As XXXIII Xornadas Universitarias de Tecnoloxía Educativa (JUTE26) tiveron lugar na Universidade de Santiago de Compostela durante os días 10, 11 e 12 de xuño na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida), organizadas polo Grupo de Investigación Stellae.

Alí, hai dúas décadas, naceu a Red Universitaria de Tecnología Educativa (RUTE) co fin de institucionalizar a comunidade, ofrecer maiores posibilidades aos seus participantes e proxectar as súas actividades tanto en Europa como en Latinoamérica. O espírito dese proceso volve renovado 20 anos despois baixo o título que dá nome a estas xornadas: “Alfabetización Dixital Crítica para unha Convivencia Híbrida”. Configurouse así un espazo para reflexionar, compartir e tratar de dar resposta aos complexos interrogantes que plantea a hibridación na sociedade contemporánea e no ámbito educativo en particular para o desenvolvemento dunha cidadanía dixital crítica.
Tras a inauguración coas autoridades correspondentes, la Prof.ª Mairéad Pratschke impartiu o relatorio invitado: “O novo híbrido: da disrupción á convivencia“.

Posteriormente, desenvolvéronse os paneis de comunicacións, en xornada de mañá e tarde, destacando a numerosa participación dos/as membros do grupo Stellae —sinalados en negra— no marco dos distintos proxectos nos que participa, tal e como se recolle a continuación:
| Relación de autoras/es | Título da comunicación |
| Pablo Gayo Pérez, Diana Marín Suelves, María Isabel Pardo Baldoví, Melanie Sánchez Cruz | TEA e TIC: prácticas baseadas na evidencia |
| Almudena Alonso-Ferreiro, Abraham Rubín, Carla Míguez-Álvarez, Xabier Martínez-Rolán | Políticas de Dixitalización en España: Análise dos Imaxinarios Sociotécnicos en tres Comunidades Autónomas |
| Uxía Regueira, Inés Ramos-Trasar, Adriana Gewerc, Antía Cores Torres | Que é o crítico na alfabetización dixital? Lentes teóricas para a análise dos modelos hexemónicos de competencia dixital |
| Adriana Gewerc, Uxía Regueira, Ángela González-Villa | A Tecnoloxía Educativa nos graos universitarios españois. Un estudo da estrutura nominal e curricular do campo |
| Carmen Denébola Álvarez-Seoane, Eva María Barreira-Cerqueiras, Raquel Mariño Fernández, Laura Rego-Agraso | O uso do vídeo como recurso didáctico en Xeografía e Historia na ESO: análise dun estudo de caso en Galicia |
| Fernando Fraga-Varela, Esther Vila-Couñago, Fernando González-Bao, Carlos Casal-Blanco | Desenvolvemento dunha Scoping Review sobre Alfabetización Dixital Crítica: a aplicación do protocolo PRISMA-ScR en educación |
| Ana Rodríguez Guimeráns, Pablo Gayo Pérez, Mª Montserrat Castro Rodríguez, Jesús Rodríguez Rodríguez | A representación das diversidades nos RED para Educación Secundaria Obrigatoria en Galicia |
| Miguel Anxo Nogueira Pérez, José Pablo Franco López, Rebeca García Murias | O desenvolvemento da Competencia Persoal, Social e de Aprender a Aprender nos recursos educativos dixitais do repositorio Abalar |
| Fernando Fraga-Varela, Esther Vila-Couñago, Fernando González-Bao, Carlos Casal-Blanco | A Alfabetización Dixital Crítica: unha revisión dos principais eixes temáticos que guían a práctica de aula |
| Ángela González-Villa, Carolina Rodríguez-González, Ana Rodríguez-Groba | O risco na pantalla: unha revisión sistemática da literatura científica sobre adolescencia e medios dixitais |
| Carolina Rodríguez-González, Ana Rodríguez-Groba, José Pablo Franco-López, Esther Martínez-Piñeiro | Adolescentes, dispositivos dixitais e axentes educativos: unha revisión sistemática |
| Miguel Anxo Nogueira Pérez, Elena Fernández Rey, Ana Parada Gañete, Ana I. Couce Santalla | Competencia dixital, cidadanía dixital e mediación docente na prevención do ciberbullying e a mellora da convivencia escolar en educación secundaria: unha revisión sistemática |
| Inés Ramos Trasar | Repensar a alfabetización dixital a través das prácticas do influencer: Unha revisión teórica do referente e a práctica social |
| Milena Villar Varela, Nerea Rodríguez Regueira, Silvia López Gómez, María del Camino Pereiro González | Analizando o potencial tecnolóxico e pedagóxico dun recurso en cREAgal |
A xornada do xoves tamén serviu para conmemorar as dúas décadas de traxectoria da rede académica baixo o lema “RUTE: 20 anos facendo camiño” e coa mesa redonda “A docencia en tecnoloxía educativa en España: mirando ao futuro”, que contou coas intervencións das profesoras Adriana Gewerc, Cristina Alonso e o profesor Cristóbal Suárez-Guerrero, serviu para analizar a evolución da disciplina da TE e os retos aos que se enfronta nos vindeiros anos.

Outro dos momentos destacados do congreso tivo lugar o venres 12 de xuño, co relatorio da Prof.ª María Acaso e a Prof.ª Elisa García Mingo, baixo o título “Upskirting/Sexpreading/SlutShaming. A soberanía visual como ferramenta para combater a violencia sexual dixital na escola”.

¡Grazas por acompañarnos nestas xornadas de reflexión e diálogo!

