4ª TAREFA - Blog sobre a brecha dixital

Como todos e todas sabemos, e sobre todo, tras esta situación tan complexa que nos tocou vivir debido a pandemia producida polo COVID-19, a tecnoloxía forma parte da nosa vida en case todos os sentidos, xa que a utilizamos tanto para comunicarnos con familia, amigos/as, compañeiros/as de traballo ou clase, docentes, xefes/as, etc., como para levar a cabo as nosas tarefas profesionais dende a casa, xa sexa de traballo ou de formación, e incluso a utilizamos, a maior parte de nos, como pasatempo, utilizando redes sociais (Facebook, Instagram, Twitter...) ou vendo series/películas mediante diferentes plataformas dixitais (Netflix, HBO, Amazon Prime...). E por todo isto, que considero que dende que a tecnoloxía apareceu nas nosas vidas, cambiou completamente o noso día a día e a nosa forma de facer as cousas, xa que se nos tocara vivir noutro tempo esta situación, sería practicamente imposible seguir facendo todo aquilo que faríamos nunha situación de normalidade. Pero desgraciadamente, isto non é igual para todas as persoas, xa que a brecha dixital é unha realidade, sobre todo neste confinamento, xa que noutra situación, poderíase acceder a tecnoloxía por diferentes medios: nas escolas, nas bibliotecas, no traballo, nos bares ou cafeterías, por medio de familiares ou amigos/as..., polo que nesta situación, moitas persoas e moitos nenos e nenas non poden seguir levando a cabo os seus traballos ou a súa aprendizaxe debido a falta de recursos tecnolóxicos. 

 Pero antes de continuar coa miña reflexión, gustaríame saber a que nos referimos co concepto de “brecha dixital”, polo que Cabero (citado en Cabero y Ruíz-Palmero, 2018) enténdea como “A diferenciación producida entre aquelas persoas, institucións, sociedades ou países, que poden acceder as TIC de forma xeral e a Internet de maneira particular, e aquelas que non poden facelo”, polo tanto, cando facemos uso deste concepto, referímonos a todas aquelas desigualdades que existen para acceder a aprendizaxe, ao coñecemento ou a información polo medio das TIC, sexa polo motivo que sexa. Para seguir coñecendo máis profundamente dito concepto, debemos ter en conta que existen diferentes tipoloxías de brecha dixital, xa que todo depende da súa orixe. Varela (citado en Cabero y Ruíz-Palmero, 2018) no seu estudo identificou que existe brecha dixital por cuestión de xénero, de idade, de falta de formación (analfabetismo tecnolóxico), funcional (discapacidade física ou psicolóxica), por motivos económicos, de carácter xeográfico-territorial ou urbano-rural, e por último, formativa-laboral.

Como podemos comprobar, existen múltiples orixes ou tipoloxías polas cales se pode dar a brecha dixital na nosa sociedade, e a pesar de que a gran maioría das persoas fan uso de ditos recursos, moitas máis das que pensamos, non poden utilizalas, sexa polo motivo que sexa. Esta desigualdade tecnolóxica, non soamente provoca iso, a falta de recursos tecnolóxicos, senón que tamén fai que exista unha desigualdade social entre ditas persoas, xa que non poden nin comunicarse nin tampouco estar debidamente informadas como o resto de persoas que si empregan as TIC. Polo tanto, a brecha dixital, provocada polo motivo que sexa (económico, idade, xénero, etc.), provoca unha desigualdade maior que a falta de dito recurso, xa que a desigualdade social conleva a que as persoas afectadas se vexan marxinadas e incluso con menos oportunidades futuras, xa sexan de formación, laborais ou calquera outro, que aquelas que si teñen acceso ao ditos recursos. 

Pero para rematar coa miña reflexión, gustaríame destacar, que a tecnoloxía, se sabe empregarse e ofrecerse de xeito adecuado, pode favorecer a inclusión de todas persoas, polo que primeiramente, e como futura profesional da educación, considero que se debe dotar aos sistemas educativos de formación, recursos, competencias, ferramentas..., nas tecnoloxías da información e comunicación, para que así a sociedade poida ser crítico e competente coas mesmas, que mediante a educación a brecha dixital poida ser unha desigualdade menor. Pero para poder facer de isto unha realidade, a UNESCO (citado en Cabero y Ruíz-Palmero, 2018) considera:

Reducir a brecha dixital é un obxectivo prioritario si queremos que as novas tecnoloxías contribúan ao desenvolvemento e propicien o xurdimento de auténticas sociedades do coñecemento. O desenvolvemento no ámbito da información non descansa exclusivamente en mecanismos económicos, senón que obedece en gran parte a decisións políticas. A redución da brecha dixital constitúe un desafío de tal envergadura que os gobernos non poderán afrontalo sos. Será necesaria unha estreita cooperación entre os poderes públicos, as organizacións internacionais, o sector privado, o sector asociativo e a sociedade civil (p.23).

Cal é a vosa opinión sobre a brecha dixital? Que creedes que debemos facer para solucionalo? Gustaríame saber as vosas opinións!

 

Referencias bibliográficas

 

Cabero, J. y Ruíz-Palmero, J. (2018) Las Tecnologías de la información y la comunicación para la inclusión: reformulando la brecha digital. International Journal of Educational Research and Innovation, 9, 16-30.

    • Iria Blanco Mesías
      Iria Blanco Mesías

      Boas tardes Natalia!

      Resultoume moi interesante ler o teu blog e as reflexións que fas sobre un tema tan complexo como é o da brecha dixital durante este período! 

      Respondendo ás túas preguntas, creo que a brecha dixital é un fenómeno complexo de salvar, xa que existe polas barreiras de acceso á tecnoloxías e tamén polo seu uso. A brecha dixital está presente en moitos ámbitos da vida cotiá, na educación, no traballo, no ocio...e polo tanto tamén, en calquera parte do mundo e dependendo da situación social e económica de cada un.

      Na miña opinión, dende a educación plantexaría que se lle dera un maior peso á competencia dixtal no currículo escolar e polo menos reducir e intentar paliar a barreira de uso. Formar e educar para saber cómo, cando e por qué utilizar a tecnoloxía é un paso grande para toda a sociedade e para un maior desenvolvemento da mesma. Pero en canto ao acceso, é preciso un crecemento económico e dotar de axudas a aquelas familias e colectivos que máis o precisen e non teñan como poder acceder a elas. 

      Un saúdo e grazas polas tuas aportacións!

      • Natalia Paz Prego
        Natalia Paz Prego

        Boa tarde Iria, agradézoche enormemente que mostres interese e sobre todo que te parases a leer e reflexionar sobre o meu blog. Estou totalmente de acordo contigo en canto a que a brecha dixital é un fenómeno dificilmente solucionable, xa que nel vense involucrados diferentes factores que dependen da situación particular de cada persoa ou neno/a. 

        A túa aportación pareceme realmente interesante, e coincido contigo no sentido de que a educación é unha das maneiras nas que se pode intentar facer algo para solucionalo, xa que a formación e a aprendizaxe por ditos medios conleva a unha alfabetización dixital, o que queremos dicir que sería unha barreira menos a ter en conta. Por outro lado, un dos aspectos que máis influencia ten na brecha dixital é a economía, xa que a falta de recursos é, probablemente unha das maiores barreiras a ter en conta, e por iso, que sería necesaria a involucración do Estado de das Comunidades Autónomas para que doten de axudas e de facilidades para que todas as persoas teñan acceso ás mesmas. 

        De novo agradecerche a túa reflexión, resultoume de gran interese. Espero que todo vaia ben, saúdos!

        Natalia Paz Prego

        Natalia Paz Prego

        Considerome divertida, traballadora, amable e optimista

        últimos comentarios