Blog 2. Dependencia das TICs: ferramentas de axuda convertidas en necesidades.

Na ultima clase expositiva de Tecnoloxía educativa tivemos que realizar unha actividade que consistía en sacar unha fotografía polos a redores da facultade e logo explicar ao resto da clase cal é o significado que cada un lle da a súa fotografía. En canto a profesora mencionou a actividade, un dos compañeiros de clase díxolle que el non tiña o seu móbil e a primeira reacción da profesora foi preguntarlle: e como sobrevives sen o móbil?

Escoitar dita reacción fíxome plantexarme ata que punto estamos condicionados pola existencia da tecnoloxía. Por que nos sorprendemos tanto cando alguén nos di que non leva consigo o seu móbil? Ou que non ten conexións de datos? Ou que de forma voluntaria limita o uso do móbil?

Actualmente considérase indispensable ter cerca algún dispositivo tecnolóxico (móbil, ordenador,...), pois estes están cada día máis presentes nas nosas vidas; imaxinar o noso día a día sen empregar tan só un dispositivo tecnolóxico é practicamente imposible. As Tecnoloxías da Información e Comunicación (TICs) ofrecen entretemento, permiten a comunicación instantánea a distancia, así como obter información en calquera momento e lugar,... En definitiva, trátanse dunhas ferramentas a disposición dos usuarios e que facilitan o noso día a día.

Pero que pasa cando facemos un mal uso das ferramentas tecnolóxicas e deixamos que estas condicionen e controlen as nosas vidas?

O teléfono móbil é unha ferramenta tecnolóxica relativamente nova, versátil e accesible, cuxo uso conleva o risco de abuso e a un comportamento aditivo (Pedrero, Rodríguez e Ruiz). A súa incorporación á actividade cotiá das persoas supuxo un dos acontecementos con maior impacto social nas últimas décadas, só comparable coa aparición de Internet (Ling, 2004). Así pois, os teléfonos móbiles pasaron de ser un mero instrumentos de comunicación a converterse nunha plataforma de crecente complexidade (Buchinger, Kriglstein, Brandt y Hlavacs, 2011; Hartmann, Rössler y Höflich, 2008); é dicir, nun principio considerábase os teléfonos móbiles como un teléfono inalámbrico privado, mais agora mesmo esa é só unha das súas múltiples utilidades, xa que actualmente se trata dunha plataforma que oferta diversas funcións e servizos (Buchinger et al., 2011), como por exemplo: comunicación telemática, xogos, fotografía, redes sociais, descarga e escoita de música, televisión, radio, noticias, descarga e visionado de películas, etc.

O móbil debería considerarse actualmente como unha plataforma potencialmente multiaditiva, xa que incorpora todo o que ata fai pouco se relacionaba coa adición a Internet (Ishii, 2004). En función das motivacións subxacentes, Hooper e Zhou (2007) clasifican o uso do móbil en seis categorías diferentes: aditiva, compulsiva, habitual, dependente, obrigatoria (imposta polos usos sociais) e voluntaria. Algúns autores, como Cassidy (2006), suxiren a posibilidade da existencia dunha adición positiva na medida en que a implicación do uso do móbil reduce a probabilidade doutros hábitos máis aditivos e daniños.

Así pois, non existe un claro consenso sobre se o uso excesivo do teléfono móbil se considera unha adición (Muñoz-Rivas e Agustín, 2005) ou non (Sánchez-Carbonell, Beranuy, Castellana, Chamarro e Oberst, 2008). Sen embargo, na actualidade cóntase con estudos que manifestan a magnitude do consumo da tecnoloxía, así como a existencia de patróns problemáticos, como o abuso no seu uso. As diferentes evidencias e investigacións realizadas fan reflexionar sobre a posible adición ao emprego dos móbiles (Chóliz, 2010; Walsh, White e Young, 2008)..

Tal como se indica anteriormente, dita dependencia tecnolóxica pode ser entendida como unha adición, a cal consiste nun problema caracterizado pola dificultade para controlar o impulso de levar a cabo unha conduta e cuxa repetición ou abuso causa graves problemas persoais e de adaptación (Echeburúa, Corral e Amor, 2005). É dicir, trátase dun comportamento realizado con intensidade e frecuencia e cuxa privación provoca un malestar que só desaparece volvendo a executar dita conduta repetitiva.

A miúdo, o consumo excesivo de recursos tecnolóxicos conleva a interromper outras actividades cotiás e impídenos desfrutalas na súa totalidade; tamén pode provocar alteracións en relacións interpersoais ou incluso afectar á saúde ou benestar do usuario, xa que o uso continuo de dispositivos reduce incluso as horas de descanso.

En conclusión, o emprego do móbil pode chegar a converterse nun comportamento disfuncional; e pese a que o uso abusivo do móbil é similar á adición a sustancias, a inexistencia dun consenso na conceptualización da adición ao móbil dificulta a delimitación do problema e polo tanto o seu estudo. Así pois, considérase que no momento en que o uso do móbil pasa de ser unha conduta baixo o control consciente do individuo a un comportamento automatizado, este cumpriría cos requisitos para ser unha adición (Everitt y Robbins, 2005).

Na miña opinión, é algo preocupante ver como moita xente inverte a maior parte do seu tempo nas redes sociais, en xogos en liña, en sitios web,... Como pese a estar rodeado de amigos ou familiares, se ten a necesidade de empregar o móbil en todo momento; ou incluso para xogar a un xogo tan simple como o Eu nunca con amigos o primeiro que se escoita é a alguén dicir “eu teño unha aplicación para iso”; ou a continua necesidade de postear todo o que se fai no día a día; ou incluso estar constantemente comprobando se se ten novas notificacións; etc.

É preocupante ver como a xente se pasa a vida pegada a unha pantalla, sen percibir o que ocorre ao seu redor; pero máis preocupante me parece o pensamento xeneralizado e normalizado de que todos os individuos desenvolvemos unha dependencia co móbil e que cando se descubre que non é así, que hai xente que é capaz de vivir sen pasar as 24 horas do día co móbil na man, a reacción sexa “e como sobrevives sen o móbil?”.

 

Referencias bibliográficas:

Leonela, K., Navia, F. A. & Camacho, W. A. (2017). Niños y adolescentes. Su dependencia de la tecnología. Revista Pertinencia Académica (2), pp.57-67. Recuperado de: http://revista-academica.utb.edu.ec/index.php/pertacade/article/view/17/17

Pedrero, E. Rodríguez, M. T. & Ruiz, J. M. (2012). Adición o Abuso de teléfono móvil. Revisión de la literatura. pp. 139-152. Recuperado de: https://doi.org/10.20882/adicciones.107

 
    • Raquel Riobo
      Raquel Riobo

      Moi bo blog Yoli! Coincido contigo no uso abusivo do teléfono móbil na sociedade en xeral.  Hoxe en día non só os/as adolescentes temos unha gran dependencia do mesmo senón que tamén en idades máis avanzadas cada vez se está dando máis o seu uso; non é raro ver na mesa dunha cafetería a un grupo de persoas cada un co seu móbil falando con outras persoas ou simplemente vendo as redes sociais para pasar ese rato en lugar de interactuar uns cos outros/as. Por outra parte, coincido que o seu emprego abusivo pode acarrear problemas xa non só de saúde senón que tamén sociais; aínda así a maioría de persoas non nos concienciamos das consencuencias que se poden producir e non tomamos as medidas necesarias para evitalo e iso sería importante cambialo.

      • Diego Lomba Hermo
        Diego Lomba Hermo

        Gustoume moito o teu blog, Yoli! Porque remarcas moi ben a realidade na que nos encontramos. Persoalmente, decidín poñerlle un límite horario ao uso das redes sociais no móbil (que son o que máis emprego e podo estar bastante tempo sen darme conta). Por exemplo, o día da clase na que tiñamos que sacar a foto, eu tiña o móbil sen batería e tampouco me preocupuo excesivamente porque calquera compañeirx podía deixarme o seu para completar a tarefa.

        Está claro que o exceso de consumo do móbil está moi estendido e é necesario parar un momento e recapacitar de todo o tempo que lle damos a ese dispositivo para poder adicarllo a outras actividades. Por que... se estamos con amigos e falamos por whatsapp que fin ten quedar con outras persoas?

        • Yoly R. Guerra
          Yoly R. Guerra

          Ola Raquel e Diego. Moitas grazas polos vosos comentarios.

          En primeiro lugar quero sinalar que o que dis ti, Diego, de porse un límite de tempo no uso nas redes paréceme algo moi interesante para quenes teñen unha dependencia co móbil, así poderán pouco a pouco desenvolver certo autocontrol e non abusar del.

          En segundo lugar, resaltar que como dicides ambos, considero que é importante recapacitar sobre o uso que facemos de forma individual do móbil, porque sendo unha ferramenta de comunicación, a miúdo illanos do noso entorno, perxudicando ás nosas relacións sociais e incluso a nos mesmos.

          Yoly R. Guerra

          Yoly R. Guerra

          23 anos. Estudante do 3º curso de Pedagoxía na USC.

          últimos comentarios