O pasado 13 de xullo publicouse na revista Educar o artigo “Prácticas adolescentes de negociación de la privacidad en Instagram: La necesidad de alfabetización digital crítica en la escuela”, escrito por Ángela González-Villa e Adriana Gewerc, integrantes do Grupo de Investigación Stellae.
O artigo céntrase en coñecer as negociacións da privacidade das e dos adolescentes en Instagram e identificar o papel do espazo escolar fronte a estas prácticas, tensionadas entre a visibilidade e o risco. Para iso, levouse a cabo un estudo de casos con adolescentes de entre 14 e 17 anos de Galicia (España), que combina a observación dos seus perfís en Instagram con entrevistas semiestruturadas. A análise dos casos mostra dúas rutas na negociación da privacidade: unha hexemónica, sustentada na visibilidade do eu, e outra alternativa, caracterizada por resistencias a esa proposta. A escola percíbese como ausente e pouco significativa en relación coas prácticas reais nestes contextos. Os achados evidencian a centralidade da audiencia e dos mecanismos de popularidade da plataforma, así como a necesidade dunha alfabetización crítica no espazo escolar que acompañe o alumnado para comprender as implicacións da súa participación e contribuír á formación dunha cidadanía con capacidade de resposta fronte ás condicións sociohistóricas actuais.
Acceso ao artigo completo: https://educar.uab.cat/article/view/v62-n2-gonzalez-gewerc/2510-pdf-en

