Que din as teorías da aprendizaxe sobre as modificacións na forma de aprender pola tecnoloxía?

 

As principais teorías da aprendizaxe tales como o conductismo, o cognitivismo e o constructivismo supoñían, ata o memento, unha forma de comprender e identificar os procesos a través dos cales adquirimos coñecementos para, a partir deles, tratar de describir métodos cos que a aprendizaxe sexa máis efectiva (Gallardo y Camacho, 2004).

 

Como xa sabemos, cada unha destas teorías trata de explicar a forma na que persoas aprendemos. O conductismo establece que a aprendizaxe é, en xeral, incogoscible, posto que non podemos entender que ocorre dentro dunha persoa. Esta teoría entende o coñecemento como a suma de información que se vai construíndo de forma lineal no individuo e a aprendizaxe como algo relativo ó cambio de comportamento, que está enfocado a elementos simples, como estímulos e respostas (Gredler, 2005). Por outra banda, tal como indica Siemens (2004), o cognitivismo entende o procesamento da información como un proceso computacional: esta entra, adminístrase a curto prazo e codifícase para a súa recuperación a longo prazo. Por útimo, o constructivismo expón que as persoas creamos coñecemento ó mesmo tempo que tratamos de comprender as nosas experiencias, polo que non acumulamos simplemente coñecemento, senón que tratamos de crear significandos continuamente, seleccionando e perseguindo as nosas propias aprendizaxes.

 

Tal e como podemos observar, estas teorías comparten unha serie de puntos en común. Para elas, o coñecemento é unha meta que pode ser alcanzada polas persoas, individualmente, a través do condicionamento, da experiencia ou do razoamento. Sen embargo, ningunha delas contempla as aprendizaxes que se producen fóra das persoas, tal e como ocorre na actualidade coa tecnoloxía que, de modo semellante ós humanos, é capaz de almacenar e manipular coñecementos. Así mesmo, estas teorías fan referencia tan só ó propio proceso de aprendizaxe, sen cuestionar o valor dos coñecementos que están sendo adquiridos (Siemens, 2004), algo que na actualidade resulta ensencial dada a garande cantidade de información que nos rodea, véndonos obrigados continuamente a seleccionar e sintetizar os coñecementos que queremos adquirir. 

 

Tendo en conta as limitacións que presentan as teorías máis tradicionais da aprendizaxe, o teórico da ensinanza na sociedade dixital George Siemens presenta un novo modelo teórico adaptado ás circunstancias actuais da educación: o conectivismo. Esta teoría suxire que a aprendizaxe é un proceso que ten lugar en ambientes difusos con elementos centrais cambiantes, que non están baixo o control do individuo e que cambian rapidamente (Siemens, 2004). Así mesmo, a teoría de Siemens ten en conta a continua adquisición de nova información, polo que a habilidade para discernir entre a información relevante e a non relevante ou a capacidade de adaptarse ós cambios que se producen contiunuamente neses coñecementos resultan de vital importancia.

 

Persoalmente, considero o modelo teórico presentado por Siemens como un avance importante para entender a educación hoxe en día, xa que os espazos, as ferramentas e o valor que as aprendizaxes soían ter se viron fortemente alterados cos constantes cambios tecnolóxicos. Non obstante, considero que as teorías da aprendizaxe máis tradicionais tamén teñen moito que aportar e explicar hoxe en día, polo que non deberían considerarse obsoletas ou erróneas, mais si susceptibles de ser modificadas ou complementadas con elementos máis modernos, como os suxeridos polo conectivismo. 

 

En definitiva, as teorías da aprendizaxe vense, igual que a nosa forma de aprender, modificadas pola tecnoloxía. Son moitas e moi importantes as alteracións que se producen nos seus postulados, tanto que incluso se están formulando novas teorías axustadas a esta forma de entender as aprendizaxes e ás habilidades que isto conleva. Sería conveniente, pois, que todos os pedagogos e pedagogas tivésemos en consideración as repercusións que este feito pode producir na forma na que entendemos a educación.

 

 

Referencias bibliográficas: 

 

Gallardo Vázquez, P. & Camacho Herrera, J. M. (2004). Teorías del aprendizaje y educación. Sevilla: Universidad de Sevilla. 

 

Gredler, M. E. (2005). Learning and Instruction: Theory into Practice – 5th Edition. Upper Saddle River, NJ: Pearson Education.

 

Siemens, G. (2004). Conectivismo: una teoría de aprendizaje para la era digital. Recuperado de https://www.academia.edu/2857204/Una_teor%C3%ADa_de_aprendizaje_para_la_era_digital