Blog 8. O Proxecto Abalar e o seu rexurdir no confinamento

Despois de traballar coas diapositivas das clases expositivas desta materia de forma remota e lendo algúns dos blogs dos meus compañeiros e compañeiras, xurdiron preguntas sobre como se levou a cabo a incorporación das TIC nas aulas e máis concretamente, no meu entorno escolar.

Seguramente todos e todas vós, vivístedes a etapa da introdución do Proxecto Abalar nas aulas e todo o proceso, no que o alumnado e o profesorado se foi integrando pouco a pouco nelas, unhas veces exitoso e outras, que conduciu ao fracaso e ao rexeitamento.

Consultando algunhas fontes, o Proxecto Abalar defínese como “unha estratexia de integración das TIC na práctica educativa en Galicia, como medio para a mellora da calidade do sistema educativo galego, a través da transformación das aulas tradicionais en dixitais (...)” Ata aquí ben, máis a definición continúa e remata dicindo: “e coa implicación de toda a comunidade educativa” (Amtega, 2016). Neste caso, creo que a realidade foi que non se contou coa aceptación e implicación de toda a comunidade educativa galega e tampouco se formou para a consecución desas competencias dixitais adecuadas. Por implicación non só entendemos aprobación, senón tamén facer uso dos mesmos e que se preste como ferramenta de apoio para abordar os contidos dunha forma máis didáctica e motivadora para o alumnado. 

Ademais, supoñía actuacións en catro ámbitos que eran a mellora da conectividade, a transformación dos libros en papel a contidos dixitais (E-Dixgal), a formación de tódolos axentes e o desenvolvemento de ferramentas de comunicación entre tódolos membros da comunidade educativa (espazoAbalar e abalarMóbil).

O seu obxectivo era maximizar o aproveitamento dos recursos e a mellora das competencias da cidadanía, coordinando e impulsando un cambio no modelo educativo apoiado na formación do profesorado e na modernización da ensinanza. A súa estratexia era que este proxecto chegase a xirar en torno ao concepto de centro educativo dixital.

Pero, realmente, o concepto de dixitalización e computación leva engadido o concepto de innovación e mellora; neste caso dos sistemas de ensinanza tradicionais?

O resultado da miña propia experiencia, cando recordo a palabra Abalar, é o dunha política un tanto fracasada no intento de integrar as tecnoloxías no entorno escolar. Recordo que cada alumno/a, tiñamos o noso propio ordenador portátil que se gardaba de cada vez que se utilizaba, nun armario de carga pechado con chave e ao que ninguén podía acceder sen o consentimento dalgún docente. Rara vez se utilizaban, xa que os problemas técnicos eran continuos e os profesores non podían facerse cargo desta situación. 

Recordo tamén a chegada das pantallas dixitais, ás que xa se lle daba máis uso porque simplemente era unha pizarra, pero interactiva, e servía para más aplicacións. E por último estaba a conexión, que tampouco era a mellor e que implicaba quedarse “colgado” no medio dalgunha actividade. E vós, que recordades sobre o Proxecto Abalar e que opinión sacades da vosa vivencia nestes anos?

A realidade que eu vivía, era a duns docentes que non se apoiaban nestes recursos tecnolóxicos; ben por descoñecemento, ben porque implicaba tempo para poñer todo a punto para comezar unha sesión ou ben porque se necesitaban que todos colleramos os nosos portátiles e nos puxeramos a traballar nalgo, implicaba a ralentización do desenvolvemento por problemas técnicos de diverso tipo. Así que non se pode falar de maximización do aproveitamento dos recursos, porque isto non se lograba, nin tampouco dunha estratexia educadora global e integradora, porque conleva, primeiro, integrar ao profesorado eficazmente no uso das tecnoloxías e a súa aplicación e integración coas metodoloxías de ensino-aprendizaxe e, segundo, transmitirllo así ao alumnado.

Nunha das diapositivas da materia, visualizábase na páxina do espazoAbalar noticias que dicían algo así como “dispoñibles o primeiro conxunto de vídeo-tutoriais para os docentes: uso da videoconferencia, primeiros pasos coas aulas virtuais e como enviar mensaxes ás familias dende este espazo”. Entón, realmente fracasou o proxecto e volvemos a comezar de novo unha vez máis? A verdade é que despois de máis de 10 anos co servizo en funcionamento e realizando ofertas educativas á toda a comunidade, non é lóxico que se comece agora, a realizar os primeiros tutoriais e guías de funcionamento para o profesorado. 

Quizais esta situación de traballo remoto e de información telemática obriga a apoiarse nos recursos tecnolóxicos, e é agora, neste intre, cando comezamos a decatarnos de que non sabemos utilizalos e non adquirimos as competencias dixitais que se viñan previndo. 

Contestando agora ás preguntas que surxían a partir da reflexión neste blog; non sempre a dixitalización conleva mellora e innovación. É certo que o que resulta descoñecido sempre parece que se descubriu para abrir novos camiños que antes non existían, pero se non sabemos que aplicación teñen, en que nos axudan, e que podemos lograr a partir deles; de pouca axuda nos poden servir. Esta integración das TIC nas aulas non obtivo os resultados esperados porque se fixo sen unha base previa, sen uns profesionais formados para dar a coñecer ao alumnado para que servían e como empregalas. E agora, saen á luz esas probas, nas que se intenta comezar de novo e formar dende este punto. Moitas veces. aprendemos por necesidade, non pola propia motivación a aprender.

Finalmente, quero rematar engadindo que a situación na que nos atopamos actualmente, tamén nos axuda a parar e reflexionar, en todo isto que algún día se levou a cabo e que agora lle estamos dando uso por esa necesidade: o rexurdir deste espazo Abalar, os libros dixitais, as videoconferencias, os vídeo tutoriais. Se queremos comunicarnos co exterior, é necesario tirar da tecnoloxía, e quizais sexa o momento no que reflexionamos sobre a súa verdadeira función, a utilidade que ten e a importancia de estar formados dixitalmente. Por iso, credes que a partir desta situación actual que estamos vivindo, se reconsiderará a posición das TIC no currículo académico?

 Un saúdo!

 

Referencias Bibliográficas

 

Amtega. (2016). Buenas prácticas de gestión de fondos europeos. Galicia - Proyecto Abalar. Recuperado de https://www.dgfc.sepg.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/ipr/fcp1420/c/ac/aa/Documents/A%C3%91O%202016/4.GA-Proyecto_Abalar.pdf

 

Fundación Telefónica. (2013). La sociedad de la información en España 2012. Recuperado de https://books.google.es/

 

Redacción La Voz. (19 de marzo, 2020). Educación publica una guía para facilitar a los profesores que continúen con la educación a distancia. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/

 

Web do Espazo Abalar: https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/es