Blog 7. O Teletraballo, unha nova forma de traballar en España?

Neste sétimo blog trateremos o tema do traballo a distancia ou  teletraballo (teleworking, telecommuting)  como una nova forma de desenvolver o labor profesional dentro dos nosos fogares, que tras este período de confinamento, pode instalarse no noso país como un complemento á nosa xornada de oficina habitual ou como único medio de produción.

Para comezar, debemos entender que se trata dunha forma flexible de organización do traballo que consiste no desempeño da actividade profesional sen a presenza física do individuo na empresa, durante unha parte importante do seu horario laboral.

Mais, se un traballador/a á vez comparte un posto físico dentro dun despacho central fóra da súa casa, é dicir, ten un espazo compartido, este fenómeno denomínase hot desking (Rapp, 2004).

Segundo o estudo Flexibility at Work” realizada por Randstad, estímase que o 30% dos empregos dos países da OCDE sufrirán modificacións e un de cada sete traballos, desaparecerá. Asemade, aparecerán outras formas contractuais, alén dos coñecidos -e escasos a día de hoxe- traballos fixos a tempo completo como poden ser traballos a tempo parcial (Randstad, 2020).

Como sabemos, esta modalidade laboral atópase ligado ás novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) que permiten o intercambio de documentos e información e, polo tanto, conleva a formación do individuo para a adquisición da competencia dixital.

Para as empresas, o teletraballo aporta na maioría das ocasións beneficios económicos como poden ser o aforro do espazo da oficina, motivación dos traballadores e maior productividade da empresa. Exemplo disto, como indica un artigo de Equipos&Talento, a maioría dos españois considera que rende máis co teletraballo nesta etapa de confinamento (Equipos&Talento, 2020). 

Mentres, os teletraballadores tamén desfrutan doutros beneficios: menores desprazamentos debido a deslocalización do lugar de traballo,  maior tempo adicado á membros da unidade familiar, tempo para sí mesmos, aforro de diñeiro e diminución da fatiga...

Figura 1. Teletraballo. Recuperado de: https://pixabay.com/es/Trabajo De Oficina, Estudiando, Oficina

 

Non obstante, este tamén implica cambios na organización do traballo debido ás novas necesidades e demandas e, o seu contexto, pode levar a desenvolver riscos para a saúde de carácter psicosocial como o estrés asociado á unha falta de organización, problemas relacionados co horario -non concordancia do horario laboral aos biorritmos persoais, sedentarismo- esixencias emocionais vencellados á capacidade de autorregulación e o aumento da dependencia, así coma a existencia de demasiados distractores entre outros (Alfonso e Gallego, 2002).

Asemade, o teletraballo  tamén fixo que en moitos casos se aumentara as horas da xornada segundo mostra o análise das conexións a VPN , unha rede privada virtual que conecta coa empresa-. Comezando horas antes da hora prefixada ou traballando máis ata pasada a media noite, esta modalidade chegou a convertirse nunha verdadeira fonte de angustia e presencialismo (Sen, 2020).  

Deste xeito, con respecto ás TIC podemos falar do tecnoestrés, unha patoloxía que xurde como consecuencia de non poder traballar coas novas tecnoloxías e se pode de manifestar de acordo ao estudo de Salanova, Cifre e Martín de dúas maneiras distintas conectadas entre si: a relación conflitiva coas tecnoloxías da información e a súa identificación esaxerada (1999). Non hai que ir moi lonxe para atopar exemplos: a tensión ante as dificultades de manexar un aparello electrónico como un móbil ou un ordenador, ata sufrir ansiedade por actualizar a bandexa do correo electrónico ou non poder ter acceso a unha rede de boa conexión -ancho de banda-  poderían ser indicios do mesmo, 

A continuación,  a modo de resumo da información anterior, preséntovos unha táboa comparativa dos beneficios e as desvantaxes que pode presentar o teletraballo.

Táboa 1. Táboa comparativa dos beneficios e das desvantaxes do teletraballo para o traballador/a.

Beneficios

Desvantaxes

Deslocalización do lugar de traballo

Menores desprazamentos

Competencia dixital

Mellor planificación e organización

Aforro de diñeiro

Diminución da fatiga

Aumento da dependencia

Necesidade de ter acceso a un aparello electrónico (ordenador)

Acceso á rede e de boa conexión -ancho de banda-

Esixencias emocionais

Riscos de carácter psicosocial

 (Estrés, tecnoestrés)

Fonte: Elaboración propia.

Pero, por que tratar este tema como futuros pedagogos/as? As respostas son múltiples, mais, existe unha que engloba a todas: a existencia dun nicho laboral no que desenvolver a nosa actividade profesional dentro do ámbito laboral a través da Pedagoxía Laboral e a Orientación/Inserción Profesional.

A Asociación Española de Teletraballo, no 2001, indicou que as características do teletraballador/a deben tentar coincidir coas dunha persoa disciplinada, constante, cunha gran capacidade de adaptación, aptitudes para traballar nun medio de escaso contacto social sen feedback e compañeiros, con alto autocontrol para organizarse, así coma formación sobre a actividade a desempeñar con capacidade para automotivarse e non desanimarse con facilidade. Está claro que non se pode identificar unha personalidade tipo para unha profesión como sucedía a principios de século XX , mais si unha serie de rasgos determinantes e sinalar a relevancia da formación, a constante actualización da información, a motivación e do papel dunha boa planificación.

Así e todo, ás veces, como aconteceu nesta situación no noso ámbito da educación universitaria, o teletraballo a pesar de estar sendo guiado e planificado por medio dun calendario de tarefas semanais, está tendo maioritariamente un impacto negativo.

Nalgúns casos, a  liberade individual para regular o ritmo de traballo pode dar lugar a sobrecarga e a unha intensificación do mesmo. Mais, a falta de supervisión e de control por parte dos docentes durante o desenvolvemento das actividades, provoca o exceso de traballo ou pola contra a súa non realización (Rubbini, 2012).

A modo de conclusión, reflexionar sobre o noso teletraballo nesta materia e obxecto do autoaprendizaxe regulado por medio da realización de actividades e a interacción en grupos en rede. Durante estes días, tivemos que ler diversos textos que nos serviron para ter un coñecemento teórico de base para poder fundamentar as nosas tarefas e o máis importante, incrementar o noso coñecemento. Sen embargo, por razóns de diversa índole, sentímonos un tanto desanimados e cuestionando o sentido e as capacidades do teletraballo. Considero que un seguimento docente no proceso de desenvolvemento, así como a presentación detallada dos obxectivos de cada unha das actividades a realizar, poderían mellorar a nosa situación en relación co teletraballo.

Antes de marchar, convídovos a compartir as vosas experiencias co teletraballo nos comentarios!

 

Referencias bibliográficas:

Alfonso, M. B., & Gallego, E.(2002). Teletrabajo y salud: un nuevo reto para la Psicología. Papeles del psicólogo, (83), 55-61.Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/

Equipos&Talento.(2020, abril 30). La mayoría de los españoles considera que rinde más con el teletrabajo. Equipos&Talento. Recuperado de:  https://www.equiposytalento.com/noticias/2020/04/30/la-mayoria-de-los-espanoles-considera-que-rinde-mas-con-el-teletrabajo

Pixbay.(2020). Recuperado de: https://pixabay.com/es/

Randstad España. (2020, abril 22). La tecnología modificará el 30% de los empleos tras el confinamiento. Randstad. Recuperado de: https://www.randstad.es/nosotros/sala-prensa/la-tecnologia-modificara-el-30-de-los-empleos-tras-el-confinamiento/

Rapp, W. (2004). Teletrabajo. Anales de mecánica y electricidad81 (2), 28-36Recuperado de: https://www.icai.es/contenidos/publicaciones/anales_get.php?id=225

Rubbini, N. I.(2012, diciembre). Los riesgos psicosociales en el teletrabajo. VII Jornadas de Sociología de la UNLP, 5 al 7 de diciembre de 2012, La Plata, Argentina. En Memoria Académica. Disponible en: http://www.memoria.fahce.unlp.edu.ar/trab_eventos/ev.2237/ev.2237.pdf

Salanova, M., Cifre, E. & Martín, P. (1999). El proceso de “Tecnoestres” y estrategias para su prevención. Prevención, Trabajo y Salud1, 18-28.

Sen, C. (2020, mayo 1). El teletrabajo aumenta dos horas la jornada y avanza su inicio. La Vanguardia . Recuperado de: https://www.lavanguardia.com/

 

    • Macarena Rivero Oribe
      Macarena Rivero Oribe

      Bos días Noemia! Encantoume o teu blog, xa que tratas unha realidade coa que todos podemos sentirnos identificados. No meu caso o teletraballo non resultaba complicado se era individual, sen embargo á hora de realizar traballos en grupo é cando máis boto de menos traballar en contacto con persoas, pois se comparten puntos de vista en tempo real e as decisións son consensuadas. 

      Con respecto ás desvantaxes, deixas moi claras cales son as problemáticas que están a afectar ao momento actual onde o teletraballo comezou sendo enérxico para logo pasar a ser esgotador. Engadir tamén que outros dos desvantaxes podería ser os riscos derivados de estar sentado durante tanto tempo diante dos aparellos electrónicos, afectando ao noso corpo tanto por poñer presión na columna e forzar e cansar á vista durante tantas horas.

      Grazas por tratar este tema no teu blogue, moi bo!!

      • Noemia Veiga Gonçalves
        Noemia Veiga Gonçalves

        Ola Macarena, grazas polo teu comentario!

        É certo, neste tempo de confinamento o contacto e a interacción social viuse intensamente mermada pola falta de comunicación en tempo real e no mesmo espazo físico. Considero, igual ca ti, que moitas das situacións que estamos a vivir poden repercutir negativamente nas relacións do futuro no ámbito escolar, laboral e social. Dende o meu punto de vista, no ámbito escolar e con respecto aos máis cativos/as, é preciso repensar os métodos que permitan unha interacción segura do alumnado dentro dos centros educativos, pois as situacións de illamento e distanciamento social -conscientes e inconscientes- poden ter unha gran repercusión na saúde mental e no desenvolvemento integral dos máis pequenos, así coma o fomento do traballo individual, perdendo pois a oportunidade de realizar un aprendizaxe cooperativo. 

        Un saúdo!

      últimos comentarios