13. AUTOAVALIACIÓN

13. AUTOAVALIACIÓN

Última actualización de en Carla Rodiño Otero

Autoavaliación

Atopándome na parte máis alta do Rañaceos construído, o Rañaceos do Asesoramento pretendo facer unha autoavaliación do meu paso pola rede Stellae.

Comezar dicindo que foron moitos os temas abordados  na materia de Asesoramento Curricular a Centros e Profesores, tendo como eixo transversal o Asesoramento, sempre baixo o noso lema Learning by doing.

Sen dúbida gracias á elaboración do e-portafolios podo facer visible todo o que esta materia aportou aos meus coñecementos previos sobre asesoramento, que teño que recoñecer eran escasos e insuficientes.

O meu propósito foi subir semana a semana entradas nas que deixase recollido todo o que eu ía incorporando ás miñas estruturas cognitivas e teño que admitir que se todo ese traballo non estivese aí, eu hoxe non podería elaborar esta autoavaliación, porque de nada serve subir unha grande cantidade de arquivos agora ao final do proceso nos que se acumule información pero sobre a que non se reflexionou no momento de ser tratada na aula.

Tamén me gustaría destacar que si tivésemos máis tempo tanto para desenvolver a materia, como para traballar na rede o meu resultado final podería ser de maior calidade, pero, son moitas as materias que estamos a cursar e moito o traballo que temos por realizar. Aínda así sorpréndome a min mesma escribindo estas liñas porque me sinto verdadeiramente orgullosa do punto ao que logrei chegar.

Recoller tamén nesta autoavaliación unha frase que, xunto co noso lema de aula learning by doing, marcou este camiño percorrido e que se pode atopar entre os meus Tweets:

“Enseñar no es transferir conocimiento, sino crear las posibilidades para su propia producción o construcción” Paulo Freire.

En canto ao desenvolvemento diario das sesións de aula, como grupo en xeral considero que o resultado foi bo, a pesares de que non levamos a cabo algunha por diversos motivos mencionados no diario e ademais de que en momentos puntuais tivemos algún pequeno problema por non ter lido todo o mundo os documentos proposto pola profesora.

Se me centro máis nos pequenos grupos nos que tivemos a oportunidade de reunirnos para reflexionar algún aspecto ou para crear arquivos que logo subir ao noso perfil, psicopedagogas en acción, tamén estou contenta, porque como xa é o grupo no que habitualmente traballo, a confianza, o respecto e a implicación fai que os resultado obtidos sexan produtivos para nós.

E individualmente, pouco máis podo dicir. Tan só sinalar ese medo co que comecei aló polo mes de setembro e esta sensación de realización persoal que teño neste momento.

Rematar destacando que desexo que a presentación deste e-portafolios cumpra as expectativas que a profesora Lourdes Montero depositou en nós, porque en canto o persoal, sorpréndome do traballo, que despois de moitas horas de entrega e elaboración estou a presentar.

Aínda así, o meu paso por Stellae non remata aquí, xa que seguirei accedendo á rede para consultar todo aquelo que se publique e ademais para seguir publicando información relativa a este ámbito da educación.