Hai innovación cando integramos tecnoloxía nunha proposta de formación? Análise de experiencias á luz de diferentes teorías.

Hoxe en día son moitos os organismos oficiais que tratan de promover a innovación en educación a través de premios e subvencións a aqueles centros educativos que presenten propostas ou leven a cabo proxectos que impliquen o uso das tecnoloxías. Esta clase de situacións fan que sexa necesaria unha revisión do que se entende como innovación, se é isto o que realmente se está producindo nos centros educativos cando integran a tecnoloxía nunha proposta de formación e se estas supoñen unha mellora. 

 

En primeiro lugar, a innovación enténdese como unha proposta de cambio intencional, que xorde dentro dos propios centros educativos para dar resposta ás necesidades reais e vivas dese entorno, que mutan con frecuencia e requiren readaptacións permantes (Gather Thurler, 2004). Se ben é certo que as innovacións poden ser promovidas ou facilitadas dende organismos externos, o seu contido fundamental debería estar determinado polos propios centros nos que se asenta o cambio. É dicir, unha innovación xorde por iniciativa propia para dar resposta a unha demanda ou necesidade interna do centro, modificando dalgunha forma a situación da que se parte. 

 

 

Dende o meu punto de vista, algúns dos cambios que se levan a cabo para intoducir as novas tecnoloxías na escola están sendo disfrazados como “innovacións” cando en realidade o que se produce podería aproximarse máis ó concepto de reforma, dado ás características nas que se dan os cambios. 

 

As reformas caracterízanse por estar xeradas nun contexto externo ós centros, a nivel social e político máis que local e práctico, ademais de ser impostos e dunha magnitude ampla, producindo cambios a nivel estrutural (Nieto, 2003). Os cambios que se producen nalgúns centros poderían estar influidos polo uso de estratexias coercitivas, que parten do suposto de que a xente tende a evitar ou negarse a cambiar, polo que é necesario coaccionala ou inducila a facelo (Dalin, 1998). Dito doutro modo, órganos externos poden incitar ós centros educativos a introducir as tecnoloxías nas súas propostas de formación a través das supostas innovacións, posto que doutra forma estes poderían negarse a facelo ou resultaría máis complicado para eles afrontar o cambio. 

 

Tal e como apuntan Montero e Gewerc (2010), existe unha demanda de cambio continuo, como se o movemento por si mesmo trouxera mellora. Eu considero que non todos cambios supoñen un perfeccionamento ou enriquecemento para todo o mundo, posto que as melloras están ligadas a compoñentes valorativos e para considerar un cambio como algo bo, este debería ser desexado ou valorado positivamente polo centro educativo que o leva a cabo. Deste modo, un mesmo cambio pode ser considerado como proveitoso ou negativo dependendo do uso que cada un faga del. 

 

En conclusión, non sempre hai innovación cando integramos tecnoloxía nunha proposta de formación, posto que nalgunhas ocasións os cambios que se realizan non se axustan ó concepto de innovación e tenden a aproximarse máis ás características das reformas. Así mesmo, non creo que innovar supoña unha mellora en todos os casos, posto que a mellora é algo subxectivo e depende do uso que se lle dea.

 

Referencias bibliográficas: 

 

Dalin, P. (1998). School development. Theories and strategies. London: Cassell.

 

Gather Thurler, M. (2004). Innovar en el seno de la institución escolar. Barcelona: Grao. 

 

Nieto Cano, J. M. (2003). El cambio planificado de los centros escolares. En Mª. T. González, J. M. Nieto e A. Portela, Organización y gestión de centros escolares: dimensiones y procesos (pp. 243-263). Madrid: Pearson Educación.


Montero, L. e Gewerc, A. (2010). De la innovación deseada a la Innovación posible. Escuelas alteradas por las TIC. Revisa de Curriculum y Formación del Profesorado, 13 (1).