c. O final do camiño

Última actualización de en Miriam Otero Aguete

A última etapa do camiño foi máis sinxela que as dúas anteriores, xa que o percorrido previo axudou considerablemente a asentar as bases sobre as que desenvolver estas últimas aportacións á rede social. 

 

Os blogs desta parte final da materia xiraron en torno a temas tan interesantes como a competencia dixital, a fenda dixital e a apertura na educación. Todos eles semellan unha boa opción para destacar como aportación significativa nesta etapa, mais creo que a mellor mostra do traballo realizado é o blog Que consecuencias ten a brecha dixital en épocas de confinamento por coronavirus?, pois para min resultou ser un dos temas abordados nesta materia con mais interese, por estar tan presente coa situación que estamos a vivir por mor do COVID-19. Ademais, sorprendeume moito a realidade desta temática hoxe en día, que era descoñecida para min, así como tamén o interese da bibliografía consultada para informarme sobre esta cuestión. 

 

Chegada xa a última etapa deste paseo pola tecnoloxía educativa toca reflexionar sobre o todo aquilo que vin, aprendín e o que me gustaría seguir investigando a partir de aquí, pois esta nova vila está chea de recunchos interesantes que sería proveitoso descubrir e, quizais, redescubrir noutros paseos.

 

Para min este foi un paseo por un lugar que non coñecía e que con esta andaina empecei a descubir, polo que o resultado final é unha visión xeral sobre a que asentar coñecementos futuros, pois quedan infinidade de recunchos por ver, explorar e, en definitiva, aprender. Polo tanto, queda claro que este paseo pola Tecnoloxía Educativa chegou ó seu fin, pero a partir das bases que con el se formaron, abríronse novas posibilidades de cara ó desenvolvemento de aprendizaxes máis concretas nun futuro. Como podemos ver na Imaxe 4, os coñecementos aquí adquiridos forman unha base sólida sobre os que se forman e sustentan moitos máis camiños. 

 
Imaxe 4. Os camiños que se sustentan nos coñecementos adquiridos.