O grupo de investigación Stellae, xunto aos grupos Crie e Edullab veñen de publicar a guía “Entre a oportunidade e a prohibición: riscos e malos usos da tecnoloxía na adolescencia”, un recurso educativo dirixido ao alumnado de Educación Secundaria que busca promover un uso responsable, crítico e seguro das tecnoloxías dixitais.
A publicación, dispoñible para descarga gratuíta en liña, forma parte do proxecto de investigación “Os materiais didácticos dixitais na Educación Secundaria Obrigatoria. Análise e propostas para o seu uso escolar e sociofamiliar” (Secundari@ Dixit@l, PID2022-137366OB-I00. IPs: Jesús Rodríguez Rodríguez e Diana Marín Suelves), no que participan grupos da Universidade de Santiago de Compostela, a Universitat de València e a Universidade de La Laguna.
A guía está editada inicialmente en galego, valenciano e castelán e, está prevista a súa publicación en inglés e portugués, co obxectivo de ampliar o seu alcance e impacto educativo a nivel internacional.
Un recurso práctico para a vida dixital do alumnado
A obra aborda de maneira clara e accesible os principais riscos asociados ao uso das tecnoloxías na adolescencia, combinando explicacións con situacións reais representadas en formato visual. Entre os temas tratados destacan o ciberacoso, a sobreexposición nas redes sociais, o acceso a contidos inapropiados, o uso da intelixencia artificial ou os riscos asociados aos videoxogos e ás compras en liña.
Segundo se recolle na guía, o seu propósito é “axudar á mocidade a tomar decisións máis responsables no uso da tecnoloxía”, ofrecendo tamén recomendacións prácticas tanto para o ámbito persoal como educativo.
O documento estrutúrase en varios bloques que inclúen:
- Situacións cotiás no ámbito persoal e escolar
- Recomendacións para adolescentes
- Recursos complementarios e información adicional
- Un cuestionario de autoavaliación sobre hábitos dixitais
Un enfoque educativo baseado na concienciación
Lonxe de propoñer a prohibición do uso tecnolóxico, a guía aposta por un enfoque equilibrado que combina oportunidades e riscos, promovendo o pensamento crítico e o benestar dixital. Tal e como se destaca no documento, o uso responsable da tecnoloxía é unha responsabilidade compartida entre adolescentes, familias, centros educativos e institucións.
A publicación pretende contribuír á transferencia do coñecemento científico á sociedade, facilitando ferramentas útiles para a educación dixital nun contexto no que a tecnoloxía forma parte esencial da vida cotiá da mocidade.
Acceso á guía
A guía pode descargarse de balde en galego a través da seguinte ligazón https://hdl.handle.net/10347/46824 e en castelán aquí: https://hdl.handle.net/10550/125377


