Inés Ramos Trasar, membro do Grupo de Investigación Stellae, participou na “EERA Summer School 2025”, celebrada os días 2-6 de xuño, na cidade de Chemnitz localizada na rexión suroeste de Sajonia (Alemaña). Trátase dun encontro entre persoas investigadoras do ámbito nacional e internacional que busca ser un espazo de encontro, diálogo e reflexión para todas as persoas asistentes.

Esta cidade, elixida como anfitrioa da Summer School, será neste 2025 a Capital Europea da Cultura. Por iso, a Universidade Tecnolóxica de Chemnitz, decidiu centrar o foco temático do encontro no papel da «cultura» na investigación, as políticas e as prácticas educativas. Ademais, hai que destacar que esta facultade tamén alberga o Instituto de Pedagoxía (Institut für Pädagogik).

Neste contexto, a investigadora predoutoral Inés Ramos Trasar presentou no marco do seu proxecto de tese unha comunicación sobre a influencia das prácticas da xuventude influencer nas plataformas dixitais nunha analoxía co papel da escola como axente social e cultural.

Ademais, durante esta experiencia, a investigadora participou en varias sesións de traballo e asistiu a varias conferencias impartidas por diversos profesionais: Prof. Tanu Biswas (Universidade de Stavanger), Prof. Paul Standish (University College of London) e o Dr. Thomas Zingelmann (Universidade Friedrich Schiller de Jena). Mesmo puido desfrutar de varias excursións que lle permitiron coñecer a cidade.

Así, a EERA Summer School foi unha experiencia que lle brindou a oportunidade de discutir e compartir a súa investigación e a súa experiencia no programa de doutoramento, a través de grupos de discusión e workshops, baixo a axuda e supervisión de diversos profesionais investigadores e profesorado da Universidade Tecnolóxica de Chemnitz.

Share
This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.