A investigadora do GI Stellae, Silvia López Gómez, dirixe xunto a Apolinar Varela (UDC), e con Pablo Gayo Pérez, tamén do GI Stellae como persoal de apoio, a Microcredencial Universitaria en Playworker: Introdución á profesionalización do xogo para o sector socioeducativo, unha proposta formativa pioneira orientada á capacitación profesional no ámbito do xogo como ferramenta educativa, social e comunitaria.
O curso contará cun cadro docente de recoñecido prestixio no ámbito da investigación, a divulgación e a práctica profesional do xogo como Manuela Vázquez Coto, Paco Veiga, Xosé López González, Manolo García Fernández, Apolinar Varela e Raúl Fraguela Valle. Entre o profesorado universitario hai membros do GI como Jesús Rodríguez Rodríguez, catedrático que ofrecerá asesoramento pedagóxico ao alumnado, Silvia López Gómez, que abordará o potencial dos xogos dixitais e os xogos de mesa en contextos educativos e formativos xunto a Pablo Gayo Pérez, especialista en inclusión e diversidade.
O curso desenvolverase en modalidade presencial os días 9, 10, 16, 23 e 30 de abril, en horario de 16:00 a 21:00 horas, na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida). Conta con 30 prazas e está dirixido a persoas de entre 25 e 64 anos —requisito imprescindible para a matrícula—, tanto en situación de desemprego como profesionais en activo que desexen mellorar ou actualizar a súa formación.
A microcredencial está certificada pola USC e recoñecida con 2,5 créditos ECTS de validez europea, o que garante o seu aval académico e a acreditación de competencias especializadas nun ámbito con crecente proxección profesional.
Máis información e inscrición: https://www.usc.gal/gl/estudos/propios/curso-formacion-especifica-microcredencial/20252026/microcredencial-universitaria-playworker-introducion-profesionalizacion-xogo-sector-socioeducativo


