O MEU PERCORRIDO

    Maria Martinez Garrido
    Por Maria Martinez Garrido

    Como remate de todas as entradas que fun subindo ao longo destes meses ao blog, gustaríame realizar un percorrido sobre aquelo que fun aprendendo nesta materia. Neste proceso dinme conta da gran cantidade de coñecementos que puiden adquirir acerca das tecnoloxías. Así mesmo, dicir que aprendín da propia tecnoloxía, sen que me dera conta. Este é un factor a ter en conta para elaborar unha reflexión importante acerca do que me aportou esta materia que xiraba en torno ó uso dunha ferramenta que atopamos nas tecnoloxías, como é a rede social na que estou a desenvolver isto. 

     

    Na miña vida diaria, igual que na vida do resto de persoas, as tecnoloxías están presentes e fago uso delas; pero, coa iniciativa proposta nesta materia, o uso que facía das tecnoloxías incrementouse en cantidade e en calidade, sobre todo neste último aspecto, xa que previamente antes de descubrir toda a cantidade de información e de facer as diferentes reflexións acerca da mesma, descoñecía por completo todo o que engloba un bo uso da tecnoloxía. 

     

    A tecnoloxía actualmente esténdese a todos os ámbitos da nosa vida e evoluciona case máis rápido que a sociedade. Un dos ámbitos que teño que destacar, xa que a maioría das miñas entradas fan referencia ao mesmo, é o ámbito da educación. A tecnoloxía estase a desenvolver cada vez con maior forza neste ámbito, a pesar de producirse dun xeito máis lento que no resto de ámbitos, e é polo que se debería comezar para facerlle ver as persoas a importancia de adquirir unha competencia plena en materia de tecnoloxías, ou o que é o mesmo, en competencia dixital. Esta engloba todos as áreas da tecnoloxía que deberíamos coñecer a perfección para poder desenvolvernos con ela con total capacidade e conciencia.  

     

    Ademais de incluíla neste ámbito, nas miñas entradas tamén fago referencia a importancia que tería ter un bo dominio da tecnoloxía por parte de toda a sociedade, xa que vivimos con ela e debemos ser conscientes de todo o que nos pode proporcionar e, deste xeito aproveitar todas as súas potencialidades, pero tamén os riscos aos que podemos estar expostos co seu uso e, sobre todo, co seu mal uso. 

     

    Tamén aprendín máis acerca do tema dos dereitos de autor e do movemento da educación aberta, que aínda que escoitara falar en algunha ocasión destes termos, non sabía o que implicaban e a relevancia que teñen.  

    A pesar de todo isto que adquirín, tamén teño que dicir que tiven certas dificultades á hora da utilización da rede social, xa que en moitos casos custoume referenciar, atopar textos que me brindaran a información que buscaba e en poder incluír e referenciar as imaxes ou vídeos, xa que estes poden estar protexidos por dereitos de autor que non permiten a súa reutilización. Ademais, puiden ser máis participativa no apartado de twitter, pero na maioría dos casos non sabía que información poder incluír ou como seguir e contestar aquelas iniciativas propostas polos meus compañeiros. 

     

    En resumo, podo dicir que todos os contidos e aprendizaxes adquiridas foron un proceso de interiorización e reflexión da información proposta en clase e aquela que debía buscar por min mesma para a realización dos blogs e a que debía interpretar. Tamén engadir que unha vez que facía máis habitual a rede social no meu día a día, esta brindábame unha oportunidade para seguir abríndome a información e reflexións que vía a través das entradas dos meus compañeiros, unha forma diferente de ver temas plantexados dende diferentes perspectivas. Polo tanto, podo dicir que aprendín e relacionei conceptos descoñecidos anteriormente para min e, puiden darme conta da dificultade que pode ter relacionar aprendizaxe coa tecnoloxía en diferentes ámbitos da vida cotiá. 

    últimos comentarios