Membros do Grupo de Investigación Stellae participaron no I Congreso Internacional, Profesional e Interuniversitario de Educación Social (CIPIES25), celebrado os días 8 e 9 de maio de 2025 na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) da Universidade de Santiago de Compostela. Este evento buscaba ser un espazo de encontro para as/os profesionais da Educación Social, tendo como temática central o benestar e o acompañamento socioeducativo.

Entre as distintas intervencións, Silvia López Gómez presentou a comunicación GALIMAP: unha ferramenta para a visibilización de materiais didácticos sociocomunitarios en Galicia, con autoría compartida con Ana Rodríguez Guimeráns, Jesús Rodríguez Rodríguez e a propia poñente, integrantes do grupo Stellae. En dita comunicación introduciuse o proceso de deseño, desenvolvemento e avaliación do primeiro Mapa Interactivo de Materiais Didácticos elaborados en contextos sociocomunitarios dos concellos de Galicia.

Así mesmo, Carolina Rodríguez González presentou a comunicación Creencias sobre los juegos de azar en adolescentes: el caso de Mario como activador, unha proposta elaborada xunto con Ana Rodríguez Groba, ambas integrantes tamén do grupo Stellae. Nesta comunicación analizouse unha actividade desenvolta nun proxecto de prevención escolar dos xogos de azar tanto online como presencial, que permitiu revelar cuestións clave nas que profundar en futuras actuacións preventivas.

O Congreso CIPIES25 supuxo para educadoras e educadores sociais, así como para outros/as profesionais interesados/as, un espazo único no que poder compartir investigacións, experiencias, coñecementos e prácticas innovadoras relacionadas co benestar e o acompañamento socioeducativo, eixos clave da profesión.

