Educación aberta, coñecemento aberto, software libre... ou pechado e propietario? Parte 2

Como dixen no anterior blog, e despois de aclarar os conceptos clave dos que estamos a falar, toca agora reflexionar. Gustaríame comezar facéndome (e facéndovos) a seguinte pregunta: é posible falar dunha educación que non sexa aberta?

Persoalmente, non creo que poidamos falar de educación se non incluímos na súa definición as posibilidades -por non dicir obrigas- de compartir o coñecemento, de intercambiar... Non podemos falar de educación sen reprocidade.

Por exemplo, a través deste blog, todas compartimos información que imos atopando e, grazas a este intercambio todas aprendemos. Pero que pasa cando realizamos, na maioría de materias, traballos -individuais ou grupais- que simplemente entregamos ao profesor ou profesora, sen realizar nin sequera unha exposición do que fixemos cada unha -ou cada grupo-? Neste caso podemos aprender sobre o propio traballo, pero quizais non saibamos nada dos das demais. Parece quedar claro entón que, cando máis compartimos, máis aprendemos.

Chamoume moito á atención o que di David Wiley (2010) sobre este tema, especialmente cando se remonta á imprenta: coa creación desta, posibilitouse unha máis rápida creación de libros e, polo tanto, tamén unha distribución que facilitaba que o coñecemento chegase a un maior número de persoas. En canto isto pasou a Igrexa decidiu poñer restricións á difusións deste coñecemento, prohibindo que se lesen biblias nas linguas maternas, que eran as que coñecían a inmensa maioría da poboación. Entón non prohibiron explicitamente a difusión do coñecemento, pero puxeron grandes trabas para o mesmo.

El modelo de la Educación Abierta y el Software libre

                          Recuperada de iberoaméricadivulga (páx. web)

 

Quizais pase algo así hoxe en día no mundo das TIC? Contrasinais, restricións... É aquí onde atopamos o nexo co software libre, que é, polas súas características inalienables, o que debería ir da man da educación aberta, non credes?

Se pasamos agora a pensar no futuro, que nos ofrecería unha educación aberta real? Primeiro debemos ter en conta que esta pasa por un cambio nos “modelos de participación do alumnado e usando enfoques interdisciplinares e globalizadores do coñecemento” (Valverde Berrocoso, 2010, p.159).

Hoxe en día xa podemos atopar diversos recursos en Internet -cursos, materiais didácticos- que están dispoñibles de maneira libre dende diversos proxectos, organizacións, institucións... Así e todo, sobre todo se pensamos no sistema educativo formal, atopamos certas maneiras de funcionar que non se corresponden co tipo de educación do que estamos a falar. Un exemplo claro disto pode ser o gran control que exercen as editoriais sobre proceso educativo; deberíanse ofrecer novas posibilidades, novos creadores de coñecemento, é precisa aquí unha maior innovación. Ademais, se contamos coa presenza das TIC, estas posibilitan unha maior renovación do coñecemento -practicamente instantánea-, atenta aos avances que se fagan. E non debemos esquecer nunca, como indispensable do “aberto”, que sexa posible a reciprocidade, o intercambio, usar para crear...

Antes de finalizar quero deixarvos aquí o enlace a unha páxina que atopei sobre isto e nos pode resultar útil para ir lendo: https://educacionabierta.org/

Xa para rematar, quixera dicir a aprendizaxe que supuxo para min a creación deste blog -así como tamén do anterior- ao redor, sobre todo, da Educación Aberta -e do coñecemento aberto que a acompaña-. Descubrín isto e o seu significado, o que creo que, de agora en diante, me abrirá novas portas de reflexión ao redor de calquera tema relacionado coa educación que é, ao fin, sobre o que falamos sempre.
 

 

 

Referencias bibliográficas:

Iberoámericadivulga (2015). El modelo de la educación abierta y el software libre  [Imaxe]. Recuperado de https://www.oei.es/historico/divulgacioncientifica/?El-modelo-de-la-Educacion-Abierta

Valverde Berrocoso, J. (2010). El movimiento de "educación abierta" y la “universidad expandida". Tendencias pedagógicas, (16), pp.157-180. Recuperado de https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=3341542

Wiley, D. (3 de xuño de 2010). TEDxNYED David Wilwy 03 06 10 YouTube [Arquivo de vídeo]. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?time_continue=18&v=vEyhhvRKCGw