VALORACIÓN FINAL: Análise do proceso de aprendizaxe na materia

    Sergio Polín
    Por Sergio Polín

     

    “Se acabó, ya no hay más” dicía Malú.

    Deste xeito, poño punto e final á subida de blogs e polo tanto, ó principal traballo realizado nesta materia. Este cuatrimestre é posiblemente un dos máis estranos do que levamos de carreira. Tres materias, un parón de un mes apartados do contexto académico, e unha forma de traballo que seguramente a maioría non imaxinamos levar a cabo durante a carreira como é desenvolver unha materia a través dunha rede social.

     

    Evidentemente, este feito é un dos principais puntos a comentar despois do desenvolvemento da materia. Na última clase expositiva, na chuvia de palabras sobre como cualificaríamos o que supuxo a materia, a miña definición foi “raro”. Dixen raro porque sen dúbida é un estilo de traballo que realmente non imaxinei que faría na carreira, tendo claro que o non ser unha persoa que se prodigue neste tipo de contextos, ía a ser bastante difícil chegar a adaptarme e que o tempo ía a ser escaso para poder facelo. Hai que mencionar que momentos de dúbida, de non saber como enfocar o traballo e de incerteza fronte a como utilizar a rede dominaron gran parte desta materia.

    Pero debo admitir que, mirando agora atrás, estou moi satisfeito con desenvolvemento dos temas que levei a cabo, enfocándome en temáticas que eran do meu interese a partir do comentado tanto nas clases expositivas como interactivas, e aportando pequenas pinceladas de aspectos concretos que considero de interese xeral.

    Este tipo de traballo é extremadamente positivo a nivel psicolóxico para un alumno universitario. A eliminación do exame sempre é un punto a favor, iso é innegable, e pon enriba da mesa a túa responsabilidade de levar o peso do teu traballo no día a día, e non simplemente medir o túa capacidade de memorización un día e a unha hora concretos.

    Na miña opinión e sensación persoal, o tempo foi escaso para realmente darlle un total funcionalidade á rede social polo miña parte (o tempo de prácticas foi determinante neste aspecto), pero considero que o traballo foi máis que correcto.

     

    O principal punto e o máis importante o meu parecer, é a labor de busca que conlevou a materia. As clases expositivas e interactivas eran unha fonte de conceptos e ideas das cales ir pensando sobre como estruturalas ou como enfocalas para poder facer unha entrada cunha temática coa que realmente me puidera sentir interesado en indagar e coñecer, e polo tanto, poñer unha dirección clara na busca documental. É dicir, pon unha obriga nun mesmo de ter que saber escoller e focalizar aquelas temáticas que cremos que vamos a conseguir espremer máis ou aquelas nas que pensamos que nos vamos facer entender mellor. Desenvólvese un traballo autónomo constante que ningunha materia ata agora nos esixira.

    A pesares de que este proceso é difícil, sen dúbida é  o que máis disfrutei e do que considero que máis competencias desenvolvín. Como centrar a miña atención en toda a chuvia de información, conceptos e ideas que podemos sacar nas dúas horas de clase, nun único aspecto concreto que poder desenvolver posteriormente.

     

    Considero que, desta forma de traballo, puidemos obter unha imaxe xeral do panorama da Tecnoloxía Educativa, onde o noso traballo de documentación posterior nos permitiu entender e interpretar para ser capaces de emitir xuízos e valoracións con fundamento nesta temática, xa non só a nivel especificamente educativo, senón tamén a nivel social e incluso moral, tendo en conta as situacións de conflito ético que encerra a tecnoloxía a día de hoxe.

     

    Nesta reflexión sobre a materia, véxome na obriga de mencionar o meu tempo de prácticas na empresa DIMElab. Poder experimentar un contexto laboral completamente centrado na tecnoloxía e na educación como bases fundamentais foi un complemento moi significativo para a miña concepción da materia. Foi a confirmación de que é posible conxuntar os dous conceptos de maneira que teñan sentido a nivel laboral. Ademais, o que supuxo a nivel conceptual tamén foi extremadamente útil con respecto á materia; por exemplo, termos como gamificación ou ludificación e serious games, que tratei continuamente durante a estadía en DIMElab, evidentemente non foron descoñecidos no momento en que os tratamos na aula. Ademais, levo interiorizada a importancia da perspectiva pedagóxica dentro do mundo da innovación e a tecnoloxía, xa sexa para elaborar un material didáctico ou para entender esta desde o contexto educativo.

     

    Tamén considero que esta materia foi reveladora a nivel persoal e grupal. Con este tipo de traballo, expuxemos unha parte de nós, a nosa maneira de pensar, de expresarnos, as nosas inquedanzas e intereses, e polo tanto, reflectimos, aínda que só fose minimamente, algo da nosa personalidade no noso traballo.

     

    Polo tanto e en definitiva, valoro positivamente a travesía que supuxo esta materia. A nivel metodolóxico considero que o uso da rede, aínda que, reitero, raro, foi unha experiencia diferente da cal sen dúbida subscribo todo o dito anteriormente. Como pedagogos e como futuros profesionais da educación, debemos ter na nosa man ferramentas metodolóxicas deste tipo que poidan ser máis apropiadas para unhas xeracións que a día de hoxe son nativos dixitais. A pesar de que a miña concepción da materia era bastante diferente a como se desenvolveu, teño a certeza de ter adquirido unha base sólida acerca do panorama da Tecnoloxía Educativa na sociedade actual, e de poder razoar con argumentos acerca da mesma.

    Dito isto, quero acabar expresando o meu completo apoio a que se siga rompendo coas metodoloxías establecidas do mesmo xeito que Stellae o fixo este ano; pouco a pouco, pero sempre avanzando, coa esperanza de, como futuro profesional da educación, poder formar parte de ese proceso de innovación futura, optimizando as dinámicas académicas e dando resposta as demandas das novas xeracións.

     

    últimos comentarios