As investigadoras en formación Ana Rodríguez Guimeráns e Pablo Gayo, do Grupo de Investigación Stellae, asistiron os pasados días 26 e 27 de setembro ao IV Congreso Internacional de Educación Crítica e Inclusiva (EduCrítica 25). Este congreso xiraba arredor do papel da educación en cinco eixes temáticos: fronte ao neofascismo, os negacionismos e os discursos de odio; fronte ao conflito bélico, o imperialismo e a crise civilizatoria; fronte ao heteropatriarcado e á exclusión social; fronte ao capitalismo, a privatización e a mercantilización; e fronte á crise climática e á destrución da natureza.
As participantes presentaron o traballo “Análisis del argumentario político durante la aprobación de la LOMLOE”, elaborado xunto con Natalia Cea, da Universidade da Coruña, e Kevin González, do Concello de Moaña. Neste traballo faise unha análise crítica do discurso dos diferentes partidos políticos durante a aprobación da LOMLOE, principalmente arredor da educación concertada, a inclusión educativa e a cuestión lingüística. Así mesmo, tamén presentaron “Backlash en streaming: discursos antifeministas en la manosfera española y desafíos para la educación”, elaborado xunto con Milena Villar, da Universidade de Santiago de Compostela. Nesta investigación analizouse o discurso de tres youtubers españois en relación co argumentario machista e antifeminista que transmiten nos seus vídeos, e cales son as súas estratexias para achegarse ao público a través do seu discurso.



