O pasado 13 de maio celebrouse na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela a xornada de presentación dos resultados do proxecto WebEDUSO: As institucións de Educación Social a través das páxinas web. Análise e propostas de mellora, unha iniciativa integrada na III Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa dirixida ao profesorado da Facultade.
O proxecto desenvolveuse co alumnado de 2º curso do Grao en Educación Social e tivo como principal finalidade conectar a formación universitaria coa realidade profesional e social das entidades do ámbito socioeducativo a través da análise das súas páxinas web.
A iniciativa implicou a colaboración das materias Experiencias e Recursos en Educación Social e Tecnoloxía Educativa, contando coa participación do profesorado Carmen Fernández de la Iglesia, Silvia López Gómez, Jesús Rodríguez Rodríguez e Pablo Gayo Pérez.
Ao longo do curso, o alumnado realizou análises críticas de distintas entidades empregando guías de avaliación e elaborou posteriormente materiais audiovisuais e recursos dixitais cos resultados obtidos e propostas de mellora. A metodoloxía empregada combinou aprendizaxe-servizo, alfabetización dixital e transferencia de coñecemento cara ás institucións participantes.
Na xornada do 13 de maio participaron arredor de 70 estudantes, profesorado da facultade e representantes de distintas entidades socioeducativas. Entre as persoas asistentes estivo o vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, Zósimo López, así como responsables e profesionais de entidades como Quérote +, Acougo, XOGA, entre outras.
Durante a sesión presentáronse os vídeos realizados polo alumnado e abriuse un espazo de diálogo coas entidades participantes, que valoraron moi positivamente tanto a iniciativa como o traballo desenvolvido polos grupos.
O proxecto permitiu ao alumnado achegarse á realidade profesional da Educación Social, coñecer diferentes ámbitos de intervención e reflexionar sobre o papel das tecnoloxías e da comunicación dixital dentro do ámbito socioeducativo, ao tempo que favoreceu a creación de vínculos entre a universidade e o tecido social e comunitario.



