Que consecuencias ten a brecha dixital en épocas de confinamento por coronavirus?

O concepto “brecha dixital” fai referencia ás diferenzas entre aquelas persoas que usan ou non usan Internet (Robles, 2017). Estas diferenzas das que fala Robles (2017), citando a Van Dijk (2006), están fortemente determinadas polo grupo social ó que se pertence, así como ós recursos individuais dos que se dispón. Así mesmo, algúns especialistas comezaron a usar o termo “desigualdade dixital” para referirse á diferenza entre aquelas persoas que “usan servizos de Internet que xeran vantaxes individuais, e aquelas que, sendo internautas, non usan ou apenas usan este tipo de servizos” (Van Dijk, 2006), polo que, segundo estes autores, a diferenza non estaría en se se usa ou non se usa internet, senón na finalidade coa que se fai.

 

Un estudo realizado por Martínez-Piñeiro, Gewerc e Rodríguez-Groba (2019) demostrou que o acceso ós recursos tecnolóxicos non é unha limitación significativa para os preadolecentes da nosa comunidade, pois a meirande parte deles conta ordenadores (92,3%), teléfono móvil (89%) e acceso a Internet no seu fogar (93%). Con estes datos, podemos afirmar que a fenda no tocante ó acceso ós dispositivos e a Internet non é moi elevada, máis se temos en conta o uso que se fai dos mesmos as tornas cambian. 

 

O nivel de competencia detectado no uso destes dispositivos tecnolóxicos revela que, a pesar de que o acceso ós recursos é algo xeralizado, seguen existindo lagoas no referido á alfabetización dixital e a habilidade de obter capacitación coas tecnoloxías (Marínez-Piñeiro, Gewerc e Rodríguez-Groba, 2019). Polo tanto, hoxe en día a brecha dixital non se sitúa tanto no acceso ós recursos como na calidade dos mesmos e na capacidade do profesorado, o alumnado e as súas familias para facer uso destes, aproveitando as potencialidades que ofrecen e previndo os riscos aparellados ó seu uso. Como vemos na Figura 1, a fenda dixital depende do uso que se faga dos dispositivos e do coñecemento que se teña sobre as posibilidades que ofrecen.

 

Figura 1. A brecha dixital no uso dos dispositivos.

Fonte: EFF-Graphics (https://commons.wikimedia.org/wiki/User:EFF-Graphics

 

Segundo Fraga-Varela, Vila-Couñago e Pernas-Morado (2019), na nosa comunidade existen importantes desequilibrios na adquisicón das competencias dixitais, concretamente na poboación preadolescente, en función dos entornos familiares e sociais nos que se integren, xa que as familias, á par que a escola, xogan un papel fundamental para o desenvolvemento integral destas competencias. Esta situación de desvantaxe existente entre o alumnado en función das súas características sociofamiliares pode verse agravada ante a imposibilidade de asistir ós centros educativos por mor do COVID-19.

 

A brecha dixital toma, como consecuencia do confinamento sanitario, unha maior importancia, ó condicionar de forma drástica as posibilidades de acceder á educación e desenvolver as aprendizaxes de forma igualitaria para todo o alumnado. As barreiras poden inclusive agrandarse por mor desta situación se non se adoptan mecanismos sociais e educativos de apoio para compensar os deste desequilibro. 

 

A falta de competencia dixital por parte do profesorado e o alumnado supón unha barreira no apreoveitamento dos recursos tecnolóxicos, sobre todo naqueles casos onde a familia do alumado non pode ofrecer apoio educativo con respecto ó bo uso das tecnoloxías (Rodríguez Canfranc, 2020). Por outra banda, tamén debemos destacar a fenda que existe no tocante á información e alfabetización dixital, xa que a selección, avaliación e xestión da información que se atopa na rede está lonxe de ser a adecuada para moitas persoas. Deste modo, Rodríguez Canfranc (2020) fai unha diferenciación e expón a brecha que existe entre aquelas persoas que saben discernir a información de calidade na rede dos que non son capaces de facelo e basean as súas opinións ou aprendizaxes en contidos pouco vaiosos ou fake news.

 

En conclusión, a brecha dixital no ámbito galego non está basada na carencia de recursos tecnolóxicos ou no acceso a Internet, pero si na súa calidade e o uso que se fai deles. A fenda existente céntrase, sobre todo, na competencia dixital, que a causa do confinamento sanitario cobra unha maior importancia e repercute directamente sobre a posibilidade de acceso e a calidade da educación do alumnado da nosa comunidade.

 

 

 

Referencias bibliográficas: 

 

Fraga-Varela, F., Vila-Couñago, E. y Pernas-Morado, E. (2019). Aprendizajes ausentes en la Competencia Digital de preadolescentes: un estudio de casos pertenecientes a contextos socioculturales desfavorables. RED. Revista Educación a Distancia, 61. DOI: http://dx.doi.org/10.6018/red/61/04 

 

Martínez-Piñeiro, E., Gewerc, A. y Rodríguez-Groba, A. (2019). Nivel de competencia digital del alumnado de educación primaria en Galicia. La influencia sociofamiliar. RED. Revista de Educación a Distancia, 61. DOI: http://dx.doi.org/10.6018/red/61/01

 

Robles, J. M. (2017). ¿Por qué la brecha digital es un problema social?. Panorama social, 25, 9 - 16.

 

Rodríguez Canfranc, P. (2020, abril 20). El confinamiento y las brechas digitales en la educación. Catalunya Press. Recuperado de https://www.catalunyapress.es/ 

 

Van Dijk, J. A. G. M. (2006). Digital divide research, archievements and shortcomings. Poetics, 34, 221 - 235.

    • Diego Cerviño Cerviño
      Diego Cerviño Cerviño

      Boas Miriam!

      A verdade, gustoume moito a túa entrada. Fas unha análise sobre como é a brecha dixital no noso país, profundizando nun concepto clave: pode existir brecha dixital aínda cando existen os medios (internet, ordenador, teléfono móbil,...)

      En relación con isto, estaría moi ben que isto tamén o lera o Ministro de Universidades, xa que vendo as declaración que deu recentemente demostrous que, ou non comprende todo o transfondo que ten o concepto de brecha dixital, ou quere intentar disimulalo ante a cidadanía.

      Moi bó blog, compañeira!