións.

Reflexión sobre o texto de Bassedas

     

      Como ben ía dicindo, a colaboración é favorecedora na maioría dos casos e situacións pero, sen embargo, hai que ter en conta tamén con quen queremos colaborar e de que maneira, xa que como podemos apreciar, hai persoas que non se mostran dacordo con isto, ou simplemente non se “molestan” en axudar ou ser axudados é dicir, non están predispostos a facelo, podendo limitar as nosas actuacións. Un bo exemplo desta situación é o texto “El asesoramiento desde dentro. Lo que sobra y lo que importa”, de Gerardo Echeita e Víctor Rodríguez, no que redactan as súas experiencias como asesores/orientadores en diferentes institucións. No caso de Echeita, a súa experiencia foi totalmente negativa, xa que ademais de non atoparse totalmente motivado co seu traballo, os compañeiros non se mostraron partidarios de axudalo ou de establecer algún tipo de relación ou colaboración con el, namentres que no caso de Víctor as cousas foron moi diferentes, tendo este unha experiencia positiva e distinta á do seu colega.

Deixo aquí os documentos traballados con referencia ao texto anteriormente nomeado, así como as miñas conclusións e reflexións persoais acerca do mesmo.

 

Conclusións e reflexións persoais sobre o texto "El asesoramiento desde dentro. Lo que sobra y lo que importa". Echeita, G. y Rodríguez, V.

"Reflexións recollidas na aula sobre o estudo de casos, e sobre o documento de Echeita e Rodríguez. Reflexións persoais"