Os membros do Grupo de Investigación Stellae, Fernando Fraga Varela e Inés Ramos Trasar, publicaron o artigo «Plataformas digitales de gestión y autonomía docente: percepciones del profesorado de Educación Primaria» no último número da Revista Latinoamericana de Tecnología Educativa (RELATEC). O artigo analiza a percepción do profesorado de inglés en Educación Primaria sobre a súa autonomía e desenvolvemento profesional no contexto da implementación da LOMLOE, así como a súa posible relación co seu nivel de Competencia Digital Docente (CDD). A través dun deseño secuencial mixto, que incluíu grupos focais e un cuestionario a 872 docentes de todo o país, analizouse o impacto da reforma educativa e a súa relación coa Competencia Digital do profesorado.
Entre as principais conclusións destaca que, aínda que o profesorado enquisado afirma manter a súa autonomía dentro da aula, admite serias dificultades á hora de xestionar os novos elementos curriculares, especialmente os criterios de avaliación. Ademais, evidénciase un malestar ante a obrigatoriedade de usar plataformas dixitais de xestión. O profesorado identifica este fenómeno como unha «plataformización didáctica» que funciona máis como un mecanismo de control administrativo que como unha axuda pedagóxica. Respecto á Competencia Digital Docente, o informe sinala que ter un nivel de certificación máis alto se traduce nun maior uso da tecnoloxía en clase, pero non se aprecian melloras na percepción da autonomía ou no desenvolvemento profesional, o que suxire un enfoque excesivamente instrumental nos procesos de acreditación. Finalmente, conclúese que a LOMLOE, malia pretender promover a autonomía profesional do profesorado, xera na práctica novas formas de control administrativo que tensionan o seu desenvolvemento profesional.
Aceso ao artigo na seguinte ligazón: https://relatec.unex.es/index.php/relatec/article/view/4949

