Competencia dixital. Que é? Por que é importante hoxe en día?

A competencia dixital é definida por Ferrari (2013) como aquela que implica o uso creativo, crítico e seguro das tecnoloxías da información e comunicación para alcanzar os obxectivos relacionados co traballo, a empleabilidade, a aprendizaxe, o uso do tempo libre, a inclusión e a participación na sociedade. 

 

Tal e como apunta esta mesma autora (Ferrari, 2013), a competencia dixital é unha competencia transversal a cal, por si mesma, nos permite adquir outras competencias clave, como a comunicación lingüística, a competencia matemática, aprender a aprender ou a consciencia cultural. Está relacionada con moitas competencias do século XXI que, segundo establece o proxecto DIGCOMP, deben ser adquiridas por todos os cidadáns para asegurar a súa participación activa na sociedade e na economía. 

 

A competencia dixital componse de cinco áreas fundamentais: a información, a comunicación, a creación de contido, a seguridade e a resolución de problemas. Anusca Ferrari (2013) describe estas áreas da seguinte forma:  

 

  • A área de información comprende funcións tales como identificar, localizar, obter, almacenar, organizar e analizar información dixital, avaliando sempre a súa finalidade e relevancia. Así mesmo, esta área inclúe outras competencias en relación coa información, os datos e o contido dixital, que se clasifican como a navegación, busca e filtrado das mesmas, a súa avaliación e tamén o almacenamento e recuperación destas. 

 

  • A área de comunicación en espazos dixitais supón compartir recursos, relacionarse, colaborar, interactuar e participar en comunidades e redes a través de ferramentas en liña, ademais de ser capaces de xestionar a propia identidade dixital. 

 

  • A área de creación de contido consiste na creación e edición de novos contidos; na integración e reelaboración de materiais xa esistentes; nas creacións artísticas, na produción de contido multimedia e na programación informática; e, por último, na xestión e aplicación dos dereitos e licencias de propiedade intelectual. 

 

  • A área de seguridade consiste na protección da información e datos persoais, así como a identidade dixital. Ademais, incumbe ás medidas de seguridade e ó uso responsable e seguro dos dispositivos electrónicos, así como das posibilidades que estes ofrecen. 

 

  • A área de resolución de problemas está vinculada á toma de decisións sobre o uso de recursos dixitais, empregando os medios máis adaptados para cada necesidade ou propósito. Así mesmo, tamén fai fincapé no uso das tecnoloxías para resolver problemas tanto conceptuais e como técnicos e na súa utilización de xeito crativo.

 

Nos tempos que corren, o uso da tecnoloxía é unha actividade clave no noso día a día. Dende o meu punto de vista, adquirir esta competencia é fundamental para todos nós porque, xa que facemos uso dos recursos dixitais, é conveniente que o fagamos de forma responsable, consciente e adecuada ás nosas necesidades. Ademais, creo que deberiamos empregar as tecnoloxías dunha forma creativa que nos permita sacar o mellor proveito posible delas. 

 

Así mesmo, a Comisión Europea (2004) tamén fai ficapé na súa importancia, posto que resulta clave para o desenvolvemento do capital cultural, do capital social e do capital humano. Por unha banda, este tipo de competencia favorece o desenvolvemento persoal ó longo da vida e tamén a integración, a inclusión e a participación como membros activos da sociedade e das redes. Por outra, esta competencia resulta esencial para desenvovler aptitudes para o emprego hoxe en día. 

 

A adquisición desta competencia é especialmente relevante para nós,  futuros pedagogos e pedagogas, xa que o noso traballo require saber acceder e manexar información na rede e ser capaces de comunicarnos en todos os ámbitos, entre eles o dixital. Así mesmo, debemos crear e reelaborar materiais, tendo sempre moi en conta os dereitos e licencias de propiedade intelectual e a seguridade no entorno dixital. Por último, como profesionais da pedagoxía, tamén debemos coñecer e seleccionar cales son os recursos máis adaptados ás nosas necesidades persoais e laborais pararesolver problemas a través da tecnoloxía, tendo en conta todas as posibilidades que existen para facelo, tal como se mostra na Figura 1, pois a oferta existente é moi ampla.  

 

Figura 1. Diferentes recursos na rede. 

Fonte: sagararora372 (https://pixabay.com/users/sagararora372-4741557/

En conclusión, a competencia dixital é fundamental hoxe en día, pois condiciona a nosa forma de empregar a tecnoloxía e, polo tanto, as nosas posibilidades e responsabilidade no uso da mesma. Persoalmente, considero que deberíamos formarnos para adquirila, posto que todos nós utilizamos a tecnoloxía e canto máis crítico, creativo e seguro sexa o uso que facemos dela, máis poderemos aproveitala e desenvolvernos nós mesmos persoal, social e laboralmente.

 

 

Referencias bibliográficas: 

 

Ferrrari, A. (2013). DIGCOMP: A framework for developing and uderstanding digital competence in Europe. Sevilla, JRC-IPTS.

 

Comisión Europea. (2004). Competencias clave para un aprendizaje a lo largo de la vida. Consejería de Educación y Ciencias del Principado de Asturias. Recuperado de http://www.educastur.princast.es/info/calidad/indicadores/doc/comision_europea.pdf