Videoxogos como ferramenta de aprendizaxe: A saga Assassin's Creed

Na última clase interactiva falamos de temas que me parecen especialmente interesantes para tratar, que son os temas de ludificación (ou gamificación) e os videoxogos serios ou serious games. Isto levounos a falar (pouco, todo sexa dito) se a día de hoxe xogamos a algún xogo, e que supoñen a nivel de aprendizaxe.

Ben, a pesar de que non dixen nada na clase, pensándoo detidamente, en verdade si que teño algunha que outra experiencia cos videoxogos que pode ser interesante mencionar. Aínda que moi atrás quedan aqueles días de gamer (cando nin existía esta palabra no noso vocabulario e simplemente che dicían que “estabas todo o día ca maquinilla”), aqueles tempos que non han de volver deixaron un coñecemento que, a pesar do que dicía o meu pai sobre a súa inutilidade, hoxe vai valer para algo.

E deste xeito quero falar da única saga de videoxogos que a día de hoxe me segue a chamar a atención, que é Assassin’s Creed.

Esta saga comezou no ano 2006, e é especialmente coñecida por realizar un espectacular traballo no que se refire á ambientación contextual do seus xogos.

Pero non só destaca por ser visualmente bonito ou recrear ben os lugares, tamén destaca (ou destacaba) por crear un argumento que está perfectamente conectado a personaxes e eventos históricos, de xeito verdadeiramente fidedigno.

A meticulosidade coa que os traballadores de Ubisoft (a empresa que fai o xogo) realizan o traballo de recreación e de investigación para facer o xogo o máis preciso posible é digna de mención.

O exemplo máis recente da utilidade desta labor está relacionado co incendio da catedral de Notre Dame de París. A perfecta simulación e recreación do mítico edificio levado a cabo mediante a tecnoloxía do grupo de Ubisoft, pode ser unha das claves para levar a cabo a restauración do edificio, xa que o escaneado láser que se fixo para a elaboración virtual da catedral para o título Asssassin’s Creed Unity, ambientado en París, buscou o máximo realismo e roza a perfección.

 

image

Figura 1. Titular do artigo publicado por J.M. Sánchez no ABC, recuperado de: https://www.abc.es/tecnologia/videojuegos/abci-podria-assassins-creed-ayudar-reconstruir-notre-dame-201904171214_noticia.html

 

Pero o aspecto do que me gustaría falar acerca desta saga é do seu valor na aprendizaxe.

A miña experiencia persoal con estes videoxogos comeza fai xa uns 9 anos, cando eu tiña 13 ou 14 anos. Por aquel tempo, por cousas da vida, comecei a interesarme pola época do Renacemento Italiano: a súa cultura, a súa sociedade, as súas producións artísticas e súas personaxes máis destacadas. A verdade, botando a vista atrás, dedicaba bastante tempo polas noites á ler e a buscar información en internet sobre este período.

E desta maneira cheguei ós xogos de Assassin’s Creed. O segundo e terceiro xogo desta saga, Assassins Creed II e Assassins’s Creed: La Hermandad, estaban ambientados nesta etapa. Cheo de curiosidade, comecei a probalos, e para a miña sorpresa, tiñan feita unha nada desdeñable representación de cidades como Venecia, Florencia e Roma, así como unha historia na que moitas das persoas das que tiña lido participaban no argumento do xogo, tales como Leonardo da Vinci, Maquiavelo, os Médici ou os Borgia.

 

Vale, pero con isto que quero dicir?

 

Pois quero dicir que puiden ver e interactuar co coñecemento que tiña eu na miña cabeza acerca deste período, dun xeito totalmente motivador e que me permitiu unha total inmersión. O resultado é que, a pesar de todos estes anos, aínda podo explicar que sucedeu nas dúas primeiras guerras italianas, falar de todas as etapas da vida de Da Vinci, coñecer e situar lugares históricos de Florencia (e non pisei Florencia na miña vida , hulio), explicar a conspiración feita contra os Médici e falar da formidable carreira militar de César Borgia, así como saber que morreu e está enterrado en Viana (Navarra).

Son coñecementos que, aínda que pode parecer que non, me foron útiles (é sorprendente a cantidade de traballos nos que podes mencionar a xente como César Borgia ou Nicolás Maquiavelo), que adquirín de xeito natural, simplemente deixándome levar, co argumento do xogo. É dicir, logrei un aprendizaxe significativo sen sequera darme conta.

 

Por tanto, con esta entrada, o que quero é mostrar a miña convicción de que os videoxogos, sen ser necesariamente do estilo dos serious games, poden ser un importante activo na aprendizaxe. Pero evidentemente, a  posibilidade de conseguir xogos serios de calidade que teñan oco no sistema educativo é moi alentadora, pero tamén moi complicada.

Esta é unha afirmación que podo facer tras a miña estadía de prácticas en DIMElab, spin-off da USC centrada na elaboración e avaliación de materiais didácticos,  durante a que puiden buscar e analizar numerosos xogos e aplicacións con esta orientación cara a aprendizaxe.

O principal problema que existe arredor de todo este tipo de materiais e recursos é a incapacidade para impregnar a estes da perspectiva pedagóxica necesaria para conformar un recurso ou material de calidade.

Por iso, quero resaltar o papel que pode chegar a ter unha saga como Assassin’s Creed na aprendizaxe, sobre todo, o potencial que pode ter en materias como Historia ou Xeografía. A propia Ubisoft é consciente disto, sendo a proba que sacaran no título Assassin’s Creed Origins, do 2017, un modo chamado Discovery Tour, que é unha viaxe didáctica polo Antigo Exipto.

 

En definitiva, a industria do videoxogo é, a día de hoxe, unha das máis grandes do mundo, atraendo a millóns e millóns de rapaces e rapazas, polo que está en nós, a nova xeración de educadores, en converter este contexto nunha situación que propicie aprendizaxes motivadoras e sobre todo, significativas.

 

últimos comentarios