A tecnoloxía como resposta ao virus

Que sería de nós sen un teléfono e Internet co que comunicarnos durante a corentena? Moi boas a todas e todos! Esta é a primeira pregunta que me fago e que vos fago neste blog.

 

Imaxinade por un momento que nos tocase vivir esta corentena, no pasado, na época na que non tiñamos nin teléfonos, nin Internet. Durante este confinamento cada vez que falo ou chamo ás miñas amigas e amigos e a familiares, penso na sorte que temos de dispoñer de dispositivos que nos permiten saber como estamos e que tal nos foi o día.

Resulta que a pesar de estar en diferentes provincias ou países estámonos comunicando a diario, xa sexa chamando, por videochamada ou chateando no WhatsApp, cousa que se non fose grazas á tecnoloxía non poderíamos facer. Sen embargo, a día hoxe sérvenos para estar ao tanto da situación, non só aquí senón en todo o mundo, para entreternos, para comunicarnos, para traballar, para estudar, para investigar e loitar contra o virus,  e sobre todo permítenos estar a todas e todos un pouco máis preto uns/has dos/as outros/as.

 

Por iso, vou cambiar a miña primeira pregunta pola seguinte: Que sería de nós sen tecnoloxía neste confinamento?

 

Ao longo destes máis de 50 días que levamos en corentena, fóronse realizando numerosas propostas para tentar “frear” e combater o virus, ou canto menos, tentar reducir o número de infeccións tanto aquí como no resto do mundo. Poderíamos dicir que as “tecnoloxías están loitando contra o COVID-19”. Nunha noticia da BBC, Jakhar (2020), fai referencia aos novos medios que estaban a empregar en China para combater o virus a principios de marzo deste ano. Despregaron dende robots ata cascos intelixentes. Os primeiros trátanse de robots desinfectantes, unha especie de robot como Wall-e, que en vez de recoller o lixo espacial, pulveriza desinfectantes polas rúas, e ademais, tamén se plantexaban empregar os robots para entregar paquetes sen contacto humano e para realizar algunhas funcións de diagnóstico, co fin de evitar máis contaxios; tamén empregaron drones para facer imaxes térmicas e transportar mostras médicas. Algo sorprendente é o que fixeron grazas a SenseTime (unha empresa líder en intelixencia artificial que emprega un software co que poden controlar a temperatura dunha persoa sen contacto), decidiron empregar estes sistemas en estacións subterráneas, escolas e centros comunitarios en Pekín, Shanghái e Shenzhen.

En España, dende o comezo da crise pola pandemia houbo tamén bastantes iniciativas, a través das cales a tecnoloxía se dispuxo ao servizo da sanidade. Atopámonos así coa iniciativa EscudoCovid19.org, cuxo obxectivo é o deseño, produción e distribución de material de protección contra o Covid19. Unha iniciativa na que están a colaborar xa máis de 100 empresas repartidas por todo o país, e ca cal conseguiron xa entregar máis de 230.000 escudos protectores. Trátase dun protector facial para protexer aos sectores involucrados na loita contra o virus. Nesta labor participan tanto aquelas empresas coma particulares que poidan axudar a subministrar a materia prima ou as ferramentas para a súa elaboración, centros de produción, colaboradores loxísticos,... (EscudoCovid19.org, 2020).

No referente a Galicia, a semana pasada vin nas noticias que na Universidade de Vigo xunto con outras empresas da contorna, elaboraron un dispositivo para abrir portas e pulsar botóns sen que haxa contacto directo, xa que a zona de agarre atópase a unha distancia separada da zona de contacto. Recibe o nome de  LU_Touch e foi pensado principalmente para o persoal sanitario, así coma para o resto de persoas que están prestando servizo á loita contra o virus (Metropolitano, 2020). Déixovos nas referencias a noticia, na que podedes ver a forma do dispositivo e un vídeo no que se ve como se emprega.

 

No campo da educación, o mesmo, durante este confinamento a tecnoloxía está máis que presente. Dende o 13 de marzo o profesorado comezou a comunicarse coas familias e co alumnado principalmente a través dos medios tecnolóxicos (páxinas web, aulas virtuais, etc.) e a informatizar e a empregar medios telemáticos e diversos programas para dar clases online e enviar traballos das diferentes materias, o comunmente chamado “telecolexio”. Sen embargo, neste caso a tecnoloxía non estaba tan preparada nin avanzada en tódolos centros e fogares, como para responder a estas novas necesidades, ocasionando que se fixese máis evidente, a xa existente antes da pandemia: brecha dixital, da que falarei nun blog proximamente.

 

Como conclusión, está claro que a tecnoloxía está sendo unha das principais protagonistas nesta loita contra o coronavirus, tanto dende os fogares coma dende os hospitais, laboratorios, farmacéuticas, fábricas,... No primeiro caso, para evadirnos no posible da situación entreténdonos e incluso para traballar, e no segundo caso para conseguir reducir ao máximo os perigos desta pandemia e mesmo protexernos. Por outra banda, retomando a primeira pregunta, está claro que a situación de incertidumbre e desconcerto no que viviríamos no caso de non poder comunicarnos entre nós sería enorme, facendo que as horas encerrados e encerradas entre catro paredes se nos botasen encima.

 

E vós, que opinades ao respecto?

 

Referencias bibliográficas:

EscudoCovid19.org. (2020). Páxina principal. Recuperado de https://escudocovid19.org/

Jakhar, P. (2020, marzo 4). Coronavirus: las innovadoras tecnologías que está utilizando China para combatir el covid-19 (y las preocupaciones que plantean). BBC. Recuperado de https://www.bbc.com/

Metropolitano. (2020, abril 13). Nace en Vigo un dispositivo que permite abrir puertas y pulsar botones sin contacto directo. Recuperado de https://metropolitano.gal/enfoque/nace-en-vigo-un-dispositivo-que-permite-abrir-puertas-y-pulsar-botones-sin-contacto-directo/

 

    • Aroa Fiunte Blanco
      Aroa Fiunte Blanco

      Boas amiga! Gustoume moito o teu blog e a reflexión que fas acerca da tecnoloxía.

      Durante todos estes días na casa fixenme moitas veces a mesma pregunta: ¿Que faríamos no caso de non existir a tecnoloxía? ou mesmo...¿Que podería facer eu no caso de non contar cos recursos necesarios para conectarme á rede?

      En innumerables ocasións gustaríame poder deixar de lado o móvil, o ordenador, a tele... pero ben é certo de que temos moita sorte de ter estas opcións para "continuar" coa nosa vida "cotiá", aínda que sexa dende a casa.

      Por último engadir que me parecen moi interesantes as iniciativas que expós no blog, das cales non oira aínda falar. 

      Noraboa pola entrada. Espero que todo vaia ben Lara e que nos poidamos ver pronto.

      Lara Celis Núñez

      Lara Celis Núñez

      Estudante de 3º de Pedagoxía na USC

      últimos comentarios