Integrantes do Grupo de Investigación STELLAE participan na organización e na docencia da microcredencial universitaria «Elaboración de materiais didácticos dixitais (nivel básico)», unha iniciativa formativa dirixida ao profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria que se desenvolverá integramente en liña entre o 26 de outubro de 2026 e o 26 de xaneiro de 2027.

A microcredencial xorde no marco do proxecto de I+D+i «Os materiais didácticos dixitais na Educación Secundaria Obrigatoria. Análise e propostas para o seu uso escolar e sociofamiliar (Secundari@ Dixit@l)» (PID2022-137366OB-I00), liderado por Jesús Rodríguez Rodríguez (USC) e Diana Marín Suelves (UV), e reúne persoal investigador de Canarias, Galicia e Valencia.

A microcredencial, de 4,5 créditos, é gratuíta e integramente en liña e foi deseñada especificamente para o profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria. A súa estrutura flexible permitirá que cada participante avance nos contidos de acordo coa súa dispoñibilidade.

A formación estrutúrase en cinco módulos que combinan a fundamentación pedagóxica coa aplicación práctica. Ao longo deles traballaranse os fundamentos para a selección, adaptación e creación de materiais didácticos dixitais; diferentes ferramentas para a creación de recursos; a intelixencia artificial xerativa e a súa integración nos procesos de ensino e aprendizaxe; os criterios para a avaliación e mellora da calidade dos materiais dixitais; e as relacións entre educación emocional, benestar e tecnoloxía na Educación Secundaria.

A proposta parte dunha concepción da tecnoloxía que vai máis alá do coñecemento instrumental das ferramentas. O propósito é proporcionar ao profesorado criterios pedagóxicos fundamentados para analizar, seleccionar, deseñar, adaptar e avaliar os materiais dixitais que utiliza na súa práctica educativa, atendendo tamén á accesibilidade, á inclusión e ás necesidades do alumnado.

A preinscrición estará aberta do 21 de setembro ao 2 de outubro de 2026 e as prazas son limitadas. A formación desenvolverase do 26 de outubro de 2026 ao 26 de xaneiro de 2027.

As persoas interesadas poden consultar toda a información e realizar o procedemento de inscrición a través da web da Universidade de Santiago de Compostela: https://www.usc.gal/es/estudios/propios/area-ciencias-juridicas-sociales/20262027/microcredencial-universitaria-elaboracion-materiales-didacticos-digitales-nivel-basico-secundaria-digital

Share
Resumen de privacidade

A páxina web de Hornos Lamastelle S.L. utiliza cookies. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.

Así mesmo podes consultar toda a información relativa á nosa política de cookies AQUÍ e a nosa política de privacidade AQUÍ.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.