Os vindeiros días 28 e 29 de abril celebraranse na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela as XI Xornadas de Materiais Didácticos e Recursos Educativos: dende o local, unha actividade gratuíta dirixida ao estudantado das facultades de Ciencias da Educación e de formación do profesorado, educadoras e educadores sociais, profesorado de todos os niveis de ensino, pedagogas e psicopedagogas, así como a persoas interesadas nos materiais didácticos e nos recursos educativos. A iniciativa está organizada por Nova Escola Galega e o grupo de investigación CAVILA, coa colaboración, entre outras entidades, do Grupo de Investigación Stellae.
Nesta edición, os membros de Stellae Jesús Rodríguez Rodríguez e Denébola Álvarez-Seoane forman parte da coordinación da actividade, reforzando así a implicación do grupo na promoción da divulgación científica a través de espazos de encontro, reflexión e intercambio arredor dos materiais didácticos e dos recursos educativos. Ademais, Denébola Álvarez-Seoane impartirá o relatorio inaugural, titulado “Os materiais didácticos elaborados con perspectiva local”, centrado no valor dos materiais didácticos elaborados desde unha ollada contextualizada e vinculada ao territorio. O programa complétase con outras intervencións dedicadas ao Programa Educativo Ulla-Elemental, aos materiais didácticos para a educación e a literatura infantil, aos recursos para achegarnos á arquitectura e a un recurso educativo aberto sobre alfabetización mediática e dixital para o manexo de información científica, configurando así unha proposta de especial interese para distintos perfís profesionais do ámbito educativo.



