Blog 4. Alfabetización mediática e a Televisión como medio educativo.

O termo alfabetización mediática responde a capacidade de acceso, compresión, creación e avaliación crítica dos distintos medios de comunicación, esencial no noso tempo tecnolóxico (Web Oficial da Unión Europea, 2020). Isto é, a alfabetización mediática constitúe un termo que non só abrangue a sociedade da información e a liberdade de elección de medios, senón que tamén ao seu emprego individual e á súa perspectiva social. E, como tal, do mesmo xeito que na escola ensínase a ler e a escribir, faise necesaria a incorporación da alfabetización mediática ou audiovisual ao currículo, como fixo o Reino Unido por medio do British Film Insitute, impartindo cursos especializados dentro das materias como eixes transversais do currículo (Marcos, 2010).

A pesar de que hoxe en día existan posturas encontradas sobre a consideración da  televisión como unha nova tecnoloxía por considerar que se trata dun medio obsoleto, é preciso destacar o potencial educativo que tivo no transcurso do último século.

Dende a aparición da televisión e a súa posterior incorporación aos fogares como un elemento cotidián, os programas que nela se emitiron procuraban compartir información sobre a sociedade do momento -moitas veces influídas por determindas inclinacións políticas-, entreter por medio de programas de interese xeral e, de xeito bastante significativo en moitos países, formar a través de programas educativos que tiñan como fin servir de apoio educativo á educación básica. Nesta época da televisión denominada paleotelevisiva (Francés, 2005), as programacións educativas servían para incrementar o coñecemento xeral dos espectadores/as por medio dunha linguaxe informal máis próxima á que empregaban no seu día a día. Asemade, as temáticas a tratar acostumaban estar vencelladas a actividades xa coñecidas polo que fomentaba a creación dunha aprendizaxe significativa.

Non son poucos os países que na década dos oitenta e dos noventa comezaron a emitir estes programas, realizando unha previa investigación de cales eran os contidos máis adecuados, mais, neste artigo, sinalaremos os máis destacables:

  • Reino Unido: Understanding the Media de Andrew Hart en 1991 en colaboración coa canle pública BBC, cuxo contido combinaba teoría e práctica e sintetizaba as principais aportacións dos teóricos británicos.
  • Estados Unidos: Programas centrados no Critical Television Viewing (WNET, 1989) e o Media & You de Donna Lloyd e Kathleen Tyner (1991).
  • Canadá: A preocupación polo desenvolvemento da educación audiovisual reflectiuse en La compétence médiatique, desenvolvido por Pierre Bélanger e editado polo Ministerio de Educación de Ontario (1989), e o programa Inside the Box de Canadian Broadcasting Corporation, pioneiros para o desenvolvemento de programas de educación a través de internet.  
  • Brasil: Baixo a presión da UNESCO para o desenvolvemento de programas educativos para atender ás necesidades educacionais dos países en desenvolvemento e o acelerado proceso de industrialización, Brasil levou a cabo programacións educativos para a formación dos cidadáns (Jambeiro, 2001). Concretamente, en São Paulo, o goberno creou o Serte (Serviço de Educação e Formação pola Rádio e Televisão), programa que nun principio foi retransmitido por unha emisora privada para a propia cidade mais que posteriormente, incrementou a súa incidencia conseguindo a aceptación do goberno federal e chegando a outros estados para transmitir educación básica, programas de arte, música, literatura infantil e formación do profesorado.
  • España: No noso territorio leváronse a cabo poucas accións para instaurar unha televisión educativa desde que se implantou este novo medio de comunicación a finais dos anos 50. Sen embargo, resultan significativas as horas adicadas á emisión culturais centradas en documentais e concursos (televisión cultural). Un feito a destacar é a creación de O Ente Público da Televisión Española (TVE), polo que La 2 quedou relegada para espazos culturais e deportivos, sendo minoritarios os espazos puramente educativos. Non obstante, é preciso sinalar que as cadeas autonómicas que teñen dúas canles seguiron a mesma estructura ca TVE, adicando gran parte da súa programación educativa a súa segunda canle, sendo as primeiras as que maior audiencia presentan.

Entre as diversas iniciativas levadas a cabo en España, os programas que ocuparon a parrilla do canal principal foron: Televisión Escolar (1958/1968) -considerada a primeira emisión na que se impartía docencia de forma reglada e de acordo co Ministerio de Educación-, Aula TV, Lección de Inglés, Lección de Francés, Inglés para todos, Francés para todos, Curso de Inglés e Curso de Francés. Asemade, chama a atención o programa denominado Universidade TV, un programa baseado en leccións maxistrais de expertos sobre temas como matemáticas, física, historia de España, temas bíblicos o de bioloxía impartidos por profesores especialistas en materias e posteriormente profesionais vencellados a outros programas da TVE (Antona, 2014). Este, permitía que catedráticos de diversas universidades estiveran no salón de cada un dos alumnos interesados na materia.

Ademais, aparece simultáneamente Escuela TV, unha experiencia piloto que procuraba tratar asuntos relacionados co ámbito profesional e a súa integración no mesmo.

Mais, como sinalou o director dun dos programas, estes programas educativos viñan “presentar os contidos de xeito ameno, lixeiro, atractivo e simpático co fin de espertar nos nenos e nenas o afán de aprender” (Manuel Summers en Tele Radio).

Así mesmo, segundo Cabero (1994) algunhas das vantaxes que estes medios presentan con respecto á educación son:

  • Instrucción e educación da poboación situada en lugares apartados ou con carencia de profesorado especializado.
  • Favorecer a igualdade de oportunidades para tódolos alumnos/as que observan o programa. 
  • Manter actualizados os contidos das materias.
  • Axudar ao estudante a transcender os seus limites de coñecemento.

Agora ben, coa aparición doutras tecnoloxías como internet e o seu amplo rango de posibilidades, chegamos a cuestionarnos se segue tendo cabida a televisión educativa entendida como tal. Igualmente, parece relevante cuestionarse o papel dos gobernos e das programacións actuais das cadeas públicas, as cales non parecen estar a avogar pola formación a través da transmisión en diferido.

Dende o meu parecer, a creación de programas educativos centrados en temas académicos e acontecementos contemporáneos, constituiría un feito enriquecedor xa que abriría fiestras de interés dos curiosos espectadores/as.

E vós, que pensades ao respecto?

Figura 1: Televisión Educativa. Recuperado de: https://pixabay.com

Televisión Educativa

Referencias bibliográficas: 

Antona, T. (2014). Los orígenes de la Televisión Educativa en TVE (1958-1966). Estudios sobre el mensaje periodístico, 20(número especial), 209-226.Recuperado de: https://eprints.ucm.es/35849/1/Los%20or%C3%ADgenes%20de%20la%20tv.educativa-Tamara%20Antona.pdf

Cabero, J. (1994). Retomando un medio: la televisión educativa. Medios de comunicación, recursos y materiales para la mejora educativa (pp. 161-193). Recuperado de: https://idus.us.es/bitstream/handle/11441/40113/Retomando%20un%20medio...Cabero%20Almenara,Julio.pdf?sequence=1

Francés, M. (2005). ¿Es posible la televisión educativa en la multidifusión digital?. Comunicar: Revista científica iberoamericana de comunicación y educación, (25), 124. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2927724

Jambeiro, O. (2001).  A TV no Brasil do século XX. Edufba. Recuperado de: https://repositorio.ufba.br/ri/bitstream/ufba/149/4/A%20TV%20no%20Brasil%20do%20seculo%20XX.pdf

Marcos, M. (2010). Alfabetización mediática. La educación en los medios de comunicación: cine formativo y televisión educativa. Teoría de la Educación. Educación y Cultura en la Sociedad de la Información, 11(2), 303-321. Recuperado de: https://www.redalyc.org/pdf/2010/201014893015.pdf

Pixbay.(2020). Recuperado de: https://pixabay.com/es/

Unión Europea. (2020). Alfabetización mediática. Web Oficial da Unión Europea. Recuperado de: https://ec.europa.eu/culture/

 

 

últimos comentarios