O PODCAST COMO RECURSO PEDAGÓXICO E METODOLOXÍA DE TRABALLO

    Sergio Polín
    Por Sergio Polín

    Durante o curso esta materia deunos a posibilidade de traballar cun recurso diferente como é esta rede social, cambiando a nosa forma de enfocar a tarefa, e ofertando un xeito novo de traballar, dándolle unha maior visibilidade no conxunto grupal ás nosas aportacións individuais e grupais.

    Por iso, intentando seguir esta liña marcada pola rede social Stellae, de innovación metodolóxica, de buscar a diferenza; gustaríame falar doutro recurso a empregar a nivel pedagóxico e educativo que a día de hoxe parece que esta collendo forza entre as formas de comunicación e entretemento actuais, que é o podcast, poñendo fin así as entradas temáticas de este meu portafolios.

     

    Os podcast son, atendendo a Asociación de Emprendedores do Entorno Dixital, unha serie de publicacións periódicas, que pode ser de carácter audiovisual o simplemente en formato de audio, que se pode descargar ou consumir de xeito online con total liberdade, sen necesidade de estar limitado a unha franxa temporal específica para poder consumilos,  que se recollen en diferentes plataformas, sendo Itunes, Ivoox ou Spotify, as máis coñecidas e con máis número de usuarios, e se basean nun monólogo ou conversa entre varios enfocados en diferentes temáticas ou áreas do coñecemento. O podcast, a día de hoxe, ten presencia en todos os dispositivos móbiles, o que fai que o seu alcance está cada día máis estendido.

     

    Deste xeito, gustaríame falar deste recurso e da súa utilidade dentro da Pedagoxía.

    Atendendo ás palabras de Quintanal (2012), recollidas por Guanilo (2014), o podcast, para ser considerado “educativo”, ten que ser un elemento pedagóxico que implique a existencia dun arquivo sonoro con contidos educativos, que se leva a cabo tras unha organización e estruturación previamente conformadas. Postulase como unha ferramenta extremadamente sinxela cun enorme capacidade de realización, con fácil acceso para calquera individuo.

    Dadas estas razones, chegase a falar de que o podcast pode ser un complemento realmente interesante para o docencia universitaria (nunca un substituto, evidentemente), sendo considerado como unha estratexia de preparación dentro de la rutina académica, axudando á consolidación de contidos. Tal é como establece Paccelli (2014) e recolle Guanilo (2014), o podcast, sen necesidade de asocialo a un aspecto formal, é unha forma moi eficaz de reunir xente para intercambiar ideas, opinións e experiencias acerca de diversos temas, dando lugar a unha conversa educacional, que posteriormente provoca comentarios.

     

    Dentro do ámbito plenamente educativo, fálase de “profcast”, é dicir, aqueles podcast levados a cabo por profesores e profesionais da educación, coa finalidade de conseguir unha mellor colaboración por parte dos estudantes na dinámica académica, así como unha maior implicación pola súa parte. Dentro destes, pode haber diferentes categorías, que son:

    • Lecturecasting, que ven sendo a grabación dunha clase.

    • De reforzo, é dicir, que supoña un maior enfoque sobre aqueles aspectos de maior relevancia dentro dos contidos.

    • De instrucións prácticas ou tutoriais, é dicir, modelos de podcast orientados a guiar ó individuo nunha tarefa.

    • De información complementaria, co fin de afondar en aspectos a maiores dos contidos, que poden resultar relevantes.

     

    Borges (2009) afirma, tal é como recolle Guanilo (2014), que estes profcast teñen unha audicencia potencial moi ampla, pode servir para presentar os contidos dun xeito diferente, e orientar cara a consecución do desenvolvemento da reflexión e o aprendizaxe de destrezas.

     

    Isto pódese exemplificar moi rápido e cunha situación hipotética coa cal todas e todos podemos entender ó que me refiro ó falar do podcast como unha ferramenta educativa.

     

    Contexto: Unha habitación cunha mesa redonda e tres cadeiras. Esa mesa con tres micrófonos encendidos e listos para recoller a voz dos seus usuarios. Xosé Manuel Touriñan, Antón Costa e Xosé Antonio Caride entran pola porta e séntanse diante de cadanseu micrófono. Só queda deixar fluir a conversa e o coñecemento entre as melifluas palabras destes expertos da pedagoxía.

    É fisicamente imposible que unha persoa minimamente interesada pola educación diga que esa conversa non vai ter interese para ela.

     

    Pero xa non falo do podcast como unicamente una ferramenta na que os estudantes sexamos consumidores de coñecemento, senón como potenciais prosumidores. Do mesmo xeito que coa rede Stellae, pareceríame extremadamente interesante establecer unha metodoloxía de traballo na que a tarefa, do mesmo xeito que tiñamos que levar a cabo entradas de este estilo, ter que xuntarnos en grupos e realizar un podcast semanal arredor dos contidos das materias. Por exemplo, a semana na que falamos nesta materia sobre os Recursos Libres de Educación, o alumnado, por grupos de 3-4 persoas, ter que preparar unha serie de cuestións de noso interese no relativo a estes recursos, e debater, opinar e comentar sobre eles. Deste xeito, cada alumno e alumna tería a oportunidade de afondar no contido e obter un feedback significativo mediante a interacción cara a cara cos seus compañeiros.

    Este proceso implica un compromiso por parte do alumno, unha organización e unha estruturación da materia pola súa parte. Chacón e Pérez (2011), de novo recollido por Guanilo (2014), falan de cinco pasos a seguir: a etapa de planificación do contido e tema do podcast (na miña utopía, xa marcada polo propio currículo académico), a súa produción, a súa montaxe, a súa publicación e a súa corresponde avaliación.

     

    Polo tanto, termino esta entrada facendo unha chamada a que, coma esta rede Stellae, se permita dar un paso máis dende a universidade ás alumnas e alumnos para que  podamos ter, xa non só unha palabra visible como é no caso desta rede, senón chegar a ter unha voz coa que podamos falar do que nos arrodea como educandos nas nosas liñas de estudo.

    E ó mesmo tempo, dar presenza a maior ferramenta de obtención de coñecemento que existiu neste mundo, que é a interacción social e o intercambio de ideas, pensamentos e inquedanzas, que é o que realmente xera a riqueza do saber.

     

    REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

     

    Borges, F. (2009). Profcasts: Aprender y enseñar con podcasts. 1era. Edición. Barcelona: Editorial UOC.

     

    Chacón, C. y Pérez, C. (2011). El podcast como innovación en la enseñanza del inglés como lengua extranjera. Pixel-Bit. Revista de Medios y Educación, núm. 39, pp.41-54. Recuperado de http://dialnet.unirioja.es/buscar/documentos?querysDismax.DOCUMENTAL_TODO=Podcast

    (09-11-2014)

     

    Guanilo Paredes, C.E. (2014). El podcast como recurso educativo en el ámbito de la educación universitaria a distancia. Hamut’ay 1(2), pp. 44-53.

     

    Paccelli Aguiar, E. (2014). Relações educacionais do podcast brasileiro com as hierarquias expressivas online. Conjectura: Filos. Educ., Caxias do Sul, 19 (2), pp.55-67. Recuperado de http://dialnet.unirioja.es/buscar/documentos?querysDismax.DOCUMENTAL_TODO=Podcast  (09-11-2014).

     

    Quintanal, F. (2012). El podcast como herramienta de enseñanza en física y química de bachillerato. Estudios sobre el Mensaje Periodístico, 18 (Núm. Especial), pp.729-738.

     

     

    https://www.aeed.es/que-es-un-podcast-definicion-y-como-funciona/

     

    últimos comentarios