5.CONCLUSIÓNS E VALORACIÓN PERSOAL.

5.CONCLUSIÓNS E VALORACIÓN PERSOAL.

Última actualización de en Lidia Vidal Lustres

     Para levar a cabo a redacción das miñas conclusión persoais, así como a miña valoración propia de todo este traballo, creo que é preciso comezar polo principio, de xeito que vexo a necesidade de admitir que nun primeiro momento, cando Lourdes nos encomendou esta tarefa e nos deu unha serie de pautas sobre como levala a cabo e como desenvolver o portafolios, sentinme perdida e desorientada, xa que non sabía como comezar, como plasmar os meus coñecementos ou calquera tipo de información nun documento, non sabía que dinámica seguir, nin cal sería a forma máis axeitada de facelo...

     Sen embargo, pouco a pouco fun compartido arquivos na plataforma Stellae; arquivos que son o resultado do meu traballo nos contidos da materia, aportando ademais as miñas conclusións e reflexións persoais. Como dixen xa na introdución do meu portafolios, para min a reflexión persoal é algo relevante e necesario, e sobre todo no mundo da educación, onde os profesionais ensinamos e damos leccións varias, mais recibimos tamén aprendizaxes, leccións... o que fai que este proceso sexa recíproco. Polo tanto, aprendemos das nosas actuacións, dos nosos erros, así como dos nosos éxitos e dos nosos fracasos e, polo tanto, as nosas reflexións acerca das nosas actuacións e das nosas prácticas educativas axudarannos a aprender da experiencia e da comprensión das situacións e das actuacións dos demais.

     Ademais, no que se refire ao xeito de englobar todos os contidos e aspectos traballados e darlle forma, darlle un ápice de creatividade, foi para min unha das tarefas máis complicadas, xa que non atopaba o fío que me permitise mostrar todo o que pretendía; enlazar todas as miñas aportacións de xeito lóxico e creativo... pero, finalmente, tomei unha decisión. Como ben indiquei no meu perfil da plataforma Stellae, a miña formación anterior é a de mestra de Educación Infantil, e por iso pensei... qué mellor maneira de expor e presentar o meu traballo que en forma de conto? Qué mellor forma que facer isto da maneira que máis me gusta?: a través da imaxinación e da fantasía, tal e como llo contamos aos nosos pequenos; a través de contos que gardan unha moralexa ou algún valor; contos cos que queremos reflexar algún aspecto da realidade.

     Deste xeito, creei o meu portafolios paralelamente a un conto, no que vou presentado aos seus personaxes e as características que definen a cada un deles, á vez que expoño os contidos traballados nesta materia.

     Por outra banda, como conclusión e valoración do meu traballo realizado nesta materia, quero dicir que realmente si que me serviu de moito realizar estas tarefas; a elaboración de todos e cada un dos arquivos que adxuntei á plataforma Stellae, así como a elaboración destas páxinas e todo o que isto conleva, como é a consulta de diversos materiais, lexislación, revisión e comprensión de conceptos, traballo con textos e con documentos de diversos autores, reflexións persoais, conclusións propias, nova información, adquisición de coñecementos e conceptos...

     Así, esta experiencia fíxome adquirir moitos e variados coñecementos así como aclarar certas dúbidas que tiña en algúns aspectos, como son o asesoramento e a orientación e as diferenzas entre estes conceptos; ademais de facerme ver a importancia que teñen certas prácticas, como é a colaboración, comprobándoo a través de experiencias reais de certos autores, que me fixeron acercarme un pouco máis á realidade deste tema.

     Ademais, ao observar este traballo levado a cabo e ter constancia dos esforzos que me conlevou, vexo uns resultados, un produto; o meu portafolios, no que recollo todo o realizado, todos os meus esforzos e rompedeiros de cabeza, e todo o que traballei nesta materia. Por isto, síntome orgullosa, de ser quen de facelo, de chegar a unha idea e a uns resultados propios.