Blog 6. O espellismo nas redes: o que somos e o que mostramos.

Ola! Hoxe traio unha entrada moi relacionada coa do blog 4, que trataba sobre o impacto que teñen as redes sociais na nosa autoestima e autoconcepto. Pois ben, despois de escribir esa entrada, pensei que ese efecto que ten en nós pode relacionarse co que somos e o que mostramos, ou que queremos ensinar. Ao pensar nisto, unha das cousas que chegou a miña cabeza foron recordos sobre a materia de Psicoloxía Social, de cando falabamos do eu real e do eu ideal, plenamente relacionado co autoconcepto sobre o que falabamos anteriormente. 

 

Primeiramente vou explicar brevemente os dous tipos de “eu”. O eu real, é o que somos, mentres que o ideal é o que nos gustaría ser. Cando existen diferencias entre o que somos e que queremos ser prodúcense discrepancias que poden levar a problemas de autoestima, depresión... 

 

Con este post pretendía facer unha reflexión relacionada coas redes, a caso somos o que publicamos? Ou publicamos o queremos ser? Eu creo que publicamos o que queremos ser ou o que sentimos que debemos ser. Por esta razón só mostramos nestas plataformas os momentos bos, os felices, nos que o pasamos ben (festas, viaxes, concertos…). Moi pouca xente, ou ninguén case mellor dito, publica as ocasións nas que se sinte baixo de ánimo ou triste. Temos unha especie de presión social en publicar só o bo, e que a xente pense que así somos sempre, cando non verdade. 

 

Pero esta relación co eu real e o ideal coas redes tamén abarca o aspecto físico. Publicamos fotos e vídeos nas que nos vemos ben, como nos gustaría vernos sempre, é dicir o noso eu ideal. Este eu non se corresponde co real, xa que a postura, os filtros, os ángulo e unha milleira máis de factores afectan, existindo un abismo entre a realidade e o que publicamos. Actualmente considero que as redes son un espellismo, xa que parece algo real, pero non é, xa que destaca pola superficialidade de buscar unha boa foto na que mostremos o felices que somos ou o ben que saímos. 

Cando existen discrepancias entre estes dous eus, as persoas soen usar filtros, Photoshop e mesmo operacións estéticas para achegarse ao que queren ser en realidade, o eu ideal. É dicir intentamos transformar o noso eu real no ideal para así vernos mellor, como deberíamos ver. Isto creo que se debe á presión social que existe e á superficialidade que se encontra nos nosos días. Isto pode acarear unha baixa autoestima, depresión, ansiedade… ao non ver no espello o que publicamos nas redes, xa que por moito que editemos unha foto seguimos sendo nos na vida real. 

 

O noso eu ideal pode estar condicionado polo que vemos e seguimos, querendo imitar a esas persoas. Seguramente coñeceredes o “fenómeno Kardashian”, no que moreas de persoas intentaban ser como elas, chegando ao operarse para conseguir os seus rasgos, ata un punto desorbitado no que aparecían wannabes. Esta última expresión referise a  persoas que intentan ser outras, é dicir, parecerse tanto e chegar a ser á persoa a que imitan. Posiblemente esa xente tiña como eu ideal un prototipo parecido ao dunha Kardashian, e ao súa realidade, eu real, era moi diferente, polo que esa disonancia produce que o eu real cambie o máximo posible para acadar o ideal. Decidín poñer este exemplo porque creo que reflexa moi ben o impacto das redes, xa que esta familia é moi seguida nestas. E teñen un gran impacto no seus seguidores e nos canóns de beleza.   

Fonte: El país (2017).

 

Esta entrada foi un pouco diferente á anterior, xa que aquela foi máis informativa, mentres que nesta mostro a miña opinión e a correlación que penso que existe entre o que mostramos en redes e o que somos. Vós credes no espellismo das redes? 

 
Referencias: 
Budner, S. (24 de xuño, 2019). Teoría de la autodiscrepancia: el yo ideal, el yo real y el yo responsable. La mente es maravillosa. Recuperado de: https://lamenteesmaravillosa.com/teoria-de-la-autodiscrepancia-el-yo-ideal-el-yo-real-y-el-yo-responsable/ 
Rodríguez, L. y Kimmel, H. D. (1970). Discrepancia entre el yo real y el yo ideal en Puerto Rico y Estados Unidos. Revista Latinoamericana de Psicología, 2(3), 353-365. ISSN: 0120-0534. Disponible en:  https://www.redalyc.org/articulo.oa?id=805/80502304 
 
 

últimos comentarios