Xa está dispoñible a colección “OERs on Social Media Literacy for Use in Schools and Teacher Training” (REA sobre alfabetización en redes sociais para o seu uso en centros educativos e na formación do profesorado), formada por catro Recursos Educativos Abertos (REA) interactivos orientados ao desenvolvemento da alfabetización mediática en contextos escolares e de formación do profesorado. Os materiais foron deseñados por investigadoras e investigadores de diferentes universidades pertencentes a EUniWell (European University for Well-Being).
A colección ofrece recursos prácticos para aproximarse de maneira crítica, creativa e responsable aos medios dixitais e ás redes sociais. Os catro REA son módulos de autoaprendizaxe independentes e flexibles, adaptables a diferentes necesidades, intereses e contextos educativos:
- “Media and Digital Literacy for Managing Scientific Information” (Alfabetización mediática e dixital para o manexo da información científica);
- “Social Media Literacy: From Platform Dynamics to Empowering in Digital Discourses” (Alfabetización en redes sociais: das dinámicas das plataformas ao empoderamento nos discursos dixitais);
- “Literary Education in and with Social Media Platforms” (Educación literaria en e con plataformas de redes sociais);
- “Fostering Social Media Literacy through Webinar Series” (Fomento da alfabetización en redes sociais a través dunha serie de seminarios web).
O primeiro destes recursos, “Alfabetización mediática e dixital para o manexo da información científica”, foi desenvolvido na Universidade de Santiago de Compostela por Denébola Álvarez-Seoane, integrante do Grupo de Investigación Stellae, Lucía Casas-Quiroga e Blanca Puig. O REA busca fortalecer a alfabetización mediática e dixital proporcionando ferramentas para analizar de maneira crítica a información científica difundida a través de medios dixitais e redes sociais, identificar procesos de desinformación, valorar a credibilidade das fontes e favorecer a toma de decisións informadas e baseadas en evidencias.
O recurso combina contidos explicativos e actividades de aprendizaxe a través de tres módulos. O primeiro introduce os mecanismos que favorecen a aparición e difusión da desinformación e aborda cuestións como a súa viralización nas redes sociais, as súas diferentes formas ou o contexto da posverdade. O segundo utiliza a información relacionada coa gripe como fío condutor para poñer en práctica estratexias de vixilancia e avaliación crítica ante contidos de carácter científico. Finalmente, o terceiro módulo propón unha ferramenta que pode aplicarse á análise de información científica procedente de diferentes ámbitos. O percorrido complétase cunha actividade de avaliación das aprendizaxes.
Trátase dun recurso pensado para alumnado de educación secundaria, orientado a docentes en formación inicial e profesorado en exercicio que poden integralo na práctica educativa. Aínda que, ao non requirirse coñecementos previos, pode ser empregado por calquera persoa interesada en mellorar a súa alfabetización mediática e informacional. Este recurso en aberto está dispoñible en catro idiomas: inglés, francés, castelán e galego, favorecendo a súa utilización en diferentes contextos educativos e ampliando o acceso a materiais de alfabetización mediática tamén en lingua galega.
Acceso á colección completa: https://www.zoerr.de/edu-sharing/components/collections?id=bd9bdcb1-765c-4748-9bdc-b1765c874850
Acceso ao recurso “Alfabetización mediática e dixital para o manexo da información científica”: https://www.zoerr.de/edu-sharing/components/render/131b1775-0204-4e44-9b17-7502045e44a0?childobject_id=71e5b070-ff3d-4bf5-a5b0-70ff3d3bf51b


