2. Introdución

2. Introdución

Última actualización de en María Buiturón Lapido

A materia Asesoramento curricular de centros e profesores, impartida pola profesora Lourdes Montero Mesa, é unha materia do primeiro cuadrimestre de quinto curso da licenciatura en psicopedagoxía.

Como método de traballo, a profesora propúxonos a realización dun portafolios que iríamos construíndo a partires das entradas subidas no blog de cada un na páxina do grupo de investigación Stellae. Estas entradas, teríamos que elaboralas individual (e ás veces co noso grupo de traballo) a partir, ou ben dos contidos que nos deu a profesora en clase, ou ben con temas que nos considerásemos de interese e relevantes con relación á materia.

Deste xeito, intentei semanalmente subir arquivos elaborados con moito interese e dedicación, información que crin que podería resultar útil para os meus compañeiros ou incluso a persoas externas ao grupo (xa que a privacidade da conta se pode personalizar) e algunha que outra viñeta que reflectise algúns dos temas relacionados co ámbito educativo, ou especificamente, co asesoramento.

A elaboración destes arquivos fixo que pouco a pouco fora construíndo o meu coñecemento, algo parecido como cando se constrúe unha casa, neste caso a casa do asesoramento. Podemos imaxinar unha casa longa e estreita que paulatinamente terá reformas para ampliala e facela máis estable e cómoda.

Os cimentos da casa serían as ideas previas que tiña sobre o asesoramento, tanto as persoais como as que ao longo da época universitaria (primeiro na diplomatura en maxisterio e actualmente na licenciatura en psicopedagoxía) fun adquirindo, e que pouco a pouco se irían reforzando ou modificando cos coñecementos novos que a materia me iría achegando (a miña zona de desenvolvemento potencial). As paredes serán firmes e sen grietas para que o que vaiamos adquirindo non se escape ou quede esmagado debaixo dos escombros e estea ben gardado na nosa casa. Habería un cuarto en cada piso, e estarían compostos polas diferentes áreas ou temáticas que o asesoramento pode ter (modelos de asesoramento, colaboración…); polo que a escaleira será a que comunique cada área de coñecemento, é dicir, o fío condutor.

A casa nunca chegará a terminarse, de feito o teito será provisional (nunca se lle porá un de verdade e definitivo) pois como soe suceder con todo, o coñecemento é algo que necesita ampliar e actualizarse constantemente; ademais, nunca se chega a coñecer completamente todo acerca dunha área, polo que a casa nunca terá o mesmo deseño, xa que non se verá en ningún momento perfecta e haberá que perseguir a mellora.

Por este feito, gustaríame poñer como metáfora do portafolio que vos mostrarei a continuación, a casa do asesoramento.

images (1).jpg