Blog 7. “Un día máis é un día menos”: Iniciativas pedagóxicas en tempos de confinamento

Durante estes días, adico algún tempo a ver e ler algunha noticia de actualizade, e precisamente o meu blog de hoxe vai tratar dunha delas, a cal me resultou curiosa e quería compartirvos.

 

Agora ben, cantos de vós, neste periodo que levamos confinados vos sentistedes sen ganas de facer cousas por mor de modificar as rutinas? Ou que, non se vos ocorre algo creativo que vos motivase para continuar con ánimo esta complicada situación?

 

Isto mesmo pensou unha mestra de Tomiño dende que nos informaron, no mes de marzo, que comezaríamos cun estado de alarma e que se prolongaría durante unha longa xornada. Esta mestra, elabora ela mesmo o seu propio contido pedagóxico e envíao aos seus alumnos a través da aplicación de WhatsApp ou por un grupo que creou en Facebook e que chamou “Cabezas de Allos”.

Cada día, no horario no que os seus alumnos deberían de acudir ao colexio, ás 09:40, sube á rede unha nova proposta educativa, que vai variando de temática segundo o día.

Os alumnos teñen ata as 14:40, que sería o horario de salida da escola para resolvelo, e para a súa sorpresa, todos o acolleron positivamente.

Elabora contidos para continuar a materia, propón manualidades, xogos de lóxica, pasatempos, xogos e e gymcanas para facer dentro da casa e mesmo receitas de cociña. Os alumnos, respóndenlle a través de vídeos, de audios e de mensaxes de texto que eles mesmos fan dende a súa propia iniciativa.

A proposta chega porque, como ben di ela mesma nunha entrevista, “Eu non podería crear unha aula virtual, porque a metade dos meus alumnos non teñen ordenador e a conexión a Internet é moi deficiente, por iso creei o portal “Cabezas de allo”, co que me comunico cos meus alumnos”. 

 

Somos conscientes de que espertar o interese e motivar aos nenos e aos non tan nenos, con iniciativas coma esta, que ademais de entreter e de manternos ocupados, nos ensinan, resulta algo moi positivo. Isto non é un periodo de vacacións e, tanto nós, agora como alumnos, como os docentes, nos temos que adaptar a unha nova situación, aínda descoñecida, de traballar e continuar o curso de forma non presencial. 

 

Dende o meu punto de vista, persoal e como futura pedagoga, opino que máis docentes e profesionais da educación deberían poñer en marcha ferramentas e técnicas deste estilo, para, como ben comentaba antes, entreter e ao mesmo tempo crear novas formas de aprendizaxe adaptadas á situación actual e ás posibilidades de cada un de nós. Creo que non só nos debemos centrar en abordar os contidos teóricos que se tiñan propostos, senón que se poden levar a cabo a través doutra metodoloxía e con outro tipo de iniciativa, que nos motivase a todos. E sobre todo, o máis importante é que teñamos en conta as dificultades e as barreiras que temos á hora de conectarnos a unha rede, e de dispoñer duns dispositivos que nos permitan traballar de forma telemática.

 

Déixovos os enlaces ás noticias de dous canais informativos, sobre a proposta desta mestra:

E ademais, recoméndovos entrar a ver o perfil de Facebook: Cabezas de Allos onde recolle as súas propostas e o seu material educativo. 

 

Para min, resultou unha proposta moi curiosa e positiva, que opinades vós? Credes que se están adecuando as metodoloxías de ensino-aprendizaxe á situación na que nos atopamos? E o máis importante, téñense en conta as limitacións de cada un para continuar adecuadamente con ese proceso?

 

Para finalizar, o seu material leva por título “Un día máis é un día menos”, e non hai mellor xeito de denominar esta situación; cada día é un día menos que resta para poder voltar a sair á rúa, ver á nosa xente e retomar as nosas rutinas diarias. Confiemos en que todo isto remate pronto, e ánimo a todos!

 

Referencias Bibliográficas:

 

G24Noticias. (14 de abril de 2020). Unha profesora de Tomiño enxeña un sistema para manter os alumnos activos. CRTVG. Recuperado de http://www.crtvg.es/informativos

 

Redacción Telemariñas. (3 de abril de 2020). Una profesora de Tomiño imparte clases a través del teléfono móvil. Telemariñas. Recuperado de https://telemarinas.com/