6.2. Asesoramento e curriculum

6.2. Asesoramento e curriculum

Última actualización de en María Buiturón Lapido

Asesoramento e curriculum

María Buiturón Lapido

 

Antes de comezar é necesario comentar que non podemos pensar que as funcións do psicopedagogo se limitan unicamente ás funcións de diagnóstico e ás de solucionador de problemas. Estamos ante un rol profesional que abarca máis funcións das que moitas veces pensamos, e polo tanto sería oportuno que revisásemos algunhas delas, como pode ser a de asesor na innovación e desenvolvemento do curriculum, xa que é unha labor fundamental para o bo funcionamento dun centro educativo. Para iso, apoiareime nunha reseña de Bolívar (1999) denominada Roles del psicopedagogo en la innovación y desarrollo del curriculum.

Bolívar comeza dicindo que o psicopedagogo debe construír o seu propio rol a partires das funcións que dende un primeiro momento lle foron asignadas para así poder actuar en contextos máis amplos, como o curricular, e non limitarse a os problemas individuais que vaian xurdindo e, polo tanto, non cinguirse soamente a un modelo clínico de actuación.

Como ben sabemos, non todos os profesionais dos centros escolares teñen a mesma concepción acerca do papel e funcións que desenvolve o psicopedagogo na institución educativa, de feito, nin sequera o concepto de rol é o mesmo que o de función, polo  que discernir ambos é o primeiro paso para aclarar o que fai, o que debe facer e os beneficios educativos que se poden conseguir coa colaboración de todos os profesionais, pero en especial, co psicopedagogo.

O autor, diferénciaos dicindo que a “función” é un concepto máis estático, xa que refire a que hai unhas tarefas e actividades asignadas (por lei); non obstante, o “rol” é algo que hai que ir construíndo e consensuando entre todos os profesionais que conforman a institución, polo que, como ben afirma Bolívar “as accións asociadas a un rol son algo a configurar dinamicamente, nun proceso de construción e negociación; polo que pode ter segundo escenarios, traxectorias e persoas diferentes funcións; mentres que unha función polo contrario non soe ter asociados distintos roles.” É esencial chegar a este acordo co profesorado e co equipo directivo, xa que nunha relación de colaboración non se pode concibir unha relación asimétrica ou xerárquica de poder, no que o asesor é quen soluciona problemas polo seu carácter experto. O autor, chegados a este punto, comenta que deberíase deixar de empregar o termo “intervención psicopedagóxica” xa que suxire esta relación é desigual, o que non entra dentro do concepto de colaboración. De feito, como ben di Bolívar (citando a Area y Yanes, 1990), o primeiro paso a levar a cabo nun proceso de asesoramento é a “construción inicial dunha relación”, na cal se chegan a acordos como os ámbitos de traballo, as competencias e responsabilidades, e ademais, fórxase unha confianza entre os diferentes axentes educativos e un compromiso sobre o proceso que se vai seguir. A relación con outros compañeiros, e polo tanto, a relación de colaboración que se vai establecer, vai facer que o psicopedagogo se redefina persoalmente en varias ocasións, polo que non sería infrecuente a aparición de crises e tensións de identidade profesional.

Como xa se dixo, terá que abandonar enfoques técnico-prescriptivos para así traballar conxuntamente co profesorado nos procesos de desenvolvemento curricular e da mellora educativa, pretendendo nun último extremo, tal e como prosegue Bolívar, o cambio organizativo e curricular; xa que os enfoques actuais desprazan a orientación dende unha dirección reactiva, dando resposta só a demandas puntuais, a unha proactiva, onde “ todos os profesores son orientadores”, polo que se deduce que ten que ser o psicopedagogo quen capacite a estes profesionais na atención á diversidade, impulsando a planificación e o desenvolvemento do curriculum. Non obstante, como matiza Bolívar (citando a Parrilla, 1996),

 “un enfoque de traballo en colaboración cos profesores non supón tan só abandonar o traballo experto como clave do proceso e a súa substitución por algunhas estratexias de traballo cooperativo; a colaboración supón ademais a responsabilización por parte dos implicados, da súa participación no proceso educativo e na asunción de que só baixo un marco de traballo así se poderían solucionar todos os problemas que a diversidade propón á escola”.

Deste xeito, os servizos de apoio e asesoramento educativo asumen unha función propiamente educativa, que é “axudar a aprender cooperativamente”, no cal o asesor facilita o desenvolvemento das capacidades internas de cada centro escolar para potenciar as melloras ou as innovacións educativas; ademais o desenvolvemento do curriculum non é independente dos contextos organizativos, polo que tamén é necesario articular a intervención do asesor psicopedagóxico nas estruturas organizativas dos centros educativos.

En canto ao termo innovación, Bolívar fai referencia a tres etapas en relación a ela, que se resumen a continuación: nunha primeira etapa, a preocupación centrábase na planificación do proceso de cambio, realizando esta tendo como referencia os bos deseños feitos por expertos, xa que se consideraba que se debían realizar os cambios en función das propostas curriculares externas. Nunha segunda etapa, considerouse que eses deseños non eran válidos se despois non eran postos en marcha ou se a posta en marcha non acadaba os resultados que eles prevían, polo que comezou a pensarse na escola e o profesorado como factores fundamentais á hora de innovar. Finalmente, nunha terceira etapa, pénsase que non polo feito de ser un deseño de carácter externo vai ser máis válido, senón que é o “día a día das accións dos individuos nos seus respectivos contextos organizativos” (a institucionalización) o que vai repercutir máis notablemente, é dicir, desenvolver a capacidade nos profesionais para levar a cabo o cambio nas aulas e os centros.

Estamos falando entón do desenvolvemento organizativo, que se apoia na capacidade interna de desenvolvemento, e esta á súa vez, na capacidade para organizarse no traballo conxunto, estratexias, e as competencias e compromiso do profesorado na aula e no centro. Como podemos ver, o psicopedagogo ten un papel relevante neste aspecto, xa que é un axente de cambio e debe redirixir as preocupacións formais-burocráticas dos proxectos que se leven a cabo, como o proxecto de centro, para que se vaia configurando como unha resposta coherente ás necesidades emerxentes, capaz de mobilizar os compoñentes do centro e orientar na toma de decisións de modo articulado en torno a uns fins definidos para a resolución de problemas detectados.

Bolívar prosegue dicindo que dende un enfoque ecolóxico, a innovación é un desenvolvemento institucional pola cal se pretende potenciar os procesos de traballo dos centros educativos, a súa capacidade organizativa (ou de funcionamento) para resolver por eles mesmos os seus problemas. Por esta razón, é necesario mellorar as situacións organizativas de traballo, como son os contextos de formación e innovación.

Este autor, citando a Broadhead, Cuckle e Dunford (1998), comenta que na vez de elaborar un proxecto curricular como documento, un correcto plan de desenvolvemento do centro pódese centrar nas seguintes dimensións: no desenvolvemento institucional, promovendo un clima de comunidade e colaboración do centro, como un contexto óptimo para as prioridades que se determinen no desenvolvemento do curriculum; a dimensión de conxuntar a acción do profesorado en torno a campos de mellora, promovendo o compromiso e implicación do profesorado nas metas consensuadas e priorizadas do centro, e sendo revisada a posta en práctica e recollendo información sobre os sucesos que van ocorrendo e as necesidades e problemas que vaian xurdindo; e finalmente, a dimensión da aprendizaxe dos alumnos, sobre todo se temos en conta que o obxectivo último da planificación da mellora é procurar novas experiencias ao alumnado de modo que enriquezan a súa aprendizaxe, e se repercuta favorablemente nos seus aspectos afectivos, sociais e persoais, sobre todo nos de aqueles alumnos que teñan algún tipo de necesidade.

Como diciamos ao comezo desta reseña, a innovación e desenvolvemento do curriculum é algo esencial para o bo funcionamento dun centro educativo, por iso deben traballar colaborativamente todos os profesionais que conforman a institución para poder repercutir de xeito positivo sobre o curriculum escolar, e consecuentemente sobre todo o alumnado, pero especialmente sobre aquel que ten algún tipo de carencia ou necesidade (sexa a nivel educativo, social ou familiar). O psicopedagogo debe deixar atrás o seu rol de experto cun enfoque técnico-descriptivo, e pasar a levar a cabo un enfoque colaborativo, polo cal debe consensuar co resto dos seus compañeiros o ámbito de traballo, as competencias e as responsabilidades que debe desempeñar cada un, e así crear un clima de confianza e cómodo onde poder traballar e realizar as melloras educativas. Ademais, o psicopedagogo debe capacitar ao profesorado para atender a atención á diversidade promulgando a planificación e desenvolvemento curricular, e así crear certa independencia cara el por parte do resto dos profesores, é dicir, a principal función do psicopedagogo debe ser facerse prescindible.

                                                                                                                                      

Bibliografía

Bolívar, A. (1999). Roles del psicopedagogo en la innovación y desarrollo del currículum. En F. Peñafiel, D. González y J.A. Amezcua (Coords.): La intervención en Psicopedagógica. Granada: Grupo Editorial Universitario, 176-200. ISBN 84-89908-94-X

 

baño.jpg